Translate

domingo, 29 de maio de 2016

Valentía contra a prostitución



Coñecía onte pola mañá a campaña que iniciou unha cadea de televisión sobre prostitución e explotación sexual. A verdade é que dita cadea, que xeralmente é criticada pola calidade da programación -que logo, curiosamente, ve “facendo zapping” unha boa parte da poboación-, acertou nalgunhas destas campañas de denuncia, suplindo a miúdo o papel que debería impulsar e desenvolver o Goberno.
Poñendo en corentena algún dato que se ofrece -sabemos que as cifras oscilan en función da fonte neste e en calquera outro tema-, dicir que máis do 80% das mulleres que exercen a prostitución -os que eu manexo superan o 90%- fano obrigadas e que en España existen, nin máis nin menos, que ao redor de 14.000 escravas sexuais debe facernos reflexionar polo menos uns minutos sobre o que iso significa.
Como un Estado pode permanecer impasible, cando non mirando para outra banda, mentres estamos a falar de escravitude? Talvez o feito de que á prostitución se lle coñeza como “a profesión máis antiga do mundo”, con toda a carga psicolóxica e social que leva, non teña axudado precisamente a afrontar o problema como o que realmente é: unha das formas máis salvaxes de exercer a violencia contra as mulleres, consideradas como mera mercadoría. Unha violencia á que, a cotío, súmanse outros factores estreitamente ligados á discriminación, como poden ser unha pobreza especialmente feminizada ou a xenofobia no caso daquelas que proceden doutros países -unha maioría que, ademais, adoitan chegar con promesas que logo resultan ser falsas-.
Outro dato especialmente relevante é o que constata que a gran maioría das mulleres que exercen a prostitución non o fan de forma voluntaria e porque, como algunhas persoas defenden, decidiron facer co seu corpo o que consideran oportuno, senón que se viron abocadas a iso por diferentes razóns -algunhas delas expostas anteriormente- ou, directamente, son escravas duns proxenetas que, sen ningún tipo de escrúpulo, contrólanas, diríxenas e mesmo ás veces mantéñenas sedadas e drogadas para poder salvagardar un negocio que o Goberno de España do PP decidiu incluír no PIB? Lucrativo, por suposto, pero indigno (e inconcibible), tamén.
Incide tamén a campaña no que, polo menos baixo o meu punto da miña vista, está o “meollo” da cuestión: a demanda. É evidente  que se existe prostitución é porque hai clientes e tamén parece obvio que se se puxese fin á demanda, tamén se terminaría a prostitución. Por tanto, se o que queremos é acabar coa prostitución e todo tipo de explotación sexual e trata, é necesario perseguir dita demanda. Non podemos limitar o problema ao proxenetismo -que tamén-, senón que debemos buscar fórmulas, como as que, por exemplo, acaban de aprobar os nosos veciños franceses, para castigar e/ou sancionar aos clientes. Leis integrais que acheguen solucións integrais.

Porque se hai outra cousa que, tanto a sociedade como os gobernos, debemos ter clara é que as mulleres  nunca poden ser as perseguidas. Pola contra, temos que garantir, por unha banda, ese recoñecemento de vítimas -modificando, entre outras medidas, a Lei integral contra a violencia de xénero de 2004, que non recoñece ás prostitutas agredidas como vítimas de violencia machista, con todo o que supón- e, por outro, garantir a reinserción social e laboral dunhas persoas -maioritariamente mulleres- que merecen, como todas as persoas, ter unha vida digna e ser libres.


http://praza.gal/opinion/3360/valentia-contra-a-prostitucion/

martes, 19 de abril de 2016

Cidadás de segunda

Leo con certo estupor unha noticia na que se informa de que o Sergas xa non pide a proba da toxoplasmose ás mulleres embarazadas. E digo estupor porque precisamente nos meus dous embarazos os resultados da devandita proba condicionaron en boa medida o meu “benestar”, polo menos no relativo ao gastronómico e dixestivo. Ou dito doutro xeito, que os dous negativos das análises impediron que durante 18 meses (nove por cada xestación) puidese inxerir alimentos como o xamón serrano, o chourizo ou a carne pouco feita, o que para min supuxo un verdadeiro calvario -tanto, que supliquei ao pai do meu primeiro fillo mentres estaba de parto que baixase á cafetería a por un bocadillo de xamón serrano para celebrar o nacemento como correspondía-.
Ben, deixando a un lado esta consideración persoal que pode parecer un tanto cómica ou mesmo superficial, parece que neste caso a razón que se esgrime non é de carácter ideolóxico nin económico, pero o certo é que a medida -que, por outra banda, non se aplica de momento en todo o territorio galego- vén sumarse a outras anteriores que si o son. Porque os e as que din defender ás mulleres que desexan ser nais -si, falo do Partido Popular- quedan niso, en palabrería.
Exemplo. Como moitas mulleres, parín en 2004 no entón denominado Arquitecto Marcide de Ferrol sen epidural porque o Goberno do PP da Xunta, non achegaba fondos para contratar anestesistas, e tivo que ser o Bipartito o que, un ano máis tarde, deu resposta a esta demanda.
Exemplo. Aquelas mulleres que, desexando ser nais, vense obrigadas a abortar por razóns médicas no segundo trimestre de embarazo, polo menos en Ferrol e A Coruña, son sometidas á indución ao parto nunhas condicións que non se axustan ao que marcan os protocolos internacionais. Ademais, as que, ofrecendo o Sergas esa opción, deciden abortar en Madrid, atópanse co problema de que teñen que abonar boa parte dos custos da viaxe. Desde logo, non son as mellores políticas para fomentar a natalidade e animar ás mulleres, que en ocasións teñen que recibir atención psicolóxica por estes abortos
Exemplo. O PP, con Gobernos con maioría absoluta en Madrid e Galicia, decide eliminar da carteira servizos comúns do Sistema Nacional de Saúde o financiamento dos tratamentos de fertilidade e de inseminación artificial ás mulleres que, paradoxalmente, poderían precisar en maior medida devanditos tratamentos: mulleres lesbianas, soas e maiores de 40 anos.
Son unicamente tres exemplos, pero suficientemente significativos. O Partido Popular non só decidiu manter unha pugna contra aquelas mulleres que, exercendo o seu dereito para decidir, non queren ser nais, senón que tamén o fai contra as que queren selo. Porque detrás destas medidas e recortes subxace unha idea interiorizada para un amplo sector do PP: a de considerar ás mulleres cidadás de segunda.

Así que pouco ou nada avanzaremos en dereitos tan básicos como o de saúde se mantemos nas institucións a quen non só non cren nunha sanidade pública, universal e gratuíta, senón que tampouco cren na igualdade entre homes e mulleres.

domingo, 3 de abril de 2016

Besteiro & Cancela

Formei parte da Comisión Executiva de José Ramón Gómez Besteiro. Durante dous anos e medio, tiven a oportunidade e a sorte de traballar á beira de quen foi o primeiro secretario xeral do PSdeG saído dun proceso de Primarias. “Son fillo das Primarias”, dicía el sempre que se cuestionaba -e foron moitas- a súa representatividade e lexitimidade ou cada vez que se poñía en dúbida o seu modo de facer as cousas. Fundamentalmente nos últimos tempos, a presión foise incrementado ata facerse insoportable e insustentable e, empuxado polas imputacións dunha  xuíza convertida na raíña das casualidades e de marcar os tempos políticos -de forma moi especial os do Partido Socialista-, Besteiro decidiu abandonar.
Non vou ocultar a miña tristeza e desilusión ante o ocorrido. José Ramón Gómez Besteiro non só era o mellor candidato que tiña este partido para acabar cun Goberno terrible para Galicia como está a ser nestes últimos anos o do Partido Popular, senón que ademais foi  vítima das consecuencias dunha  cuestionable decisión xudicial e, o que é peor, dun cainismo que nestas semanas rezumaba un fedor putrefacto.
Tampouco serei eu quen se erixa na avogada defensora da inocencia do que foi o meu, o noso secretario xeral. Pero si direi que se houbo unha cualidade que me resultou destacable de Besteiro ao longo destes anos, ademais da súa capacidade de diálogo, humildade e confianza na súa xente, é a honestidade. Ata entón, non coñecera a ninguén que realmente tomase decisións -algunhas delas especialmente duras- pensando única e exclusivamente no partido e, de forma moi especial, na militancia. Unha militancia usada torticeramente en diversas ocasións por outras persoas para aferrarse aos seus cargos. Nin presidente da Deputación, nin Senado -co que sabemos que isto implica-, nin candidato á Xunta, nin secretario xeral do PSdeG… Besteiro, que o podía ter todo, converteuse nun afiliado máis por responsabilidade, respecto e entrega ao partido.
Pero, como se adoita dicir, a vida continúa. Sen deixar de confiar na xustiza, o presente, e parece que tamén o futuro, do PSdeG teñen nome de muller. Porque, se algo bo ten esta situación, é que quen tomou as rendas do partido é unha persoa que neste tempo gañouse o posto que agora Ferraz outorgoulle.
Traballadora, comprometida, feminista, dialogante ata a extenuación, leal, formada e capaz, Pilar Cancela representa á perfección esa imaxe de “nova política” que necesita nestes momentos o PSdeG. Cunha naturalidade innata e un discurso socialista propio sen esas frases enlatadas que usan algúns dos que fixeron da política o seu modo de vida, Cancela ten por diante uns retos complicados, sobre todo polas frontes abertas dentro do partido, pero non imposibles.

Como dicimos por estas terras, os tempos son chegados. Se queremos un PSdeG forte con vistas a liderar un Goberno de cambio na Xunta, debemos unirnos e apoiar a quen ten a responsabilidade e capacidade de facelo: Pilar Cancela.



domingo, 13 de marzo de 2016

136 anos contra o machismo

136 anos. Nin máis nin menos. Este é o tempo que o Partido Socialista leva loitando contra o machismo. Desde a súa fundación. Case un século e medio do que as mulleres que formamos parte desta agrupación podemos sentirnos orgullosas.
“Do Partido Socialista forman parte as mulleres, e é natural que así sexa, porque se os homes necesitan emanciparse, elas necesítano máis, por ser maior a súa escravitude, e para acabar con ela non poden ir a outro partido, xa que soamente o socialista loita pola desaparición de todas as esclavitudes”. Esta frase de Pablo Iglesias (Posse, o ferrolán, o “noso”) exemplifica á perfección o que foi o socialismo para as mulleres e, de forma especial, para a igualdade.
Nunha data como esta, na que celebramos o noso día, non está de máis facer unha mención e un recoñecemento a quen loitou -e ségueo facendo- pola igualdade en todas as súas vertentes. E non un día, senón os 365 días do ano dos últimos 136. Un partido que, ninguén o nega, cometeu erros –que pagou, e con fartura, nas urnas-, pero que resultou ser decisivo e clave en todas as políticas de progreso e de avance nos dereitos e liberdades de nós, das mulleres.
Desde o ámbito interno que reivindicaba Iglesias Posse e que foi unha constante nestes 136 anos -pasamos de poder formar parte do partido nuns momentos nos que a políticas era só cousa de homes, a converternos en responsables orgánicas e institucionais e a conseguir a aplicación das listas “cremalleira”, deixando polo medio etapas de diferente grao de participación e as famosas cotas-, ás políticas que se impulsaron, nos nosos gobernos, e defendido, na oposición. A igualdade efectiva no ámbito laboral, a corresponsabilidade, a loita contra a brecha salarial, os dereitos sexuais e reprodutivos ou a loita contra a violencia machista foron obxectivos do Partido Socialista e así o demostramos coa elaboración e desenvolvemento de leis, tanto a nivel estatal como da Xunta de Galicia.
Porque en Galicia, as mulleres (e os homes) socialistas tamén cremos que a loita contra o machismo é prioritaria. Con Gobernos fundamentalmente conservadores ao longo da súa historia democrática, a desigualdade entre homes e mulleres foi superior á da maior parte do Estado. E, así, a pesar do significativo avance rexistrado durante o Goberno Bipartito, o certo é que as mulleres sufrimos máis paro, máis desigualdade e máis machismo que en moitos outros territorios de España.
Por iso, un día como hoxe debemos alzar as nosas voces e revindicarnos. Reivindicarnos como mulleres, pero tamén como socialistas. Dicir ben alto que se algo temos desa “vella política” da que nos acusan os que presumen de representar ao novo, é que precisamente levamos moitos, moitos días e moitos, moitos anos, defendendo os dereitos e liberdades das mulleres. Moitos días de moitos anos traballando por conseguir unha igualdade que, lonxe de alcanzarse, está na actualidade en serio perigo de ir para atrás como consecuencia dos recortes económicos, pero tamén ideolóxicos, do Partido Popular.
E para conseguir esta igualdade, as mulleres socialistas sabemos que debemos ir xuntas. Queremos ir xuntas con outras mulleres, con todas aquelas coas que compartimos eses obxectivos de igualdade, de NON rotundo a todo tipo de machismo e de conduta discriminatoria cara ás mulleres. Por iso, o Partido Socialista de Galicia estará e formará parte sempre de todas aquelas plataformas e organizacións onde a inclusión, o feminismo e a loita contra a desigualdade sexan os seus alicerces fundamentais.

Hoxe é un día de festa. Hoxe é un día de traballo. Hoxe é un día de reivindicación. É o día das mulleres. Feliz 8 de marzo!

domingo, 14 de febreiro de 2016

Tocáronnola


Un ano por estas datas, o PSdeG, a través da Secretaría de Igualdade, en colaboración con Xuventudes Socialistas de Galicia, poñía en marcha a campaña “Que non nos toquen a lei”, en resposta á pretendida modificación por parte do PP do artigo 13.4 da coñecida como Lei do Aborto.

Coincidindo coa celebración, o 14 de febreiro, do Día da Saúde Sexual, saiamos á rúa para repartir condóns e, co lema desa iniciativa, -en claro rexeitamento a unha modificación que atentaba contra os dereitos das mulleres, especialmente das máis vulnerables, as máis novas en situación de violencia, desarraigamento ou desamparo-, poñer de manifesto a importancia que ten a educación e prevención para evitar embarazos non desexados, o fin último desta lei que xa leva no seu nome as palabras “saúde sexual e reprodutiva”.

De feito, a finais de decembro coñeciamos os datos relativos ás interrupcións voluntarias de embarazo e, por primeira vez dende 2005, os abortos en 2014 caían por debaixo dos 100.000, sendo 94.796, isto é, un 12,8% menos que o ano anterior. Este descenso, malia non afectar a Galicia, que mantén case inalterables as súas cifras –precisamente pola razóns de que non baixen vimos de preguntar ao Goberno da Xunta no Parlamento-, tamén afectou ás mulleres menores de 19 anos, pasando de 12,23 de cada mil a 9,92. E este é o terceiro descenso consecutivo.

Pois ben, pasado un ano, o PP tocóunola. Tocou unha lei que fora froito do consenso e, aínda que mellorable e revisable -como todas, por certo-, unha lei que, como amosan os datos, estaba comezando a dar os seus froitos malia non ser desenvolvida polo Partido Popular. Un ano máis tarde, as mulleres de 16 e 17 anos que quedan embarazadas e non queren ser nais, vense ante unha perigosa disxuntiva: a de abortar con garantías sanitarias, pero previa aprobación materna ou paterna mesmo nos casos nos que existe violencia intrafamiliar, desarraigamento ou desamparo, ou a de facelo de forma clandestina, co importante risco para a saúde que iso leva.

Por tanto, no Día da Saúde Sexual debemos esixir que “nos devolvan a lei” e que, por tanto, o Goberno entrante -esperemos que progresista e liderado por Pedro Sánchez, fiel defensor dos dereitos e liberdades das mulleres- recupere a lexislación anterior, para poder desenvolvela e, no seu caso, mellorala en todo aquilo que sexa preciso.

Precisamente un dos problemas principais que se detectaron nestes anos é a falta de información entre a mocidade. Así, os estudos constatan que máis do 50% das mulleres menores de idade que abortaron non tomaran -nin elas nin a súa parella, por suposto- medidas anticonceptivas. E non nesa ocasión, senón dun xeito habitual. E o mesmo ocorre coas mulleres menores de 19 anos que manteñen relacións sexuais, con independencia de que se produza ou non un embarazo. A razón? Pois imaxino que haberá varias, pero estou totalmente convencida de que o descoñecemento ou, o que é o mesmo, a nula ou escasa información e formación recibida nas súas respectivas casas e centros escolares está detrás dunha realidade que nos está retrotraendo a moitas décadas atrás.

Se queremos evitar embarazos non desexados, que como dicía antes, é o obxectivo da Lei de 2010 -o aborto non é máis que a solución última a romper cunha maternidade non desexada por parte da muller, que é quen ten e, por tanto, exerce ese dereito-, debemos poñer o acento na educación; unha educación afectivo-sexual que se imparta nos centros escolares e que teña como destinatarios a nenos e nenas desde idades temperás. Por tanto, non só é necesario recuperar Educación para a Cidadanía, como materia fundamental para que o alumnado reciba formación en valores como a igualdade, a tolerancia ou o respecto á diversidade, senón que tamén as administracións teñen que impulsar unha materia a través das que formemos a nenas e nenos, mulleres e homes informados acerca dos nosos respectivos corpos, saúde e dereitos sexuais e reprodutivos. Só con prevención e información poderemos acadar unha sociedade sexualmente saúdable.


http://praza.gal/opinion/3149/tocaronnola/