Dez anos transcorreron dende que
un Goberno socialista, cun presidente que cría firmemente na igualdade
como José Luis Rodríguez Zapatero, aprobase unha Lei Integral contra
a Violencia de Xénero que supuxo un fito na loita contra unha das principais
eivas da nosa sociedade actual consecuencia do machismo máis extremo. Dez anos
pasaron xa para unha lei que as mulleres clamabamos a berros e que non só tivo
un recoñecemento expreso no noso territorio, senón que recentemente foi
premiada polas institucións ONU Mulleres, World Future
Council e a Unión Interparlamentaria.
Dez anos. Unha década marcada por
uns primeiros tempos nos que esta norma, que afronta a violencia contra as
mulleres dunha forma integral e, en consecuencia, afonda en aspectos vitais
como a educación, prevención, protección e asistencia ás vítimas, recibiu o
impulso necesario para botar a andar, e unha segunda etapa, esta última, na que
os Gobernos do Partido Popular, empeñados en meter as tesoiras en todo o que
soe a igualdade de dereitos e a estado de benestar, paralizaron o
desenvolvemento e aplicación desta lei e, no caso de Galicia, fixeron o propio
coa que aprobada polo Bipartito en 2007.
Porque, non nos enganemos. Para
que unha lei funcione fai falta crer nela e, polo tanto, dotala de fondos
económicos para poder desenvolvela. E o Partido Popular veu demostrando ao
longo destes anos de goberno que a aplicación da devandita lei non é un asunto
do seu máximo interese, deixando en "números vermellos" dende 2011 as
partidas presupostarias dedicadas non só ás políticas de igualdade, senón de
forma concreta, á loita contra a violencia de xénero nas súas diferentes
vertentes.
Por non falar das consecuencias que terá a posta en marcha en cuestión de
meses a denominada Reforma Local, que supoñerá un revés sen precedentes aos
servizos sociais e, de forma especialmente destacada, aos Centros de Información
á Muller, en moitas ocasións os primeiros lugares de atención e asistencia a
vítimas.
A realidade está aí. Segundo os últimos datos facilitados polo propio
Ministerio, no que vai de ano un total de 45 mulleres foron asasinadas a mans
das súas parellas ou ex parellas, e destas, un 70% non presentara denuncia
previa. O caso de Galicia é especialmente preocupante, xa que con seis mulleres
asasinadas ata o momento, ocupa o terrible terceiro posto no conxunto do Estado
en número de vítimas.
É evidente que ningunha lei é perfecta e tamén o é que en dez anos a nosa
sociedade ten mudado, en boa medida debido ao retroceso ideolóxico promulgado e
defendido a capa e espada por un Partido Popular tremendamente conservador,
retrógrado e machista. É evidente que a irrupción de novas tecnoloxías e sobre
todo, das redes sociais, influíron de forma notable en novas formas de acoso,
ameazas e, en definitiva, de exercer a violencia contra as mulleres, e tamén o
é que hai que prestar especial atención a estes casos.
Por todo iso, agora máis que nunca debemos esixir ás administracións
tolerancia cero fronte á violencia de xénero. Unha tolerancia cero que debe
empezar por dotar de fondos a esta lei para poder desenvolvela como corresponde
e como precisan estes novos tempos. Porque, como berramos neste 25 de novembro,
dez anos despois, o machismo segue matando.
http://praza.gal/opinion/2168/violencia-de-xenero-dez-anos-despois/
Ningún comentario:
Publicar un comentario