Nunhas semanas, a cidadanía
europea ten unha cita coas urnas para elixir representación nunhas institucións
que ata hai ben pouco parecíannos totalmente afastadas e carentes de contido.
De feito, tivo que vir esta feroz crise para darnos conta de que a ata entón descoñecida
prima de risco ou o Banco Europeo, por citar só uns exemplos, tiñan moita máis
importancia nas nosas vidas do que pensabamos, ou que o chanceler dun país como
Alemaña podía chegar a decidir sobre nós e gobernar máis que o presidente Rajoy.
Pois ben, con esta realidade démonos de fociños nestes anos; unha realidade que se traduciu nunha
serie de recortes que ao PP, alumno avantaxado da dereita máis rancia e
neoliberal que goberna Europa, non lle tremeu a man en aplicar, levando este
país a unha situación desesperada. A reforma laboral, o recorte de servizos
públicos, a eliminación da xustiza universal e gratuíta ou a intención de cargarse
dereitos fundamentais da muller a través da reforma da chamada Lei do Aborto,
entre outras moitas medidas, lonxe de conseguir a tan ansiada
"recuperación", afundiunos máis no pozo da desigualdade, da
precariedade, do paro, da incerteza.Por iso, porque Ferrol tamén é Europa, porque queremos á nosa cidade con toda a nosa alma e porque esiximos solucións inmediatas para os que seguimos e para que regresen os que se foron, ademais de proxectos de futuro para que as nosas fillas e fillos poidan elixir quedarse aquí, o 25 temos unha oportunidade de ouro. Unha oportunidade para iniciar un cambio que, en honor a unha cidade berce e referente do movemento obreiro, sindical e da igualdade entre homes e mulleres, pode significar o inicio da volta ás políticas progresistas e, en definitiva, de esquerdas que abandeira o Partido Socialista.
E para as persoas que vivimos en
Ferrol, a situación antóllasenos aínda moito peor. O noso "Ferroliño"
mórresenos. Cunha taxa de paro do 32% e arredor de 6.000 postos de traballo
perdidos en 2013 -do 35% no caso de desemprego feminino-, coas gradas baleiras
duns estaleiros que viñeron dando de comer directa ou indirectamente a moitos
miles de veciños e veciñas, con decenas de comercios que están a pechar as súas
portas ante a escaseza de ingresos, e cunha poboación que decrece de forma
alarmante porque novos e maiores teñen que marchar a buscar un futuro digno, os
nosos gobernos local, autonómico e estatal obstínanse en mirar para outro lado.
Publicado en la Voz de Galicia o 18 de maio de 2014
Ningún comentario:
Publicar un comentario