O día 23 de setembro quedará
marcado na historia do feminismo. E farao porque tal día como este a loita
liderada polas mulleres en contra dunha contrarreforma machista, retrógrada e
cercenadora de dereitos e liberdades como o era a promovida
polo PP para modificar a Lei de Saúde Sexual e Reprodutiva e da
Interrupción Voluntaria do Embarazo de 2010, deu os seus froitos e o presidente
do Goberno, Mariano Rajoy, non tivo outra opción que retirala e
anunciar publicamente que a devandita reforma non contaba co consenso
necesario.
Pero, ademais, as mulleres, esas ás que o Partido Popular menospreza e quere
acantoar na súa casa baixo o dominio do marido e ao coidado de todas as fillas
e fillos que “Deus queira”, conseguimos outro feito histórico: que un ministro,
o antano considerado progre e hoxe desgraciadamente coñecido polas
súas ideas ultraconservadoras, Alberto Ruiz Gallardón, presentara a súa
dimisión poucas horas despois de quedar desautorizado polo seu
"xefe".
O feminismo está de parabéns. O
negro que predomina estes tempos, marcados polos recortes a todos os niveis, o
desemprego e a desesperanza, deixou paso ao lila, que se converteu no
verdadeiro protagonista para unha sociedade farta de castigos, farta de
medidas privadoras de dereitos e farta, en definitiva, de recibir
mazada tras mazada día tras día.
Pero o camiño non foi doado.
Dende que o Partido Popular chegou ao Goberno do Estado, en 2011, ata hoxe,
pasando pola aprobación por parte do Consello de Ministros o 21 de decembro de
2013 do anteproxecto de contrarreforma da Lei de 2010, foron moitas as ameazas
contra o dereito a decidir das mulleres. E, dende o principio, o feminismo
estivo activo, deixando claro ao Partido Popular que as mulleres non iamos
permitir nin un só recorte nos nosos dereitos e liberdades sexuais.
Aglutinadas en torno á
Plataforma Galega polo Dereito ao Aborto, as mulleres
galegas alzamos a nosa voz para dicir alto e claro que non estabamos dispostas
a ceder nin un ápice nuns dereitos sexuais e reprodutivos xa consolidados e, ao
longo de todo este tempo, saímos ás rúas en cidades e vilas sempre que así
estimamos ou que houbo algún tipo de paso dirixido a limitar as nosas
liberdades.
Neste tempo, foron moitas as
compañeiras que dedicaron todo o seu esforzo a reivindicar os dereitos das
mulleres no seu conxunto e neste longo e duro camiño pasamos por todo tipo de
vicisitudes e contratempos. Por iso, a vitoria do 23 é a vitoria do feminismo
fronte un poder no que prevalecen altas doses de machismo; é a vitoria de todas
aquelas mulleres que, dunha forma ou outra, cun gran de area ou cun saco,
contribuíron a propiciar que un presidente dun Goberno tivese que tragar as
súas ideas e tivese que saír a anunciar publicamente a retirada da reforma
dunha lei e que o "pai" antano orgulloso desta, se
vise abocado a presentar a súa dimisión.
Pero, por desgraza, as ameazas
continúan e a realidade obríganos a seguir en alerta. En alerta porque o
Tribunal Constitucional ten que resolver un recurso presentado polo PP contra
a Lei de 2010, porque Rajoy xa anunciou que pretende modificar algún artigo da
norma actualmente en vigor (que evidentemente vai ir na liña de quitar dereitos)
e porque, en definitiva, non podemos esquecer que o anteproxecto de lei foi
aprobado en decembro de 2013 por todo un Consello de Ministros e, en
consecuencia, houbo un apoio explícito de cada unha das ministras e ministros a
ese texto retrógrado e machista agora retirado.
Polo tanto, hoxe o feminismo e
boa parte da sociedade estamos de parabéns, pero sempre con cautelas e sempre
buscando seguir dando pasos adiante. Neste punto encontrámonos e así
trasladarémolo xa este domingo, cando en todas as cidades galegas
reivindicaremos un aborto libre, seguro e gratuíto con motivo do Día
Internacional pola Saúde Sexual e Reprodutiva das Mulleres. E nesa loita, a das
mulleres, seguiremos.
O día 23 de setembro quedará marcado na historia do feminismo. E farao porque tal día como este a loita liderada polas mulleres en contra dunha contrarreforma machista, retrógrada e cercenadora de dereitos e liberdades como o era a promovida polo PP para modificar a Lei de Saúde Sexual e Reprodutiva e da Interrupción Voluntaria do Embarazo de 2010, deu os seus froitos e o presidente do Goberno, Mariano Rajoy, non tivo outra opción que retirala e anunciar publicamente que a devandita reforma non contaba co consenso necesario. Pero, ademais, as mulleres, esas ás que o Partido Popular menospreza e quere acantoar na súa casa baixo o dominio do marido e ao coidado de todas as fillas e fillos que “Deus queira”, conseguimos outro feito histórico: que un ministro, o antano considerado progre e hoxe desgraciadamente coñecido polas súas ideas ultraconservadoras, Alberto Ruiz Gallardón, presentara a súa dimisión poucas horas despois de quedar desautorizado polo seu "xefe". O feminismo está de parabéns. O negro que predomina estes tempos, marcados polos recortes a todos os niveis, o desemprego e a desesperanza, deixou paso ao lila, que se converteu no verdadeiro protagonista para unha sociedade farta de castigos, farta de medidas privadoras de dereitos e farta, en definitiva, de recibir mazada tras mazada día tras día. Pero o camiño non foi doado. Dende que o Partido Popular chegou ao Goberno do Estado, en 2011, ata hoxe, pasando pola aprobación por parte do Consello de Ministros o 21 de decembro de 2013 do anteproxecto de contrarreforma da Lei de 2010, foron moitas as ameazas contra o dereito a decidir das mulleres. E, dende o principio, o feminismo estivo activo, deixando claro ao Partido Popular que as mulleres non iamos permitir nin un só recorte nos nosos dereitos e liberdades sexuais. Aglutinadas en torno á Plataforma Galega polo Dereito ao Aborto, as mulleres galegas alzamos a nosa voz para dicir alto e claro que non estabamos dispostas a ceder nin un ápice nuns dereitos sexuais e reprodutivos xa consolidados e, ao longo de todo este tempo, saímos ás rúas en cidades e vilas sempre que así estimamos ou que houbo algún tipo de paso dirixido a limitar as nosas liberdades. Neste tempo, foron moitas as compañeiras que dedicaron todo o seu esforzo a reivindicar os dereitos das mulleres no seu conxunto e neste longo e duro camiño pasamos por todo tipo de vicisitudes e contratempos. Por iso, a vitoria do 23 é a vitoria do feminismo fronte un poder no que prevalecen altas doses de machismo; é a vitoria de todas aquelas mulleres que, dunha forma ou outra, cun gran de area ou cun saco, contribuíron a propiciar que un presidente dun Goberno tivese que tragar as súas ideas e tivese que saír a anunciar publicamente a retirada da reforma dunha lei e que o "pai" antano orgulloso desta, se vise abocado a presentar a súa dimisión. Pero, por desgraza, as ameazas continúan e a realidade obríganos a seguir en alerta. En alerta porque o Tribunal Constitucional ten que resolver un recurso presentado polo PP contra a Lei de 2010, porque Rajoy xa anunciou que pretende modificar algún artigo da norma actualmente en vigor (que evidentemente vai ir na liña de quitar dereitos) e porque, en definitiva, non podemos esquecer que o anteproxecto de lei foi aprobado en decembro de 2013 por todo un Consello de Ministros e, en consecuencia, houbo un apoio explícito de cada unha das ministras e ministros a ese texto retrógrado e machista agora retirado. Polo tanto, hoxe o feminismo e boa parte da sociedade estamos de parabéns, pero sempre con cautelas e sempre buscando seguir dando pasos adiante. Neste punto encontrámonos e así trasladarémolo xa este domingo, cando en todas as cidades galegas reivindicaremos un aborto libre, seguro e gratuíto con motivo do Día Internacional pola Saúde Sexual e Reprodutiva das Mulleres. E nesa loita, a das mulleres, seguiremos.
Publicado en calidade de Voceira da Plataforma Galega polo Dereito ao Aborto
Ningún comentario:
Publicar un comentario