Hoxe conmemórase
o Día Internacional contra a Explotación Sexual e o Tráfico de Mulleres, Nenas
e Nenos, instaurado pola Conferencia Mundial da Coalición Contra o Tráfico de
Persoas en coordinación coa Conferencia de Mulleres celebrada en Dhaka,
BanglaDesh, en xaneiro de 1999.
Sen lugar a
dúbidas, a trata de mulleres con fins de explotación sexual constitúe unha nova
forma de escravitude en pleno século XXI e supón unha flagrante violación dos
Dereitos Humanos, posto que atenta contra a liberdade, a integridade, a saúde,
a vida, a seguridade e a dignidade das persoas, ademais de seren unha das máis
duras manifestacións da desigualdade e da violencia de xénero. Ademais, despois
da venda de armas e de drogas, a trata con fins se explotación sexual supón o
terceiro negocio ilegal máis lucrativo do mundo. Só en España move ao día,
segundo a ONU, cinco millóns de euros, ou o que é o mesmo, 1.825 millóns de
euros ao ano.
Tampouco son
nada alentadores, e si moi alarmantes, as cifras relativas á trata e
explotación sexual de nenas e nenos, xa que, segundo a Organización
Internacional do Traballo, arredor de 1,8 millóns son vítimas de explotación
con fins sexuais. Este dato inclúe a utilización, o recrutamento ou a oferta de
nenos e nenas para a prostitución, a produción de pornografía e as actuacións
pornográficas. Neste caso, ademais, a explotación sexual leva consigo unha
serie de prácticas que danan a vida dos nenos e nenas, a degradan e poñen en perigo
a súa supervivencia e desenvolvemento.
As mulleres
traficadas son vítimas múltiples: dos traficantes, dos clientes e das súas
propias circunstancias. Así mesmo, sofren dunha forma especial a invisibilidade
e exclusión ás que as somete a sociedade na que habitan e que, na maior parte
dos casos, non é a da súa de procedencia. Polo tanto, estas mulleres sofren ata
o extremo as consecuencias das desigualdades e violencia de xénero, así como,
en moitas ocasións, da xenofobia e outras manifestacións de discriminación
social.
Desta dramática
realidade, que a priori podería parecer impensable nunha sociedade moderna e
desenvolvida, Galicia tampouco se escapa. De feito, segundo os datos
facilitados pola propia Xunta, as once entidades coas que colabora atenderon en
2014 a 7.118 persoas que se atopan nalguna destas situacións, das que 6.868
eran mulleres, 112 homes, 125 transexuais e 13 travestis. Esta cifra amosa que o número de persoas
obxecto de explotación sexual vai en aumento, xa que en 2013 as persoas atendidas
foron 5.153, é dicir, 1.965 menos que ao longo do pasado ano.
Polo tanto,
debemos ser especialmente contundentes coas medidas a aplicar para rematar co
tráfico e explotación de mulleres e de nenas e nenos. Debemos afondar na orixe
destas mafias e redes para desmantelalas, debemos traballar de forma pertinaz
na educación en igualdade, na asistencia e inserción das vítimas, e non podemos
escatimar esforzos nin recursos para rematar con este negocio totalmente
degradante para quen o sofre. Nesta loita, é parte fundamental a prevención,
que debe pasar polo rexeitamento social a este tipo de escravitude. En
consecuencia, as políticas públicas en materia de trata deben contemplala, así
como a demanda porque, sen lugar a dúbidas, a trata de seres humanos con fins
de explotación sexual e a prostitución van unidos. A trata existe porque hai
demanda, polo que se realmente queremos rematar coa explotación sexual temos
que rematar coa demanda e coa tolerancia social.
Dende o Partido
Socialista esiximos, unha vez máis, unha Lei Integral contra a trata de persoas
con fins de explotación sexual, e pedimos ás administracións públicas que
incrementen as partidas concretas para a erradicación destas redes de tráfico e
explotación sexual e os protocolos de colaboración con outras institucións e
organismos implicados e que, a maiores e dende as súas respectivas competencias,
desenvolvan medidas e programas de actuación encamiñados a que as vítimas non
só superen o trauma e secuelas físicas e psíquicas xeradas pola súa situación,
senón que, ademais, se fagan visibles na sociedade na que vivimos. Visibles e,
sobre todo, libres.
Ningún comentario:
Publicar un comentario