Vivimos nuns
tempos de campañas case permanentes. Cunha cidadanía hastiada da política ou,
mellor dito, realmente enfadada de convivir co peor dela, as e os especialistas
en comunicación se devanan os miolos para buscar fórmulas que enganchen e
atraian para conseguir ese ben tan prezado chamado voto.
Os partidos de
nova creación teñen moito máis fácil esta tarefa, posto que, co expediente limpo de po e palla ao non ter
no seu breve periplo responsabilidades de goberno -ou levan escaso tempo- e un
discurso centrado na rexeneración e na crítica constante cara ao que consideran
“vella política”, espertan entre o electorado ese entusiasmo que os partidos
tradicionais - antigos en historia, non vellos- non conseguen provocar.
Por todo iso,
resulta cando menos sorprendente que estes “emerxentes”, tan afeccionados aos
xestos e símbolos, esquecesen a, nin máis nin menos, a metade da poboación: as
mulleres.
Nunha época na
que o movemento feminista reactivouse notablemente debido aos ataques
permanentes do Partido Popular en contra de dereitos que se crían consolidados,
como o da maternidade, e ante un terrorismo machista que, lonxe de diminuírse,
converteuse nun verdadeiro problema de Estado, a visibilización das mulleres
non é cuestión baladí.
A quen non se
nomea, non existe, E, por tanto, a linguaxe convértese nunha ferramenta
fundamental para alcanzar esta tarefa. Baixo esta premisa, obviar a linguaxe
inclusiva na propia denominación de dúas dos principais partidos emerxentes,
como Cidadáns ou Unidos Podemos, non parece o máis acertado.
Son moitos anos
de loita, de grandes e pequenas conquistas alcanzadas grazas ao traballo arreo
de mulleres -e de homes que tamén crían na igualdade-. Son moitos anos de
esforzos, en ocasións con consecuencias tráxicas, que non poden, nin deben,
quedar en saco roto. E son moitos anos de compromiso dalgúns partidos
políticos, como o socialista, que durante os seus períodos de Goberno deu pasos
fundamentais a favor da igualdade real e efectiva entre homes e mulleres.
Esquecer ás
mulleres na nomenclatura política vai máis aló do anecdótico porque quen non
ten en conta a súa, a nosa, existencia, tampouco ten interiorizados certos
principios básicos da igualdade. As ideas de Cidadáns sobre a violencia de
xénero -que non consideraba como tal, ata que non lle quedou máis remedio que
rectificar- ou a escasa presenza de mulleres enpostos de saída das candidaturas
ou de dirección de Podemos constitúen só algúns exemplos.
Por iso, fronte a
esa laureada nova política, reivindico o compromiso demostrado, ao longo de 137
anos de historia, cos dereitos e liberdades das mulleres. Así que en igualdade,
leccións ao Partido Socialista, as xustas. Ou, máis ben, ningunha.
http://praza.gal/opinion/3394/leccions-sobre-igualdade-ningunha/
Ningún comentario:
Publicar un comentario