Fai algo menos dun mes, concretamente o 15 de
maio, celebrábase o Día Internacional das Familias, unha data que se instaurou
en 1994 para recoñecer a importancia das familias e o papel que xogan en todos os
ámbitos. Pero, ademais, desde o momento no que se decidiu dedicar un día ás
familias, tamén se quixo poñer un especial acento nos diferentes modelos
existentes.
Ao
longo da historia, o sistema patriarcal predominante monopolizou o seu modelo,
baseado tamén nos preceptos cristiáns, consistente en papá, mamá e fillos e
fillas. Este modelo foi, con máis ou menos implicación das administracións -supoño
que moitas persoas lembran aínda esas imaxes en branco e negro do NODO con eses
600 nos que se metía a presión a oito ou dez integrantes da mesma familia, que
eran moi do gusto do Réxime- o que se
impuxo ata fai relativamente pouco tempo.
E non
é que non existisen outras opcións; non é que non houbese homosexualidade, ou
parellas que querían deixar de convivir ou “de facto” era coma se non o
fixesen, ou mulleres que non desexaban seguir adiante co seu embarazo. O que
sucedía era, por unha banda, que non existía o marco legal necesario e, por
outra, que tampouco había unha educación social que deixase de estigmatizar ou
mesmo castigar a quen optaba por unha opción diferente á “estándar”.
Despois
de moitos anos escuros, tivo que chegar ao poder o Partido Socialista para,
primeiro con leis que agora parecen mornas ou mesmo “trasnoitadas”, como a
primeira Lei do Divorcio de 1981 ou a Lei do Aborto de 1985, recoñecesen estes
dereitos e liberdades para moitas, miles, de persoas que se atopaban nalgunha
das situacións anteriormente expostas e non atopaban saída nin solución. E, coa
paréntese que supuxeron os dous Gobernos Aznar, volveu ser o Partido
Socialista, cun presidente Zapatero realmente comprometido coa igualdade a
todos os niveis e en todos os ámbitos, o que deu o verdadeiro paso adiante no
recoñecemento, non só a través de leis senón tamén de políticas transversais,
de dereitos civís e sociais que puxeron a todos os tipos e clases de familias
ao mesmo nivel.
A Lei
de Matrimonio Igualitario, a Lei de Dependencia, a Lei de Igualdade de
Oportunidades entre Homes e Mulleres, ou a Lei Integral de Saúde Sexual e
Reprodutiva e de Interrupción Voluntaria do Embarazo son algúns exemplos -de
vital importancia, doutra banda- desta política baseada en principios como o da
igualdade e que, no caso de Galicia, o bipartido formado polo PSdeG e o BNG,
completou e potenciou con leis de rango autonómico e políticas activas.
Estamos
de novo noutra paréntese, outra paréntese que pode -esperemos- volver pecharse.
Outra paréntese de catro anos que foi tremendamente lesivo para o
desenvolvemento destas leis e, en consecuencia, destes dereitos e, por tanto,
para tantas e tantas persoas -especialmente mulleres- e familias que viron como
o PP volvía premiar a esa familia tradicional que tanto lle gusta, en
detrimento do resto da cidadanía, que apostaría que a día de hoxe xa é unha
maioría.
Debemos
romper con ese falso mito de que a dereita é a única que defende á familia. E
debemos facelo porque a familia non é o que decide a dereita que sexa, senón o
que as persoas establecemos como tal. Claro que a dereita e, de forma
específica, o PP defende á familia! Pero á que é inamovible e formada por home
e muller heterosexuais -e, a poder ser, que ela quede en casa- coa descendencia
que “Deus queira”. A esquerda respecta ese modelo, pero tamén ao resto de
opcións e, precisamente en aras da igualdade, defende a aplicación de políticas
de discriminación positiva para evitar a d daquelas que, precisamente pola
imposición do modelo patriarcal desde o inicio dos tempos, atópase con maiores
trabas a todos os niveis.
Mulleres
e homes divorciados, mulleres e homes homosexuais, bisexuais e transexuais -con
e sen fillos e fillas-, mulleres que queren ser nais solteiras e mulleres que
non desexan ser nais, matrimonios ou persoas solteiras que viven con
ascendientes ou descendentes con discapacidade… Todas e todos temos o vindeiro
26 de xuño unha oportunidade para dicir un si á igualdade, un si ao cambio, un
si a un novo Goberno de dereitos e liberdades. É o momento de recuperar todo o
perdido e de avanzar cos novos tempos e as novas familias.
http://praza.gal/opinion/3407/novos-tempos-novas-familias/
Ningún comentario:
Publicar un comentario