Translate

mércores, 20 de agosto de 2014

Repugnancia


Lía con estupor fai tan só uns días os “consellos” que o Ministerio do Interior repescou do segundo Goberno Aznar para que nós, as mulleres, tratemos de evitar as violacións; eses delitos aos que algúns, como o alcalde de Málaga, restan importancia, e outros, como algún que outro xuíz, mesmo chegan a xustificar alegando que a vítima levaba roupa “provocativa” ou tiña comportamentos que incitaban a que se producise unha agresión deste tipo.
Este estupor, aderezado cunha elevada dose de repugnancia e indignación, lonxe de desaparecer ou diluírse, foise incrementando ao escoitar, ler e ver algunhas reaccións que sucesos como a acontecida en Málaga e o propio “documento” -por chamalo dalgunha forma- de Interior provocaron nalgunhas persoas do ámbito máis conservador da política ou o periodismo, a través de declaracións e mesmo artigos de opinión.
Porque non se pode xustificar un texto no que falta a primeira e máis importante premisa -é máis, diría que a única aceptable nunha iniciativa que presume ser preventiva-, isto é, a dirixida ao potencial violador: que unha muller nunca xamais desexa ser violada, que nunca xamais incita á agresión e que nunca xamais provoca nun home comportamentos delituosos. E todo isto sen esquecer que, malia o que dende unha parte cada vez máis numerosa do Partido Popular pensa -e exterioriza-, as mulleres somos donas do noso corpo, da nosa mente e, polo tanto, de todas e cada unha das nosas decisións e posteriores accións. E isto atinxe, por suposto, a cando dicimos que si e cando dicimos que non.
Resulta inadmisible que o Ministerio de Interior considere que as mulleres somos as que debemos manter certos comportamentos para evitar que nos poidan violar. Resulta inadmisible que permitamos que nos sigan cousificando, menosprezando e subestimando, porque nin somos idiotas para saber o que temos que facer en determinadas situacións nin somos responsables do que un violador pretenda facer ou directamente execúteo.
En definitiva, esiximos aos diferentes Gobernos do PP non só a retirada destes “consellos” e as desculpas públicas por estas e outras accións, senón tamén un cambio radical das súas políticas de igualdade, onde non haxa máis recortes e onde se impulsen accións verdadeiramente eficaces contra todo tipo de agresión cara ás mulleres. Por suposto, incluido o da Xunta de Galicia, experto en usar as tesoiras cando se trata de partidas dirixidas ás mulleres e en prol da igualdade.

http://xornalgalicia.com/modules.php?op=modload&name=News&file=article&sid=97504

xoves, 31 de xullo de 2014

De xustiza

Ás veces dáme a sensación de que nos temos metido nunha máquina do tempo e retrocedemos varias décadas. E en realidade o que digo non é tan desatinado, xa que nalgúns aspectos de calado os feitos se corresponden con momentos da historia non recordados precisamente pola proliferación e defensa de dereitos e liberdades.
Esta insistencia por parte dos Gobernos local, autonómico e estatal de converternos nas súas marionetas dirixidas e controladas, recae dunha forma especial sobre as mulleres. O denominado durante moito tempo de forma pexorativa "sexo débil" vai camiño de selo no que se refire aos seus dereitos e liberdades se o PP continúa atacando en todas as frontes posibles, en todo aquilo que dignifica as mulleres, as fai libres e as iguala aos homes.
Os freos e atrancos que se poñen dende as administracións e institucións parecen non ter fin e, por desgracia, Ferrol non é alleo. Unha das maiores eivas dos últimos anos, a violencia de xénero, reflicte uns datos que non son nada alentadores nesta zona, que lonxe de contar cos medios suficientes, asiste a unha total desidia por parte das autoridades.
A gravidade do asunto é tal, que esta zona só é superada en casos de violencia de xénero pola Coruña e Vigo, cidades que si contan cun xulgado especializado. Por todo iso, resulta especialmente sangrante e lamentable que a voz non só do colectivo de mulleres e dos partidos políticos como o socialista, senón de xuíces, fiscais e policías, non sexa tida en conta polo CGPJ, que segue facendo oídos xordos a esta reclamación. Unha reclamación que, mal que lles pese, seguiremos reivindicando día tras día. Porque, e nunca mellor dito, é de xustiza.



De feito, La Voz de Galicia publicaba estes días que o Xulgado número 2, que atende os casos habituais de instrución e os de violencia de xénero, está totalmente saturado e rexistra día si e día tamén algunha denuncia. Aos casos habituais -e non por iso menos graves- de malos tratos, súmanse os de ameazas e violencia efectuada a través das novas tecnoloxías, cunha especial e preocupante incidencia en estudantes e mulleres novas.

Publicado en La Voz de Galicia en xullo de 2014

domingo, 18 de maio de 2014

Ferrol tamén é Europa

Nunhas semanas, a cidadanía europea ten unha cita coas urnas para elixir representación nunhas institucións que ata hai ben pouco parecíannos totalmente afastadas e carentes de contido. De feito, tivo que vir esta feroz crise para darnos conta de que a ata entón descoñecida prima de risco ou o Banco Europeo, por citar só uns exemplos, tiñan moita máis importancia nas nosas vidas do que pensabamos, ou que o chanceler dun país como Alemaña podía chegar a decidir sobre nós e gobernar máis que o presidente Rajoy.
Pois ben, con esta realidade démonos de fociños nestes  anos; unha realidade que se traduciu nunha serie de recortes que ao PP, alumno avantaxado da dereita máis rancia e neoliberal que goberna Europa, non lle tremeu a man en aplicar, levando este país a unha situación desesperada. A reforma laboral, o recorte de servizos públicos, a eliminación da xustiza universal e gratuíta ou a intención de cargarse dereitos fundamentais da muller a través da reforma da chamada Lei do Aborto, entre outras moitas medidas, lonxe de conseguir a tan ansiada "recuperación", afundiunos máis no pozo da desigualdade, da precariedade, do paro, da incerteza.
Por iso, porque Ferrol tamén é Europa, porque queremos á nosa cidade con toda a nosa alma e porque esiximos solucións inmediatas para os que seguimos e para que regresen os que se foron, ademais de proxectos de futuro para que as nosas fillas e fillos poidan elixir quedarse aquí, o 25 temos unha oportunidade de ouro. Unha oportunidade para iniciar un cambio que, en honor a unha cidade berce e referente do movemento obreiro, sindical e da igualdade entre homes e mulleres, pode significar o inicio da volta ás políticas progresistas e, en definitiva, de esquerdas que abandeira o Partido Socialista.



E para as persoas que vivimos en Ferrol, a situación antóllasenos aínda moito peor. O noso "Ferroliño" mórresenos. Cunha taxa de paro do 32% e arredor de 6.000 postos de traballo perdidos en 2013 -do 35% no caso de desemprego feminino-, coas gradas baleiras duns estaleiros que viñeron dando de comer directa ou indirectamente a moitos miles de veciños e veciñas, con decenas de comercios que están a pechar as súas portas ante a escaseza de ingresos, e cunha poboación que decrece de forma alarmante porque novos e maiores teñen que marchar a buscar un futuro digno, os nosos gobernos local, autonómico e estatal obstínanse en mirar para outro lado.


Publicado en la Voz de Galicia o 18 de maio de 2014

sábado, 26 de abril de 2014

Mulleres en crise

Crise. Unha palabra que empeza a soarnos a pitorreo e da que estamos realmente ata onde vostedes saben. Esta palabra foi utilizada nos últimos anos polo Partido Popular para xustificar infinitos recortes e leis, que lonxe de solucionar as cousas, acentuaron aínda máis as diferenzas existentes entre clases, entre ricos e pobres e, dunha forma especialmente notoria, entre homes e mulleres.
Porque se hai un colectivo que está a pagar as súas políticas neoliberais e profundamente ideolóxicas, este é, sen dúbida ningunha, o das mulleres. Co manido pretexto da crise, o PP cargouse leis socialistas especialmente positivas para a muller, como a de Dependencia, e pretende facelo con outras como a de Saúde Sexual e Reprodutiva e da Interrupción Voluntaria do Embarazo, que ademais de supoñer recortes económicos, levan consigo a eliminación de algo trascendente: algúns dos dereitos máis importantes, e fundamentais, da muller.A Reforma Laboral, que vén de cumprir dous anos, non se aparta nin un ápice desta aplicación do seu manual ideolóxico, posto que ademais de prexudicar ao home -poderiamos dicir que a reforma o "feminiza" laboralmente-, amplía as diferenzas existentes coas mulleres. Esta reforma, coa que o PP pretende expulsar sen máis a muller do mercado laboral e condenala a mera figura decorativa, reprodutiva e "coidadora" do fogar, levou máis mulleres ao paro, que seguen sendo as máis castigadas polo desemprego, ademais de seguir liderando o apartado relativo aos contratos temporais. E iso por non falar da brecha salarial existente entre homes e mulleres, situada en case un 23%. O feito de que cada ano se incremente a diferenza entre o que cobra un home e unha muller por desempeñar o mesmo posto de traballo -un 0,5%, segundo informes sindicais- non vén máis que a confirmar o éxito das políticas do PP. “Éxito” que dende o Partido Socialista imos combater en todas as institucións, esixindo que se derroguen reformas absurdas e leis retrógradas e promovendo normas de calado social como a de Igualdade Salarial entre Home e Mulleres. Porque a súa vitoria é o noso fracaso, o das mulleres.



Publicado en La Voz de Galicia en abril de 2014

venres, 24 de xaneiro de 2014

Mulleres ás cavernas

Nacer muller neste país sempre levou consigo unha serie de cargas adicionais ao mero feito de existir que, segundo a época, repercutiron nos seus dereitos, relacións e o seu modo de vida con maior ou menor virulencia.
Despois de corenta anos de invisibilidade e anulación por parte do réxime franquista, levabamos case outros tantos de avances considerables na aprobación e desenvolvemento de leis –todas promovidas polo Partido Socialista-, que se traduciron en dereitos e ampliación de cotas de liberdade para as mulleres a todos os niveis. A Lei de Igualdade, a de saúde sexual e reprodutiva e da IVE, a integral contra a violencia de xénero e mesmo a Lei de Dependencia, co recoñecemento laboral dos coidados que de forma histórica viñeron prestando maioritariamente as mulleres, supuxeron un fito en materia de igualdade.
A vitoria por maioría absoluta en 2011 do Partido Popular supuxo o inicio do fin de todos estes dereitos. A idea da muller na casa coa pata quebrada, como esposa abnegada e nai (si ou si) dos fillos que Deus queira, empezouse a impoñer non só en declaracións de políticos e -o máis grave- políticas do PP, senón a golpe de decretos e leis retrógradas e mchistas. A última, a reforma da chamada Lei do Aborto do ministro ultradereitista Gallardón, disfrazado durante anos de progre no Concello de Madrid.
Esta "contrarreforma", que provocou que ata Europa reclame que sexa retirada nun debate no Parlamento sen precedentes, non só supón un atentado contra a saúde das mulleres -sobre todo para aquelas que non teñen os recursos para abortar no estranxeiro-, ou un revés aos avances conseguidos en prevención de embarazos non desexados, senón que ademais leva consigo a anulación da muller en si mesma. Porque se a muller non pode decidir sobre o seu corpo e, mesmo nos escasos supostos nos que se permite interromper o embarazo os que deciden son outros, xa non podemos falar de muller en igualdade co home; nin sequera como persoa adulta e con razocinio. Porque o PP pretende levar á muller ás cavernas e á invisibilidade e sometemento máis absoluto.
E iso o Partido Socialista non o vai tolerar. As mulleres socialistas non estamos dispostas a dar un paso atrás. Nin un.



Publicado en La Voz de Galicia. Enero de 2014