Vivo nun barrio que se chama
Canido. Un barrio ao que costa chegar dende o centro por esas rúas tan
empinadas pero do que, disque, unha vez que estás nel, non queres marchar. E
iso é o que parece que lle ocorreu ao artista local Eduardo Hermida e o que
semella nos está pasando a moitas e moitos grazas ao gran traballo que persoas
coma el están desenvolvendo dende hai uns anos.
Eduardo, ao que chamamos Edu as
persoas que o aprezamos, ama Canido con todo ese corazón, que aínda que un
pouquiño danado, conserva e irradia unha forza incrible para seguir creando, desenvolvendo
proxectos e iniciativas culturais e ensinando o que sabe aos seus alumnos e
alumnas dese estudo no que agora traballa na rúa Alegre.
E foi Edu, xunto cunha serie de
artistas comprometidos con este barrio e coa cidade, o que está a convertir as
rúas e edificios de Canido –moitos deles en estado de auténtica ruina- nun
museo pictórico de acceso libre e ao aire libre. Foi Edu o que, dun xeito
xeneroso e cunha perspectiva progresista e revindicativa, sacou a arte ás rúas
como ferramenta de protesta polo lamentable estado no que se atopaba o barrio,
o seu, pero tamén foi o que deu un pulo turístico e económico a esta zona de
Ferrol, case que abandonada durante décadas.
As Meninas de Canido nas súas
infinitas versións –como poderían ser As gaitas de Canido, os canguros de
Canido ou calquer outro protagonista dun cadro, persoa, animal ou cousa do
mundo levados ao barrio- se teñen convertido nun referente non so a nivel
local, senón que a iniciativa, na que o urbanismo, a cultura, e mesmo o turismo
danse a man, traspasou as nosas fronteiras e está sendo recoñecida incluso a
nivel internacional.
Canido, grazas en boa medida a Edu
-porque un Urban que o goberno local saínte xestionou tarde, mal e a rastro semella que
non está a resolver moitos dos problemas do barrio-, perde esa tristura que a
caracterizaba e recupera pouco a pouco
iso que dicía a canción: Es en
Canido donde reina la alegría, es en Canido donde reina el buen humor… Por
todo o que fixeches e por todo o que sei que tes pensado facer, grazas.
Ningún comentario:
Publicar un comentario