
Non hai día que non nos
espertemos con algunha noticia relativa a algún caso de violencia de xénero,
agresión sexual, rede de explotación ou abuso a menores, por non falar de datos
de desemprego feminino ou de precariedade laboral. E a todo iso hai que
sumarlle a loita en toda regra que se librou entre boa parte da sociedade, a
maioría mulleres, e o Goberno liderado por Mariano Rajoy para facer
fronte a unha pretendida reforma, por parte do ministro de
Xustiza, Alberto Ruiz Gallardón, da coñecida como Lei do Aborto promovida polo
Partido Socialista en 2010.
A resposta cidadá foi tal nestes
tres anos -non hai que esquecer que
o PP veu ameazando a liberdade das mulleres a decidir sobre a súa
maternidade e o seu propio corpo dende que iniciou o mandato-, que o
anteproxecto aprobado polo Consello de Ministros o 21 de decembro tivo que ser definitivamente
gardado nun caixón.
Pero, claro, as mulleres, conscientes
de que o perigo dunha reforma claramente ideolóxica segue aí, malia esta
importante e histórica primeira victoria, porque aínda existe un recurso
presentado ante o Tribunal Constitucional contra a Lei de 2010, non podemos nin
queremos quedarnos quietas.
Por iso, hoxe, Día Internacional
pola Saúde Sexual e Reprodutiva das Mulleres, dedicámolo a reivindicar un
aborto libre, seguro e gratuíto. Mañá, en moitas cidades galegas, entre elas tamén Ferrol,
as mulleres -e homes-, congregadas en torno a unha plural
Plataforma Galega polo Dereito ao Aborto, sairemos de novo
á rúa para esixir a retirada do recurso presentado ante o Constitucional e para
advertir ao PP de que non estamos dispostas a dar un paso atrás nos nosos
dereitos e liberdades. Porque seguimos en alerta. En alerta feminista.
Publicado en La Voz de Galicia o 27 de setembro de 2014
Ningún comentario:
Publicar un comentario