Translate

domingo, 19 de outubro de 2014

Sobre cremalleiras

Milito nun partido que, se de algo pode presumir, é de ter sido sempre abandeirado na loita polos dereitos e liberdades das persoas. O Partido Socialista, firme defensor da igualdade entre homes e mulleres, promoveu e desenvolveu durante os seus gobernos políticas dirixidas a alcanzar a devandita igualdade efectiva en toda a sociedade e, noutros momentos, impulsou propostas e normas internas para lograr que as mulleres teñamos máis presenza nos órganos de decisión polo menos dentro do propio partido.
Unha destas é a aprobación na última Conferencia Política das chamadas "listas cremalleira", unha fórmula que consiste en alternar home-muller ou muller-home co obxectivo principal de garantir que as mulleres, as grandes prexudicadas mesmo na paridade que marca a lei, teñamos a nosa presenza asegurada nos primeiros postos das candidaturas, mesmo naqueles municipios onde a política adoita ser aínda considerada "cousa de homes".
Porque o caso da agrupación da que formo parte, a de Ferrol, non é, por desgracia, o predominante. As mulleres do Partido Socialista deste municipio podemos sentirnos orgullosas de ter alcanzado cotas de poder reservadas antano para os homes e, de feito, a maior parte de postos orgánicos e institucionais nos diferentes ámbitos territoriais pertencen na actualidade a mulleres, comezando pola propia dirección da agrupación.
A consecución destes niveis de presenza política das mulleres así como o seu mantemento -en moitas ocasións, máis complicado que chegar ao propio posto- son, pois, os nosos obxectivos a curto e medio prazo porque só así poderemos superar o chamado "teito de cristal" e participar en situación de igualdade plena cos homes.

Este mesmo obxectivo é compartido por todos os compañeiros dirixentes das agrupacións, comezando por Ferrolterra, unha bisbarra que ao longo da historia foi referente na defensa e loita polos dereitos dos traballadores e traballadoras, dos homes e mulleres. E nesta nova etapa, aínda coas dificultades que haberá nalgúns municipios pero cunha gran dose de esforzo, non me cabe dúbida de que nas eleccións municipais tamén seremos un exemplo a seguir. Un exemplo para todos os partidos porque somos nós, as persoas que formamos parte das diferentes formacións políticas, as que primeiro debemos levar á práctica estes principios dirixidos a acadar a igualdade efectiva. Ou é que non se di que o camiño se constrúe andando?

Publicado en La Voz de Galicia en octubre de 2014



mércores, 15 de outubro de 2014

Empoderar as mulleres rurais

15 de outubro, Día das Mulleres Rurais

A existencia do machismo e o patriarcado como modo de organización social son, por desgracia, dúas afirmacións obvias en moitos países do mundo e España non é allea a esta realidade. Se nos centramos en Galicia, os datos non difiren moito do resto do Estado, pero si a nosa comunidade presenta unha serie de características propias que lle fan merecedora dunha análise independente.

Hoxe, día 15 de outubro, celebramos o Día das Mulleres Rurais, unha data que en Galicia non nos debe deixar indiferentes precisamente pola súa propia idiosincrasia. Se ben é certo que nas últimas décadas moitas persoas e familias ao completo abandonaron os seus pobos e aldeas de orixe para probar fortuna nas zonas urbanas -entre elas, como é lóxico, tamén un número importante de mulleres-, non é menos certo que o rural segue constituíndo unha parte fundamental da sociedade e mesmo da economía galegas.

E que papel xogan as mulleres rurais en Galicia? Pois, dende sempre, o de muller traballadora na terra e na súa casa, o de nai e coidadora das súas fillas e fillos e persoas maiores e/ou dependentes -cántas mulleres pasaron e pasan meses e meses soas á fronte dos fogares familiares en vilas mariñeiras e viliñas mentres os seus maridos están embarcados ou traballando fóra- e, en ocasións, o de administradora da economía doméstica.
Pero o que podería parecer unha estrutura matriarcal, realmente queda en nada, xa que as mulleres rurais padecen de forma especial o machismo, porque á dominación habitual dos homes, se suma a carga de responsabilidades e a invisibilidade das mulleres que viven nas zonas rurais galegas.

Por iso, o empoderamento destas mulleres e as medidas en favor da igualdade que se promovan dende as diferentes administracións deben ser prioritarias, algo que non está a acontecer na actualidade, cun PP empecinado en recortar en servizos que teñen unha incidencia especialmente negativa no rural galego. E estas políticas en prol da igualdade no eido rural deben ter en conta estes factores diferenciáis. Porque as mulleres rurais galegas, ademais, foron e son un valor específico e determinante no que é a nosa terra, no que é Galicia.

http://praza.gal/opinion/2093/empoderarnas-mulleres-rurais/

sábado, 27 de setembro de 2014

Alerta feminista

As mulleres vivimos, lamentablemente, nun permanente estado de alerta. E iso cando non temos que sacar o noso lado máis combativo ante as constantes ameazas, en ocasións realidades, do machismo máis rancio que volveu imperar nesta sociedade debido, en boa medida, ao pasotismo máis absoluto do PP e aos recortes brutais que levou a cabo nas políticas relacionadas directa ou indirectamente coa igualdade.
Non hai día que non nos espertemos con algunha noticia relativa a algún caso de violencia de xénero, agresión sexual, rede de explotación ou abuso a menores, por non falar de datos de desemprego feminino ou de precariedade laboral. E a todo iso hai que sumarlle a loita en toda regra que se librou entre boa parte da sociedade, a maioría mulleres, e o Goberno liderado por Mariano Rajoy para facer fronte a unha pretendida reforma, por parte do ministro de Xustiza, Alberto Ruiz Gallardón, da coñecida como Lei do Aborto promovida polo Partido Socialista en 2010.
A resposta cidadá foi tal nestes tres anos  -non hai que esquecer que o PP veu ameazando a liberdade das mulleres a decidir sobre a súa maternidade e o seu propio corpo dende que iniciou o mandato-, que o anteproxecto aprobado polo Consello de Ministros o 21 de decembro tivo que ser definitivamente gardado nun caixón.
Pero, claro, as mulleres, conscientes de que o perigo dunha reforma claramente ideolóxica segue aí, malia esta importante e histórica primeira victoria, porque aínda existe un recurso presentado ante o Tribunal Constitucional contra a Lei de 2010, non podemos nin queremos quedarnos quietas.

Por iso, hoxe, Día Internacional pola Saúde Sexual e Reprodutiva das Mulleres, dedicámolo a reivindicar un aborto libre, seguro e gratuíto. Mañá, en moitas cidades galegas, entre elas tamén Ferrol, as mulleres -e homes-, congregadas en torno a unha plural Plataforma Galega polo Dereito ao Aborto, sairemos de novo á rúa para esixir a retirada do recurso presentado ante o Constitucional e para advertir ao PP de que non estamos dispostas a dar un paso atrás nos nosos dereitos e liberdades. Porque seguimos en alerta. En alerta feminista.

Publicado en La Voz de Galicia o 27 de setembro de 2014



mércores, 24 de setembro de 2014

Vitoria feminista

O día 23 de setembro quedará marcado na historia do feminismo. E farao porque tal día como este a loita liderada polas mulleres en contra dunha contrarreforma machista, retrógrada e cercenadora de dereitos e liberdades como o era a promovida polo PP para modificar a Lei de Saúde Sexual e Reprodutiva e da Interrupción Voluntaria do Embarazo de 2010, deu os seus froitos e o presidente do Goberno, Mariano Rajoy, non tivo outra opción que retirala e anunciar publicamente que a devandita reforma non contaba co consenso necesario.
Pero, ademais, as mulleres, esas ás que o Partido Popular menospreza e quere acantoar na súa casa baixo o dominio do marido e ao coidado de todas as fillas e fillos que “Deus queira”, conseguimos outro feito histórico: que un ministro, o antano considerado progre e hoxe desgraciadamente coñecido polas súas ideas ultraconservadoras, Alberto Ruiz Gallardón, presentara a súa dimisión poucas horas despois de quedar desautorizado polo seu "xefe".

O feminismo está de parabéns. O negro que predomina estes tempos, marcados polos recortes a todos os niveis, o desemprego e a desesperanza, deixou paso ao lila, que se converteu no verdadeiro protagonista para unha sociedade farta de castigos, farta de medidas privadoras de dereitos e farta, en definitiva, de recibir mazada tras mazada día tras día.
Pero o camiño non foi doado. Dende que o Partido Popular chegou ao Goberno do Estado, en 2011, ata hoxe, pasando pola aprobación por parte do Consello de Ministros o 21 de decembro de 2013 do anteproxecto de contrarreforma da Lei de 2010, foron moitas as ameazas contra o dereito a decidir das mulleres. E, dende o principio, o feminismo estivo activo, deixando claro ao Partido Popular que as mulleres non iamos permitir nin un só recorte nos nosos dereitos e liberdades sexuais.
Aglutinadas en torno á Plataforma Galega polo Dereito ao Aborto, as mulleres galegas alzamos a nosa voz para dicir alto e claro que non estabamos dispostas a ceder nin un ápice nuns dereitos sexuais e reprodutivos xa consolidados e, ao longo de todo este tempo, saímos ás rúas en cidades e vilas sempre que así estimamos ou que houbo algún tipo de paso dirixido a limitar as nosas liberdades.
Neste tempo, foron moitas as compañeiras que dedicaron todo o seu esforzo a reivindicar os dereitos das mulleres no seu conxunto e neste longo e duro camiño pasamos por todo tipo de vicisitudes e contratempos. Por iso, a vitoria do 23 é a vitoria do feminismo fronte un poder no que prevalecen altas doses de machismo; é a vitoria de todas aquelas mulleres que, dunha forma ou outra, cun gran de area ou cun saco, contribuíron a propiciar que un presidente dun Goberno tivese que tragar as súas ideas e tivese que saír a anunciar publicamente a retirada da reforma dunha lei e que o "pai" antano orgulloso desta, se vise abocado a presentar a súa dimisión.
Pero, por desgraza, as ameazas continúan e a realidade obríganos a seguir en alerta. En alerta porque o Tribunal Constitucional ten que resolver un recurso presentado polo PP contra a Lei de 2010, porque Rajoy xa anunciou que pretende modificar algún artigo da norma actualmente en vigor (que evidentemente vai ir na liña de quitar dereitos) e porque, en definitiva, non podemos esquecer que o anteproxecto de lei foi aprobado en decembro de 2013 por todo un Consello de Ministros e, en consecuencia, houbo un apoio explícito de cada unha das ministras e ministros a ese texto retrógrado e machista agora retirado.

Polo tanto, hoxe o feminismo e boa parte da sociedade estamos de parabéns, pero sempre con cautelas e sempre buscando seguir dando pasos adiante. Neste punto encontrámonos e así trasladarémolo xa este domingo, cando en todas as cidades galegas reivindicaremos un aborto libre, seguro e gratuíto con motivo do Día Internacional pola Saúde Sexual e Reprodutiva das Mulleres. E nesa loita, a das mulleres, seguiremos.

O día 23 de setembro quedará marcado na historia do feminismo. E farao porque tal día como este a loita liderada polas mulleres en contra dunha contrarreforma machista, retrógrada e cercenadora de dereitos e liberdades como o era a promovida polo PP para modificar a Lei de Saúde Sexual e Reprodutiva e da Interrupción Voluntaria do Embarazo de 2010, deu os seus froitos e o presidente do Goberno, Mariano Rajoy, non tivo outra opción que retirala e anunciar publicamente que a devandita reforma non contaba co consenso necesario. Pero, ademais, as mulleres, esas ás que o Partido Popular menospreza e quere acantoar na súa casa baixo o dominio do marido e ao coidado de todas as fillas e fillos que “Deus queira”, conseguimos outro feito histórico: que un ministro, o antano considerado progre e hoxe desgraciadamente coñecido polas súas ideas ultraconservadoras, Alberto Ruiz Gallardón, presentara a súa dimisión poucas horas despois de quedar desautorizado polo seu "xefe". O feminismo está de parabéns. O negro que predomina estes tempos, marcados polos recortes a todos os niveis, o desemprego e a desesperanza, deixou paso ao lila, que se converteu no verdadeiro protagonista para unha sociedade farta de castigos, farta de medidas privadoras de dereitos e farta, en definitiva, de recibir mazada tras mazada día tras día. Pero o camiño non foi doado. Dende que o Partido Popular chegou ao Goberno do Estado, en 2011, ata hoxe, pasando pola aprobación por parte do Consello de Ministros o 21 de decembro de 2013 do anteproxecto de contrarreforma da Lei de 2010, foron moitas as ameazas contra o dereito a decidir das mulleres. E, dende o principio, o feminismo estivo activo, deixando claro ao Partido Popular que as mulleres non iamos permitir nin un só recorte nos nosos dereitos e liberdades sexuais. Aglutinadas en torno á Plataforma Galega polo Dereito ao Aborto, as mulleres galegas alzamos a nosa voz para dicir alto e claro que non estabamos dispostas a ceder nin un ápice nuns dereitos sexuais e reprodutivos xa consolidados e, ao longo de todo este tempo, saímos ás rúas en cidades e vilas sempre que así estimamos ou que houbo algún tipo de paso dirixido a limitar as nosas liberdades. Neste tempo, foron moitas as compañeiras que dedicaron todo o seu esforzo a reivindicar os dereitos das mulleres no seu conxunto e neste longo e duro camiño pasamos por todo tipo de vicisitudes e contratempos. Por iso, a vitoria do 23 é a vitoria do feminismo fronte un poder no que prevalecen altas doses de machismo; é a vitoria de todas aquelas mulleres que, dunha forma ou outra, cun gran de area ou cun saco, contribuíron a propiciar que un presidente dun Goberno tivese que tragar as súas ideas e tivese que saír a anunciar publicamente a retirada da reforma dunha lei e que o "pai" antano orgulloso desta, se vise abocado a presentar a súa dimisión. Pero, por desgraza, as ameazas continúan e a realidade obríganos a seguir en alerta. En alerta porque o Tribunal Constitucional ten que resolver un recurso presentado polo PP contra a Lei de 2010, porque Rajoy xa anunciou que pretende modificar algún artigo da norma actualmente en vigor (que evidentemente vai ir na liña de quitar dereitos) e porque, en definitiva, non podemos esquecer que o anteproxecto de lei foi aprobado en decembro de 2013 por todo un Consello de Ministros e, en consecuencia, houbo un apoio explícito de cada unha das ministras e ministros a ese texto retrógrado e machista agora retirado. Polo tanto, hoxe o feminismo e boa parte da sociedade estamos de parabéns, pero sempre con cautelas e sempre buscando seguir dando pasos adiante. Neste punto encontrámonos e así trasladarémolo xa este domingo, cando en todas as cidades galegas reivindicaremos un aborto libre, seguro e gratuíto con motivo do Día Internacional pola Saúde Sexual e Reprodutiva das Mulleres. E nesa loita, a das mulleres, seguiremos.


Publicado en calidade de Voceira da Plataforma Galega polo Dereito ao Aborto