Dicir que "non hai
mal que por ben non veña" cando se trata de dereitos, ou mellor dito,
cando se trata de recortes nestes ou directamente a súa eliminación, pode soar
frívolo. Así que tratarei de explicarme o mellor posible para xustificar a
utilización deste dito popular na miña reflexión.
A contrarreforma da Lei do
Aborto auspiciada polo entón ministro de Xustiza do PP,
Alberto Ruiz Gallardón, provocou unha contundente
resposta da sociedade, pero sobre todo, das mulleres de todo o Estado. E
Galicia non foi unha excepción. As feministas galegas, ante a ameaza dunha
modificación nesta lei (antes mesmo de que Gallardón
presentase o anteproxecto) reuníronse en torno á entón denominada Plataforma Galega polo Dereito ao Aborto, que veu traballando
activamente ata agora en defensa do dereito das mulleres a decidir sobre o seu
propio corpo e sobre algo tan persoal e íntimo como é a maternidade. E foi aí
cando comezou un intenso e frutífero traballo en común.
Nacionalistas,
independentistas, comunistas, socialistas... nesa plataforma tivemos e temos
cabida todas. Porque ás obvias diferenzas políticas, as feministas galegas
soubemos antepoñer a defensa dos nosos dereitos, soubemos deixar a un lado esa
suposta distancia que nos separa e, facendo gala dunha enorme capacidade de
diálogo e xenerosidade, realizamos un enorme -e magnífico, se se me permite-
traballo, cuxos froitos á vista están.
E esa unidade é a que debe
continuar. Non só porque, a pesar de conseguir tumbar esa reforma e mesmo
propiciar a dimisión do ministro Gallardón, a ameaza
segue máis viva que nunca con outra reforma pola que o Goberno do PP vai tutelar as mulleres de 16 e 17 anos e condenalas a
abortar na clandestinidade ou a ter que informar un pai maltratador dun
embarazo -cos riscos que iso supón-, senón porque se unha cousa quedou
constatada nestes anos é que a unión fai a forza.
Nuns días, a Plataforma Galega polo Dereito ao Aborto decidirá, nun debate
aberto, profundo e sobre o que se xa se leva traballando nos últimos meses,
sobre o futuro desta e sobre a posibilidade de abrir ese abano de colaboración
do colectivo feminista galego -que inclúe entidades, sindicatos e partidos
políticos- a outros temas que nos afectan ás mulleres e que son motivo de
desigualdade e discriminación, sobre os que tamén podemos traballar xuntas. A
defensa dos dereitos sexuais e reprodutivos -máis alá do dereito ao aborto que
figura no propio nome da plataforma- pode ser o inicio dunha colaboración que
tamén vimos fluír na loita contra a violencia de xénero.
Facer un esforzo do que xa
demos probas que somos capaces de facer para selar un acordo que nos leve a
camiñar en común a todas as mulleres feministas de Galicia presúmese un reto
apaixonante e, aínda que complicado, creo que é necesario se queremos conseguir
avances. Polo menos, esta secretaria de Igualdade do PSdeG porá todo o que está
na súa man para acadar que as mulleres galegas ocupemos o lugar que nos
corresponde. E, se é posible, xuntas.
Ningún comentario:
Publicar un comentario