O pasado xoves 16 o Partido
Popular levaba ao Congreso dos Deputados unha medida que supón un recorte de
dereitos e liberdades para as mulleres: a reforma da coñecida como Lei do
Aborto no seu artigo 13.4. E este auténtico castigo exérceo sobre o sector máis
vulnerable, o das mulleres de 16 e 17 anos que se encontran en ámbitos
complicados, de desarraigamento ou desamparo ou mesmo de
violencia intrafamiliar.
Porque, como vimos insistindo
dende o Partido Socialista, o PP manipulou a realidade -obviando que as
mulleres menores de idade deben comunicar a súa decisión a nais, pais ou
titores, salvo nas excepcións anteriormente mencionadas- para xustificar unha
decisión que non gusta a case ninguén.
Esta reforma, que non era
demandaba en absoluto polo conxunto dunha sociedade que convivía perfectamente
coa Lei de Saúde Sexual e Reprodutiva e da Interrupción Voluntaria do
Embarazo de 2010 e que foi promovida para contentar -e parece que sen
éxito- a un sector ultraconservador que apostaba por unha modificación salvaxe
e integral da lei, é dicir, que apoiaba a Lei Gallardón, vai provocar
abortos clandestinos cando non a condenar ás mulleres novas a ser nais sen
desexalo ou a que se produzan situacións con consecuencias dramáticas nestas
familias con escenarios complexos e duros ao ter que pedir permiso paterno ou
materno para poder interromper voluntariamente o embarazo. E iso por non falar
de que o número de mulleres que abortan en España nesas idades é do 10%, é
dicir, que se vai lexislar para menos de 1.200 mulleres, e que desas unicamente
en torno ao 12% non llelo comunican aos seus pais por encontrarse nalgún dos
supostos eximentes desa información previa... Esperpéntico, dramático e moi
grave.
Pero isto non queda aquí. Porque
mentres que o PP presume de ser o defensor da familia e da
maternidade, ampara e consente outras medidas e decisións, por non falar dos
seus propios recortes -reprodución asistida en sanidade pública, por poñer un
exemplo-, que evitan que poidan ser nais aquelas mulleres que si desexan selo.
Na mesma xornada na que o
Congreso sacaba adiante esa reforma, dende o PSdeG acompañábamos a Marta
Fernández, unha enfermeira do 061 que sufriu un aborto despois de que a mutua
lle denegase a baixa, e se ofrecía unha rolda de prensa para pedir explicacións
á Consellería de Sanidade e esixir responsabilidades ante uns feitos
que, ademais, non son os primeiros que se producen en Galicia. Marta, maior de
35 anos e, polo tanto, cun embarazo de risco (polo menos nos seus primeiros
meses), viu como o seu desexo de ser nai se truncaba pola indolencia e falta
total de profesionalidade dunha mutua que traballa para o Sergas. E é que
se unha situación destas características é intolerable para calquera muller
embarazada, o é nunha dimensión moito maior cando esta empresa é pública e, de
forma case surrealista, pertence ao ámbito sanitario.
Unha vez máis, o Partido Popular
volveu facer gala desa dobre moral que tanto practica: Obriga a ser nai a quen
non quere e non llo permite -ou, polo menos, dificúltao bastante coas súas
decisións e "silencios" - a quen o desexa. Polo tanto, menos reformas
machistas, menos recortes en persoal e máis feminismo, máis dereitos, e, en
definitiva, máis coherencia e cercanía ás mulleres, á sociedade.
Ningún comentario:
Publicar un comentario