O outro día chamoume a atención atoparme no Obradoiro de
Santiago aos alcaldes desa cidade e da Coruña comparecendo ante os medios. Unha
sorpresa motivada pola insistente énfase anticlerical dos rexedores de Mareas e
porque estaba a celebrarse ante a catedral e co deán.
A miña inicial sorpresa transformouse en indignación cando,
horas máis tarde, lin que a visita do alcalde coruñés tiña como obxectivo
conseguir a Compostela para quen realizaba o Camiño Inglés desde a cidade
herculina. Todo un cúmulo de despropósitos se temos en conta eses principios
ideolóxicos que din levar á práctica ao extremo pero, sobre todo, porque se
falaba do Camiño Inglés coma se non existise xa e coma se non saíse (ademais)
dun municipio, onde, por certo, tamén está a gobernar un alcalde da mesma onda,
que non se atopaba entre a comitiva.
Ao gran. O Camiño Inglés está recoñecido desde Ferrol, xa que
para que a Igrexa outorgue a Compostela téñense que percorrer máis de 100
quilómetros, unha distancia que se supera neste caso e non o fai na ruta que
parte desde A Coruña. Pero, máis aló de cuestións “eclesiásticas” -non menores cando falamos dunha peregrinaxe que
moita xente realiza por razóns relixiosas-, o Camiño converteuse nunha poderosa
ferramenta turística e cultural para os municipios polos que se pasa. E o
inglés -o preferido outrora por peregrinos dos países Escandinavos, Flandes, Países
Baixos, Bálticos, do norte de Francia e, ante todo, polos romeus ingleses e
irlandeses para chegar a Galicia -, non é menos, tal e como o constatan os
últimos datos. Por iso, o feito de que se “oficialice” a ruta desde A Coruña
pode supoñer un verdadeiro problema para a nosa cidade. Porque, digo eu, se
quixesen revitalizar o Camiño Inglés no seu conxunto, contarían os dous
alcaldes co de Ferrol, non? E se quixesen establecer unha colaboración para
mellorar esa ruta e non caer en algo así como unha “competencia desleal”, tamén
o chamarían, non? Claro, que os feitos ocorridos hai uns días apuntan ao
contrario.
O Camiño Inglés debe ser potenciado e, sobre todo, mellorado.
É necesario contar cun albergue en Ferrol -cidade e, a poder ser, en Ferrol
Vello-, cunha mellor sinalización -existía un proxecto de Eduardo Hermida moi
interesante respecto diso- e con mellores infraestruturas -tanto á saída como
ao seu paso por diferentes lugares da comarca, onde a falta de mantemento e
atención é máis que notoria-. Así que
fagamos camiño, pero non só ao andar, senón tamén con propostas e
reivindicacións. Que outros non perden o tempo.
Ningún comentario:
Publicar un comentario