Que os recortes feriron case de
morte o Estado do Benestar é unha obviedade, pero non por repetilo moitas veces
deixa de supoñer un drama. E cando ese drama ten como protagonistas aos
colectivos e sectores máis desfavorecidos, a magnitude deste sobe varios
chanzos e alcanza cotas de verdadeira alarma social.
Aspaneps, un referente
en Ferrolterra dende os 80 nos programas de intervención familiar,
saúde mental infantil e inserción sociolaboral para persoas con discapacidade,
agoniza dende hai varios anos. Os mesmos que outros teñen o poder e, polo
tanto, as tesoiras nas mans para cortar polo san todo aquilo que lles molesta
coa tan manida e xa pouco crible escusa da crise económica.
Primeiro foi o cambio
da Xunta o que se saldou, alá por 2009 e cun
flamante Feijóo nomeado presidente, cun importante recorte, e un par
de anos despois, o PP coa súa maioría absoluta tamén no
Concello e no Goberno de España, deron o machadazo pode que mortal a uns
servizos sociais consolidados durante a etapa socialista e, en concreto, a esta
entidade. Unha entidade que, non nos esquezamos, está a realizar un encomiable
labor que sería propia dunha administración pública que non asume estas tarefas
pero decidiu delegalas a través dun convenio asinado dende 1991 pola Área
Sanitaria de Ferrol coa devandita asociación para o desenvolvemento
de programas como o de saúde mental.
Polo tanto, as administracións
deben acatar a súa responsabilidade e financiar como corresponde a unha
entidade que realizou 4.504 consultas só no ano 2013. Por certo, intervencións
que se seguen levando a cabo con normalidade porque Aspaneps conta
cun grupo de profesionais que, conscientes do labor que desenvolven e cunha
clara vocación de servizo cara aos colectivos cos que traballan, nun primeiro
momento pactaron un ERE que se aplicou durante un ano e agora reducíronse
o salario un 25% para que, de momento, a entidade non bote o peche definitivo.
Non consintamos un golpe máis aos
servizos sociais e aos sectores máis vulnerables. Non permitamos que
o PP campe ás súas anchas e se cargue todo aquilo polo que
outras e outras se deixaron a pel. Apoiemos a loita de quen traballa para conseguir
unha sociedade máis xusta e igualitaria. Empezando pola infancia.
Publicado en La Voz de Galicia o 5 de novembro de 2014
Ningún comentario:
Publicar un comentario