Crise. Unha palabra que
empeza a soarnos a pitorreo e da que estamos
realmente ata onde vostedes saben. Esta palabra foi utilizada nos últimos anos
polo Partido Popular para xustificar infinitos recortes e leis, que lonxe de
solucionar as cousas, acentuaron aínda máis as diferenzas existentes entre
clases, entre ricos e pobres e, dunha forma especialmente notoria, entre homes
e mulleres.
Porque se hai un colectivo que está a pagar as súas políticas neoliberais e
profundamente ideolóxicas, este é, sen dúbida ningunha, o das mulleres. Co manido pretexto da crise, o PP
cargouse leis socialistas especialmente positivas para a muller, como a de
Dependencia, e pretende facelo con outras como a de Saúde Sexual e Reprodutiva
e da Interrupción Voluntaria do Embarazo, que ademais de supoñer recortes
económicos, levan consigo a eliminación de algo trascendente:
algúns dos dereitos máis importantes, e fundamentais, da muller.A Reforma Laboral, que vén
de cumprir dous anos, non se aparta nin un ápice desta aplicación do seu manual
ideolóxico, posto que ademais de prexudicar ao home -poderiamos dicir que a
reforma o "feminiza" laboralmente-, amplía
as diferenzas existentes coas mulleres. Esta reforma, coa que o PP pretende expulsar sen máis a muller do mercado laboral
e condenala a mera figura decorativa, reprodutiva e "coidadora" do
fogar, levou máis mulleres ao paro, que seguen sendo as máis castigadas polo
desemprego, ademais de seguir liderando o apartado relativo aos contratos
temporais.
E iso por non falar da brecha salarial existente entre homes e mulleres,
situada en case un 23%. O feito de que cada ano se incremente a diferenza entre
o que cobra un home e unha muller por desempeñar o mesmo posto de traballo -un
0,5%, segundo informes sindicais- non vén máis que a confirmar o éxito das
políticas do PP. “Éxito” que dende o Partido Socialista imos combater en todas as
institucións, esixindo que se derroguen reformas absurdas e leis retrógradas e
promovendo normas de calado social como a de Igualdade Salarial entre Home e
Mulleres. Porque a súa vitoria é o noso fracaso, o das mulleres.
Publicado en La Voz de Galicia en abril de 2014