Coñecía onte pola mañá a campaña que iniciou unha cadea de
televisión sobre prostitución e explotación sexual. A verdade é que dita cadea,
que xeralmente é criticada pola calidade da programación -que logo,
curiosamente, ve “facendo zapping”
unha boa parte da poboación-, acertou nalgunhas destas campañas de denuncia,
suplindo a miúdo o papel que debería impulsar e desenvolver o Goberno.
Poñendo en corentena algún dato que se ofrece -sabemos que as
cifras oscilan en función da fonte neste e en calquera outro tema-, dicir que
máis do 80% das mulleres que exercen a prostitución -os que eu manexo superan o
90%- fano obrigadas e que en España existen, nin máis nin menos, que ao redor
de 14.000 escravas sexuais debe facernos reflexionar polo menos uns minutos
sobre o que iso significa.
Como un Estado pode permanecer impasible, cando non mirando
para outra banda, mentres estamos a falar de escravitude? Talvez o feito de que
á prostitución se lle coñeza como “a profesión máis antiga do mundo”, con toda
a carga psicolóxica e social que leva, non teña axudado precisamente a afrontar
o problema como o que realmente é: unha das formas máis salvaxes de exercer a
violencia contra as mulleres, consideradas como mera mercadoría. Unha violencia
á que, a cotío, súmanse outros factores estreitamente ligados á discriminación,
como poden ser unha pobreza especialmente feminizada ou a xenofobia no caso
daquelas que proceden doutros países -unha maioría que, ademais, adoitan chegar
con promesas que logo resultan ser falsas-.
Outro dato especialmente relevante é o que constata que a
gran maioría das mulleres que exercen a prostitución non o fan de forma
voluntaria e porque, como algunhas persoas defenden, decidiron facer co seu
corpo o que consideran oportuno, senón que se viron abocadas a iso por
diferentes razóns -algunhas delas expostas anteriormente- ou, directamente, son
escravas duns proxenetas que, sen ningún tipo de escrúpulo, contrólanas,
diríxenas e mesmo ás veces mantéñenas sedadas e drogadas para poder salvagardar
un negocio que o Goberno de España do PP decidiu incluír no PIB? Lucrativo, por
suposto, pero indigno (e inconcibible), tamén.
Incide tamén a campaña no que, polo menos baixo o meu punto
da miña vista, está o “meollo” da cuestión: a demanda. É evidente que se existe prostitución é porque hai
clientes e tamén parece obvio que se se puxese fin á demanda, tamén se
terminaría a prostitución. Por tanto, se o que queremos é acabar coa
prostitución e todo tipo de explotación sexual e trata, é necesario perseguir
dita demanda. Non podemos limitar o problema ao proxenetismo -que tamén-, senón
que debemos buscar fórmulas, como as que, por exemplo, acaban de aprobar os
nosos veciños franceses, para castigar e/ou sancionar aos clientes. Leis
integrais que acheguen solucións integrais.
Porque se hai outra cousa que, tanto a sociedade como os
gobernos, debemos ter clara é que as mulleres
nunca poden ser as perseguidas. Pola contra, temos que garantir, por
unha banda, ese recoñecemento de vítimas -modificando, entre outras medidas, a
Lei integral contra a violencia de xénero de 2004, que non recoñece ás
prostitutas agredidas como vítimas de violencia machista, con todo o que supón-
e, por outro, garantir a reinserción social e laboral dunhas persoas
-maioritariamente mulleres- que merecen, como todas as persoas, ter unha vida
digna e ser libres.
http://praza.gal/opinion/3360/valentia-contra-a-prostitucion/
Ningún comentario:
Publicar un comentario