Escribo este artigo, entre outras
razóns, porque dende sempre escribir me calmou a furia. Unha furia que crece
día a día ante o que considero unha verdadeira chapuza e unha tomadura de pelo
en toda regra.
Vivo en Ferrol, unha cidade
que cada día que pasa perde poboación, industria e emprego, pero que gaña de
forma case proporcional valos, máquinas escavadoras e sinais de "rúa
cortada por obras".
En principio, a ninguén se lle
ocorrería protestar porque un Concello decidise arranxar, urbanizar ou
mellorar as rúas. O problema e a indignación prodúcense cando esas ganas de
executar obras se concentran no mesmo momento e lévanse á práctica sen
planificación ningunha, sen criterio e sen alternativa para peóns e para o
tráfico rodado. Resultado? O caos total.

Porque creo que xa a ninguén se
lle escapa que este desenfreo urbanizador non ten outro obxectivo que o
electoralista. Iso si, moi mal pensado e deseñado porque o meu estado furibundo
non é illado e dende logo non son a única en pensar que tempo tiveron os nosos
responsables políticos locais do PP en máis de tres anos para facer
todo o que queren resolver nun ano sen ningún "xeito".
E é que estou convencida de que
se cada valo que hai en Ferrol se convertese nun posto de traballo, a
cidade tería pleno emprego. Unha pena que non sexa así.
Publicado o 18 de decembro en La Voz de Galicia
Ningún comentario:
Publicar un comentario