Translate

mércores, 20 de agosto de 2014

Repugnancia


Lía con estupor fai tan só uns días os “consellos” que o Ministerio do Interior repescou do segundo Goberno Aznar para que nós, as mulleres, tratemos de evitar as violacións; eses delitos aos que algúns, como o alcalde de Málaga, restan importancia, e outros, como algún que outro xuíz, mesmo chegan a xustificar alegando que a vítima levaba roupa “provocativa” ou tiña comportamentos que incitaban a que se producise unha agresión deste tipo.
Este estupor, aderezado cunha elevada dose de repugnancia e indignación, lonxe de desaparecer ou diluírse, foise incrementando ao escoitar, ler e ver algunhas reaccións que sucesos como a acontecida en Málaga e o propio “documento” -por chamalo dalgunha forma- de Interior provocaron nalgunhas persoas do ámbito máis conservador da política ou o periodismo, a través de declaracións e mesmo artigos de opinión.
Porque non se pode xustificar un texto no que falta a primeira e máis importante premisa -é máis, diría que a única aceptable nunha iniciativa que presume ser preventiva-, isto é, a dirixida ao potencial violador: que unha muller nunca xamais desexa ser violada, que nunca xamais incita á agresión e que nunca xamais provoca nun home comportamentos delituosos. E todo isto sen esquecer que, malia o que dende unha parte cada vez máis numerosa do Partido Popular pensa -e exterioriza-, as mulleres somos donas do noso corpo, da nosa mente e, polo tanto, de todas e cada unha das nosas decisións e posteriores accións. E isto atinxe, por suposto, a cando dicimos que si e cando dicimos que non.
Resulta inadmisible que o Ministerio de Interior considere que as mulleres somos as que debemos manter certos comportamentos para evitar que nos poidan violar. Resulta inadmisible que permitamos que nos sigan cousificando, menosprezando e subestimando, porque nin somos idiotas para saber o que temos que facer en determinadas situacións nin somos responsables do que un violador pretenda facer ou directamente execúteo.
En definitiva, esiximos aos diferentes Gobernos do PP non só a retirada destes “consellos” e as desculpas públicas por estas e outras accións, senón tamén un cambio radical das súas políticas de igualdade, onde non haxa máis recortes e onde se impulsen accións verdadeiramente eficaces contra todo tipo de agresión cara ás mulleres. Por suposto, incluido o da Xunta de Galicia, experto en usar as tesoiras cando se trata de partidas dirixidas ás mulleres e en prol da igualdade.

http://xornalgalicia.com/modules.php?op=modload&name=News&file=article&sid=97504

Ningún comentario:

Publicar un comentario