Leo con certo estupor unha
noticia na que se informa de que o Sergas xa non pide a proba da toxoplasmose
ás mulleres embarazadas. E digo estupor porque precisamente nos meus dous
embarazos os resultados da devandita proba condicionaron en boa medida o meu
“benestar”, polo menos no relativo ao gastronómico e dixestivo. Ou dito doutro
xeito, que os dous negativos das análises impediron que durante 18 meses (nove
por cada xestación) puidese inxerir alimentos como o xamón serrano, o chourizo
ou a carne pouco feita, o que para min supuxo un verdadeiro calvario -tanto,
que supliquei ao pai do meu primeiro fillo mentres estaba de parto que baixase
á cafetería a por un bocadillo de xamón serrano para celebrar o nacemento como
correspondía-.
Ben, deixando a un lado esta
consideración persoal que pode parecer un tanto cómica ou mesmo superficial,
parece que neste caso a razón que se esgrime non é de carácter ideolóxico nin
económico, pero o certo é que a medida -que, por outra banda, non se aplica de
momento en todo o territorio galego- vén sumarse a outras anteriores que si o
son. Porque os e as que din defender ás mulleres que desexan ser nais -si, falo
do Partido Popular- quedan niso, en palabrería.
Exemplo. Como moitas mulleres, parín
en 2004 no entón denominado Arquitecto Marcide de Ferrol sen epidural porque o
Goberno do PP da Xunta, non achegaba fondos para contratar anestesistas, e tivo
que ser o Bipartito o que, un ano máis tarde, deu resposta a esta demanda.
Exemplo. Aquelas mulleres que,
desexando ser nais, vense obrigadas a abortar por razóns médicas no segundo
trimestre de embarazo, polo menos en Ferrol e A Coruña, son sometidas á
indución ao parto nunhas condicións que non se axustan ao que marcan os
protocolos internacionais. Ademais, as que, ofrecendo o Sergas esa opción,
deciden abortar en Madrid, atópanse co problema de que teñen que abonar boa
parte dos custos da viaxe. Desde logo, non son as mellores políticas para
fomentar a natalidade e animar ás mulleres, que en ocasións teñen que recibir
atención psicolóxica por estes abortos
Exemplo. O PP, con Gobernos con
maioría absoluta en Madrid e Galicia, decide eliminar da carteira servizos
comúns do Sistema Nacional de Saúde o financiamento dos tratamentos de
fertilidade e de inseminación artificial ás mulleres que, paradoxalmente,
poderían precisar en maior medida devanditos tratamentos: mulleres lesbianas,
soas e maiores de 40 anos.
Son unicamente tres exemplos,
pero suficientemente significativos. O Partido Popular non só decidiu manter
unha pugna contra aquelas mulleres que, exercendo o seu dereito para decidir,
non queren ser nais, senón que tamén o fai contra as que queren selo. Porque
detrás destas medidas e recortes subxace unha idea interiorizada para un amplo
sector do PP: a de considerar ás mulleres cidadás de segunda.
Así que pouco ou nada
avanzaremos en dereitos tan básicos como o de saúde se mantemos nas
institucións a quen non só non cren nunha sanidade pública, universal e
gratuíta, senón que tampouco cren na igualdade entre homes e mulleres.
Ningún comentario:
Publicar un comentario