A repartición
das dedicacións exclusivas/parciais no Concello de Ferrol é, por empregar un
termo suave, surrealista. Talvez sexa porque o que está a ocorrer na propia corporación tamén o provoque, porque o
certo é que estamos ante unha situación inaudita, onde goberna un grupo con
seis edís de FeC máis dous non adscritas e fronte a esta suma de oito sitúanse,
nin máis nin menos, que 17 persoas pertencentes a catro partidos.
E, á xa difícil
tarefa de gobernar con oito -quede dito de antemán que non defendo esta opción,
como xa non o facía, polas dificultades que entrañaba, co pacto FecC /PSdeG sen
incluír a un BNG que garantía o fatídico 13 que outorga a maioría en pleno-, algunhas
e algúns decidiron complicar máis, se cabe, as cousas.
Resulta que
agora debe dar máis traballo estar na oposición que no goberno, tal e como se
deduce das dedicacións exclusivas aprobadas nun polémico pleno grazas a un
pacto antinatura entre socialistas e populares. Así as cousas, as dedicacións
exclusivas, isto é cobrar un soldo -non excesivamente elevado, certo é, pero
polo menos digno- e cotizar, repartíronse de modo que grupos que actualmente
teñen tres concelleiros contan con dúas exclusivas/parciais ou que, con once
edís, cinco atópense nesta situación. E, mentres, o goberno de oito debe facer
o seu traballo con catro, incluida a do alcalde.
Gustaríame
entender cómo se pode desenvolver a tarefa de goberno, sobre todo nunha cidade
como a nosa, cunhas necesidades moi especiais e urxentes, cando se ha de
compatibilizar o traballo de concelleiro co que se teña máis aló da praza de
Armas. Gustaríame entender como podemos dignificar a política se priman os
intereses de quen fixo da mesma un modo de vida e, por tanto, ten
funcionarizada a súa situación laboral nunha ou outra administración. En
definitiva, gustaríame saber as razóns, máis aló do estritamente numérico,
polas que a oposición cobra máis que o goberno, sexa da cor que sexa.
Porque, digo eu,
para “tombar” a un goberno existen fórmulas legais, como a moción de censura,
sen necesidade de “asfixiar” a un goberno que xa per se ten escasa maniobra de actuación –situación na que,
efectivamente, o alcalde ten moita responsabilidade-. Salvo que esta segunda
fórmula teña outro obxectivo que, me da, nada ten que ver con buscar solucións
para que esta cidade avance.
Ningún comentario:
Publicar un comentario