Translate

domingo, 9 de agosto de 2015

Barbarie

Venres. Salta a miña alarma de WhatsApp: "Un home mata as súas dúas fillas en Moraña e intenta quitarse a vida". O meu corazón encóllese e automaticamente, posiblemente de forma inconsciente, vénme á cabeza a nai; unha nai á que lle acaban de arrebatar ás súas fillas. Unha nai que acaba de perder o que máis quere, as súas dúas nenas, e aconteceu porque así o decidiu quen tamén debería velar polo coidado e benestar delas, das súas fillas, das fillas dos dous. Unha proba de que o único que pode vencer ao amor é o odio. O odio infinito.
Resúltame máis que difícil expresar o que sento ante un suceso como o acontecido o pasado venres. Nun caso como este, os meus sentimentos complican que fale a Eva Martínez secretaria de Igualdade do PSdeG, así que estas palabras saen do máis profundo da Eva muller, divorciada e nai dun neno de 11 anos e unha nena de 3. Penso no sufrimento indescritible desa nai para a que posiblemente xa nada teña sentido, e mesmo nesas nenas, ás que o seu propio pai asasinou dunha forma atroz para quen sabe que... Vingarse da súa ex muller? Romper vínculos coa súa vida pasada? Dá igual... Nada, absolutamente nada, explica esta barbarie, a dun acto que supón a violencia levada ao extremo.
Agora xa só queda esperar a que actúe a xustiza, unha xustiza que ás veces parece que se nos queda curta para casos como o de Moraña. Pero máis alá disto, a sociedade no seu conxunto e, de forma moi especial, as persoas que formamos parte das administracións e institucións públicas, partidos políticos e xustiza, debemos analizar o acontecido para evitar xa non só que unha barbaridade como esta vólvase producir, senón que a violencia machista deixe de ser dunha vez por todas unha constante no noso día a día.
Por iso non me cansarei, non nos cansaremos, depedir que a violencia que se exerce contra as mulleres e os seus fillos e fillas deixe de converterse nunha especie de "suceso" inevitable que ocupa unha parte do periódico ou informativo -ás veces de forma residual e outras, como esta, de forma máis que destacada- e pase a considerarse un problema de Estado. Xa non se trata unicamente de criticar, de esixir máis fondos, de pedir que se aplique e desenvolva a Lei Integral de 2004 contra a Violencia de Xénero. Xa non se trata só de reclamar políticas de prevención -comezando coas primeiras etapas da vida nos centros escolares-, de asistencia e protección ás vítimas. Trátase de construír, de articular todas estas demandas e de poñelas en marcha coa colaboración, asesoramento e participación de todos os axentes implicados.
Resulta agora, cando van neste ano 23 mulleres asasinadas e 4 nenos e nenas, máis necesario que nunca asumir esta eiva como o que, un asunto de Estado e o tratemos como tal para todos os efectos.
E mentres acabo de escribir esta reflexión, vólveme saltar o WhatsApp por partida dobre: "Un home mata os seus dous fillos e a súa muller a tiros e suicídase" e "Deteñen o marido dunha muller aparecida morta hai uns días en Serra (Valencia)". Elévase a 25 o número de mulleres asasinadas e a 6 o de nenos e nenas.

Non hai palabras ... Só dúas. Basta Xa!

martes, 28 de xullo de 2015

O PP e a súa dobre moral

O pasado xoves 16 o Partido Popular levaba ao Congreso dos Deputados unha medida que supón un recorte de dereitos e liberdades para as mulleres: a reforma da coñecida como Lei do Aborto no seu artigo 13.4. E este auténtico castigo exérceo sobre o sector máis vulnerable, o das mulleres de 16 e 17 anos que se encontran en ámbitos complicados, de desarraigamento ou desamparo ou mesmo de violencia intrafamiliar.
Porque, como vimos insistindo dende o Partido Socialista, o PP manipulou a realidade -obviando que as mulleres menores de idade deben comunicar a súa decisión a nais, pais ou titores, salvo nas excepcións anteriormente mencionadas- para xustificar unha decisión que non gusta a case ninguén.
Esta reforma, que non era demandaba en absoluto polo conxunto dunha sociedade que convivía perfectamente coa Lei de Saúde Sexual e Reprodutiva e da Interrupción Voluntaria do Embarazo de 2010 e que foi promovida para contentar -e parece que sen éxito- a un sector ultraconservador que apostaba por unha modificación salvaxe e integral da lei, é dicir, que apoiaba a Lei Gallardón, vai provocar abortos clandestinos cando non a condenar ás mulleres novas a ser nais sen desexalo ou a que se produzan situacións con consecuencias dramáticas nestas familias con escenarios complexos e duros ao ter que pedir permiso paterno ou materno para poder interromper voluntariamente o embarazo. E iso por non falar de que o número de mulleres que abortan en España nesas idades é do 10%, é dicir, que se vai lexislar para menos de 1.200 mulleres, e que desas unicamente en torno ao 12% non llelo comunican aos seus pais por encontrarse nalgún dos supostos eximentes desa información previa... Esperpéntico, dramático e moi grave.
Pero isto non queda aquí. Porque mentres que o PP presume de ser o defensor da familia e da maternidade, ampara e consente outras medidas e decisións, por non falar dos seus propios recortes -reprodución asistida en sanidade pública, por poñer un exemplo-, que evitan que poidan ser nais aquelas mulleres que si desexan selo.
Na mesma xornada na que o Congreso sacaba adiante esa reforma, dende o PSdeG acompañábamos a Marta Fernández, unha enfermeira do 061 que sufriu un aborto despois de que a mutua lle denegase a baixa, e se ofrecía unha rolda de prensa para pedir explicacións á Consellería de Sanidade e esixir responsabilidades ante uns feitos que, ademais, non son os primeiros que se producen en Galicia. Marta, maior de 35 anos e, polo tanto, cun embarazo de risco (polo menos nos seus primeiros meses), viu como o seu desexo de ser nai se truncaba pola indolencia e falta total de profesionalidade dunha mutua que traballa para o Sergas. E é que se unha situación destas características é intolerable para calquera muller embarazada, o é nunha dimensión moito maior cando esta empresa é pública e, de forma case surrealista, pertence ao ámbito sanitario.

Unha vez máis, o Partido Popular volveu facer gala desa dobre moral que tanto practica: Obriga a ser nai a quen non quere e non llo permite -ou, polo menos, dificúltao bastante coas súas decisións e "silencios" - a quen o desexa. Polo tanto, menos reformas machistas, menos recortes en persoal e máis feminismo, máis dereitos, e, en definitiva, máis coherencia e cercanía ás mulleres, á sociedade.

mércores, 1 de xullo de 2015

Edu

Vivo nun barrio que se chama Canido. Un barrio ao que costa chegar dende o centro por esas rúas tan empinadas pero do que, disque, unha vez que estás nel, non queres marchar. E iso é o que parece que lle ocorreu ao artista local Eduardo Hermida e o que semella nos está pasando a moitas e moitos grazas ao gran traballo que persoas coma el están desenvolvendo dende hai uns anos.
Eduardo, ao que chamamos Edu as persoas que o aprezamos, ama Canido con todo ese corazón, que aínda que un pouquiño danado, conserva e irradia unha forza incrible para seguir creando, desenvolvendo proxectos e iniciativas culturais e ensinando o que sabe aos seus alumnos e alumnas dese estudo no que agora traballa na rúa Alegre.
E foi Edu, xunto cunha serie de artistas comprometidos con este barrio e coa cidade, o que está a convertir as rúas e edificios de Canido –moitos deles en estado de auténtica ruina- nun museo pictórico de acceso libre e ao aire libre. Foi Edu o que, dun xeito xeneroso e cunha perspectiva progresista e revindicativa, sacou a arte ás rúas como ferramenta de protesta polo lamentable estado no que se atopaba o barrio, o seu, pero tamén foi o que deu un pulo turístico e económico a esta zona de Ferrol, case que abandonada durante décadas.
As Meninas de Canido nas súas infinitas versións –como poderían ser As gaitas de Canido, os canguros de Canido ou calquer outro protagonista dun cadro, persoa, animal ou cousa do mundo levados ao barrio- se teñen convertido nun referente non so a nivel local, senón que a iniciativa, na que o urbanismo, a cultura, e mesmo o turismo danse a man, traspasou as nosas fronteiras e está sendo recoñecida incluso a nivel internacional.

Canido, grazas en boa medida a Edu -porque un Urban que o goberno local saínte  xestionou tarde, mal e a rastro semella que non está a resolver moitos dos problemas do barrio-, perde esa tristura que a caracterizaba e recupera pouco a pouco  iso que dicía a canción: Es en Canido donde reina la alegría, es en Canido donde reina el buen humor… Por todo o que fixeches e por todo o que sei que tes pensado facer, grazas.

venres, 5 de xuño de 2015

Novos tempos para o feminismo galego

Dicir que "non hai mal que por ben non veña" cando se trata de dereitos, ou mellor dito, cando se trata de recortes nestes ou directamente a súa eliminación, pode soar frívolo. Así que tratarei de explicarme o mellor posible para xustificar a utilización deste dito popular na miña reflexión.
A contrarreforma da Lei do Aborto auspiciada polo entón ministro de Xustiza do PP, Alberto Ruiz Gallardón, provocou unha contundente resposta da sociedade, pero sobre todo, das mulleres de todo o Estado. E Galicia non foi unha excepción. As feministas galegas, ante a ameaza dunha modificación nesta lei (antes mesmo de que Gallardón presentase o anteproxecto) reuníronse en torno á entón denominada Plataforma Galega polo Dereito ao Aborto, que veu traballando activamente ata agora en defensa do dereito das mulleres a decidir sobre o seu propio corpo e sobre algo tan persoal e íntimo como é a maternidade. E foi aí cando comezou un intenso e frutífero traballo en común.
Nacionalistas, independentistas, comunistas, socialistas... nesa plataforma tivemos e temos cabida todas. Porque ás obvias diferenzas políticas, as feministas galegas soubemos antepoñer a defensa dos nosos dereitos, soubemos deixar a un lado esa suposta distancia que nos separa e, facendo gala dunha enorme capacidade de diálogo e xenerosidade, realizamos un enorme -e magnífico, se se me permite- traballo, cuxos froitos á vista están.
E esa unidade é a que debe continuar. Non só porque, a pesar de conseguir tumbar esa reforma e mesmo propiciar a dimisión do ministro Gallardón, a ameaza segue máis viva que nunca con outra reforma pola que o Goberno do PP vai tutelar as mulleres de 16 e 17 anos e condenalas a abortar na clandestinidade ou a ter que informar un pai maltratador dun embarazo -cos riscos que iso supón-, senón porque se unha cousa quedou constatada nestes anos é que a unión fai a forza.
Nuns días, a Plataforma Galega polo Dereito ao Aborto decidirá, nun debate aberto, profundo e sobre o que se xa se leva traballando nos últimos meses, sobre o futuro desta e sobre a posibilidade de abrir ese abano de colaboración do colectivo feminista galego -que inclúe entidades, sindicatos e partidos políticos- a outros temas que nos afectan ás mulleres e que son motivo de desigualdade e discriminación, sobre os que tamén podemos traballar xuntas. A defensa dos dereitos sexuais e reprodutivos -máis alá do dereito ao aborto que figura no propio nome da plataforma- pode ser o inicio dunha colaboración que tamén vimos fluír na loita contra a violencia de xénero.

Facer un esforzo do que xa demos probas que somos capaces de facer para selar un acordo que nos leve a camiñar en común a todas as mulleres feministas de Galicia presúmese un reto apaixonante e, aínda que complicado, creo que é necesario se queremos conseguir avances. Polo menos, esta secretaria de Igualdade do PSdeG porá todo o que está na súa man para acadar que as mulleres galegas ocupemos o lugar que nos corresponde. E, se é posible, xuntas. 

sábado, 2 de maio de 2015

Auga: Xestión e Taxas

As e os ferroláns  estamos a recibir nestas semanas, ademais da habitual factura de Emafesa, un novo “agasallo”. Trátase dun documento de cor beis no que  figura o importe que desde xa (marzo) debemos abonar en concepto de taxa pola depuración das augas. En total, nesta primeira factura cuadrimestral desembolsaremos ao redor de 24 euros -algo máis de 35 de media en canto sexan semestrais, que é a periodicidade acordada polo grupo de goberno- os 33.000 contribuíntes conectados.
Primeiro problema. Destes 33.000, unicamente 10.000 están conectados de forma efectiva á rede, polo que máis de 20.000 contribuíntes realizarán este pago por un servizo non prestado. E a solución sería sinxela. Dado que a conexión vai por zonas, o Concello é perfectamente coñecedor de que abonados reciben este servizo e, en consecuencia, resultaría perfectamente viable o envío da factura aos fogares onde si xa se está desenvolvendo a depuración das augas.
Segundo problema. Ao abono dunha taxa pola prestación dun servizo que de forma amplamente maioritaria non se está prestando, súmase o importe da devandita taxa. Porque a ninguén se lle escapa que nestes momentos, nos que a cidadanía está a sufrir -e en Ferrol dunha forma especialmente cruel- os efectos dunha crise, incrementar o xa inxente número de recibos que todas e todos abonamos puntualmente cun de nova creación e que superará os 70 euros anuais, non deixa de ser unha auténtica faena. Sen mencionar o que pode supor este custo cando nin sequera recíbese un beneficio a cambio.
Cando, ademais, o 6% da taxa embolsarallo como beneficios Urbaser, a empresa que, xunto co Concello de Ferrol, integra Emafesa -49% a primeira e 51% o segundo-, non deberiamos cuestionarnos o propio sistema de xestión da auga e estudar de forma seria e solvente a posibilidade de municipalizala ao 100%? Non deberiamos esixir un servizo eficaz, eficiente e xusto no pago?

Espérannos numerosas concentracións veciñais, que sen dúbida, reflicten o sentir maioritario dunha cidadanía que está a pagar inxustamente as consecuencias dunha crise da que só se beneficiaron unhas e uns poucos. Os de “arriba”.