Milito nun partido que, se de
algo pode presumir, é de ter sido sempre abandeirado na loita polos dereitos e
liberdades das persoas. O Partido Socialista, firme defensor da igualdade entre
homes e mulleres, promoveu e desenvolveu durante os seus gobernos políticas
dirixidas a alcanzar a devandita igualdade efectiva en toda a sociedade e,
noutros momentos, impulsou propostas e normas internas para lograr que as
mulleres teñamos máis presenza nos órganos de decisión polo menos dentro do
propio partido.
Unha destas é a aprobación na
última Conferencia Política das chamadas "listas cremalleira", unha
fórmula que consiste en alternar home-muller ou muller-home co obxectivo
principal de garantir que as mulleres, as grandes prexudicadas mesmo na
paridade que marca a lei, teñamos a nosa presenza asegurada nos primeiros
postos das candidaturas, mesmo naqueles municipios onde a política adoita ser
aínda considerada "cousa de homes".
Porque o caso da agrupación da
que formo parte, a de Ferrol, non é, por desgracia, o predominante. As
mulleres do Partido Socialista deste municipio podemos sentirnos orgullosas de
ter alcanzado cotas de poder reservadas antano para os homes e, de feito, a
maior parte de postos orgánicos e institucionais nos diferentes ámbitos
territoriais pertencen na actualidade a mulleres, comezando pola propia
dirección da agrupación.
A consecución destes niveis de presenza
política das mulleres así como o seu mantemento -en moitas ocasións, máis
complicado que chegar ao propio posto- son, pois, os nosos obxectivos a curto e
medio prazo porque só así poderemos superar o chamado "teito de
cristal" e participar en situación de igualdade plena cos homes.
Este mesmo obxectivo é compartido
por todos os compañeiros dirixentes das agrupacións, comezando
por Ferrolterra, unha bisbarra que ao longo da historia foi referente na
defensa e loita polos dereitos dos traballadores e traballadoras, dos homes e
mulleres. E nesta nova etapa, aínda coas dificultades que haberá nalgúns municipios
pero cunha gran dose de esforzo, non me cabe dúbida de que nas eleccións
municipais tamén seremos un exemplo a seguir. Un exemplo para todos os partidos
porque somos nós, as persoas que formamos parte das diferentes formacións
políticas, as que primeiro debemos levar á práctica estes principios dirixidos
a acadar a igualdade efectiva. Ou é que non se di que o camiño se constrúe
andando?
Ningún comentario:
Publicar un comentario