Translate

martes, 2 de setembro de 2014

O mundo ao revés

Hai quen di que nesta cidade vivimos instalados na queixa permanente e quen afirma, pola contra, que o que predomina é o sentimento de resignación entre a cidadanía. Posiblemente, a verdade encóntrese a medio camiño porque, se ben é certo que razóns para estar día si e día tamén na rúa pancarta en man hai a esgalla, tamén o é que o castigo ao que leva sometido Ferrol dende hai uns anos polos distintos gobernos populares causou certa desidia que se podería confundir coa aceptación da situación actual da urbe. Unha cidade, Ferrol, denominada anteriormente departamental ata que desapareceron as zonas marítimas, posteriormente naval, e en breve, ante o futuro negro que parece que lle esperan aos nosos estaleiros, non lle quedará outra que ser coñecida como a cidade do paro ou a emigración.
Claro, que tamén é posible que o que desapareza sexa directamente a cidade como tal se continúa facendo o PP da súas. E é que, lonxe de buscar unha solución ao naval, motor sen dúbida do presente e futuro de Ferrol e bisbarra, tampouco moven un dedo en buscar ou potenciar outros focos de emprego.
Ninguén dubida xa a estas alturas que Ferrol conta cos recursos naturais e patrimoniais precisos para converterse nun destino turístico de relevancia. Polo tanto, a potenciación dun turismo sostible e xerador de postos de traballo debería ser obxectivo común. Pois non, no seu empeño sen tregua de cargarse todo, o PP tamén decidiu deixar a un lado este filón, poñendo valos -no sentido literal da palabra- por case todas as rúas para executar sen xeito as obras que non fixeron en tres anos pero que agora urxen pola proximidade das eleccións. Por non falar da desatención do patrimonio, espazos públicos e zonas verdes, ou do abandono do traballo da candidatura de Patrimonio Mundial.
Iso si, o goberno local do PP agora anuncia o inicio dunha serie de visitas guiadas polo Pazo Municipal. Todo un desatino se se ten en conta que, mentres promoven esta actividade paradoxalmente chamada "Pensando en VOS", seguen limitando o acceso da cidadanía aos plenos. É dicir, turismo de “garrafón” versus participación. É ou non é o mundo ao revés?

Publicado en La Voz de Galicia o 2 de setembro



Ningún comentario:

Publicar un comentario