Venres. Salta a miña alarma de WhatsApp: "Un home mata as súas dúas
fillas en Moraña e intenta quitarse a vida". O meu corazón
encóllese e automaticamente, posiblemente de forma inconsciente, vénme á cabeza
a nai; unha nai á que lle acaban de arrebatar ás súas fillas. Unha nai que
acaba de perder o que máis quere, as súas dúas nenas, e aconteceu porque así o
decidiu quen tamén debería velar polo coidado e benestar delas, das súas
fillas, das fillas dos dous. Unha proba de que o único que pode vencer ao amor
é o odio. O odio infinito.
Resúltame máis que difícil
expresar o que sento ante un suceso como o acontecido o pasado venres. Nun caso
como este, os meus sentimentos complican que fale a Eva Martínez secretaria de
Igualdade do PSdeG, así que estas palabras saen do máis profundo da Eva muller,
divorciada e nai dun neno de 11 anos e unha nena de 3. Penso no sufrimento
indescritible desa nai para a que posiblemente xa nada teña sentido, e mesmo
nesas nenas, ás que o seu propio pai asasinou dunha forma atroz para quen sabe
que... Vingarse da súa ex muller?
Romper vínculos coa súa vida pasada? Dá igual... Nada, absolutamente nada,
explica esta barbarie, a dun acto que supón a violencia levada ao extremo.
Agora xa só queda esperar a que actúe
a xustiza, unha xustiza que ás veces parece que se nos queda curta para casos
como o de Moraña. Pero máis alá disto, a sociedade no seu conxunto e, de forma
moi especial, as persoas que formamos parte das administracións e institucións
públicas, partidos políticos e xustiza, debemos analizar o acontecido para
evitar xa non só que unha barbaridade como esta vólvase producir, senón que a
violencia machista deixe de ser dunha vez por todas unha constante no noso día
a día.
Por iso non me cansarei, non nos
cansaremos, depedir que a violencia que
se exerce contra as mulleres e os seus fillos e fillas deixe de converterse
nunha especie de "suceso" inevitable que ocupa unha parte do
periódico ou informativo -ás veces de forma residual e outras, como esta, de
forma máis que destacada- e pase a considerarse un problema de Estado. Xa
non se trata unicamente de criticar, de esixir máis fondos, de pedir que se
aplique e desenvolva a Lei Integral de 2004 contra a Violencia de Xénero. Xa
non se trata só de reclamar políticas de prevención -comezando coas primeiras
etapas da vida nos centros escolares-, de asistencia e protección ás vítimas.
Trátase de construír, de articular todas estas demandas e de poñelas en marcha
coa colaboración, asesoramento e participación de todos os axentes implicados.
Resulta agora, cando van neste ano 23 mulleres asasinadas e 4
nenos e nenas, máis necesario que nunca asumir esta eiva como o
que, un asunto de Estado e o tratemos como tal para todos os efectos.
E mentres acabo de escribir esta
reflexión, vólveme saltar o WhatsApp por partida dobre: "Un home mata os
seus dous fillos e a súa muller a tiros e suicídase" e "Deteñen o
marido dunha muller aparecida morta hai uns días en Serra (Valencia)". Elévase a 25 o número de mulleres asasinadas
e a 6 o de nenos e nenas.
Non hai palabras ... Só dúas.
Basta Xa!
Ningún comentario:
Publicar un comentario