Translate
domingo, 14 de febreiro de 2016
Tocáronnola
Un ano por estas datas, o PSdeG, a través da Secretaría de Igualdade, en colaboración con Xuventudes Socialistas de Galicia, poñía en marcha a campaña “Que non nos toquen a lei”, en resposta á pretendida modificación por parte do PP do artigo 13.4 da coñecida como Lei do Aborto.
Coincidindo coa celebración, o 14 de febreiro, do Día da Saúde Sexual, saiamos á rúa para repartir condóns e, co lema desa iniciativa, -en claro rexeitamento a unha modificación que atentaba contra os dereitos das mulleres, especialmente das máis vulnerables, as máis novas en situación de violencia, desarraigamento ou desamparo-, poñer de manifesto a importancia que ten a educación e prevención para evitar embarazos non desexados, o fin último desta lei que xa leva no seu nome as palabras “saúde sexual e reprodutiva”.
De feito, a finais de decembro coñeciamos os datos relativos ás interrupcións voluntarias de embarazo e, por primeira vez dende 2005, os abortos en 2014 caían por debaixo dos 100.000, sendo 94.796, isto é, un 12,8% menos que o ano anterior. Este descenso, malia non afectar a Galicia, que mantén case inalterables as súas cifras –precisamente pola razóns de que non baixen vimos de preguntar ao Goberno da Xunta no Parlamento-, tamén afectou ás mulleres menores de 19 anos, pasando de 12,23 de cada mil a 9,92. E este é o terceiro descenso consecutivo.
Pois ben, pasado un ano, o PP tocóunola. Tocou unha lei que fora froito do consenso e, aínda que mellorable e revisable -como todas, por certo-, unha lei que, como amosan os datos, estaba comezando a dar os seus froitos malia non ser desenvolvida polo Partido Popular. Un ano máis tarde, as mulleres de 16 e 17 anos que quedan embarazadas e non queren ser nais, vense ante unha perigosa disxuntiva: a de abortar con garantías sanitarias, pero previa aprobación materna ou paterna mesmo nos casos nos que existe violencia intrafamiliar, desarraigamento ou desamparo, ou a de facelo de forma clandestina, co importante risco para a saúde que iso leva.
Por tanto, no Día da Saúde Sexual debemos esixir que “nos devolvan a lei” e que, por tanto, o Goberno entrante -esperemos que progresista e liderado por Pedro Sánchez, fiel defensor dos dereitos e liberdades das mulleres- recupere a lexislación anterior, para poder desenvolvela e, no seu caso, mellorala en todo aquilo que sexa preciso.
Precisamente un dos problemas principais que se detectaron nestes anos é a falta de información entre a mocidade. Así, os estudos constatan que máis do 50% das mulleres menores de idade que abortaron non tomaran -nin elas nin a súa parella, por suposto- medidas anticonceptivas. E non nesa ocasión, senón dun xeito habitual. E o mesmo ocorre coas mulleres menores de 19 anos que manteñen relacións sexuais, con independencia de que se produza ou non un embarazo. A razón? Pois imaxino que haberá varias, pero estou totalmente convencida de que o descoñecemento ou, o que é o mesmo, a nula ou escasa información e formación recibida nas súas respectivas casas e centros escolares está detrás dunha realidade que nos está retrotraendo a moitas décadas atrás.
Se queremos evitar embarazos non desexados, que como dicía antes, é o obxectivo da Lei de 2010 -o aborto non é máis que a solución última a romper cunha maternidade non desexada por parte da muller, que é quen ten e, por tanto, exerce ese dereito-, debemos poñer o acento na educación; unha educación afectivo-sexual que se imparta nos centros escolares e que teña como destinatarios a nenos e nenas desde idades temperás. Por tanto, non só é necesario recuperar Educación para a Cidadanía, como materia fundamental para que o alumnado reciba formación en valores como a igualdade, a tolerancia ou o respecto á diversidade, senón que tamén as administracións teñen que impulsar unha materia a través das que formemos a nenas e nenos, mulleres e homes informados acerca dos nosos respectivos corpos, saúde e dereitos sexuais e reprodutivos. Só con prevención e información poderemos acadar unha sociedade sexualmente saúdable.
http://praza.gal/opinion/3149/tocaronnola/
domingo, 7 de febreiro de 2016
Azul e rosa
Azul e rosa. Coches e cociniñas.
Fútbol e ballet. Estes son só algúns exemplos do que historicamente se
considerou de nenos e de nenas, os chamados estereotipos. Uns estereotipos que
pouca importancia terían se non fose pola desigualdade que se deriva de cada un
destes conceptos.
É dicir, a nena vestida de rosa,
xogando ás cocinitas e acudindo a clases de ballet fronte ao neno de azul,
tirado polo chan cun coche de carreiras e dando patadas nos seus intres libres
a un balón. Ou, o que é o mesmo, a calidez, a fraxilidade e a submisión fronte
á dureza, a fortaleza, a independencia e a competitividade. A inferioridade
fronte á superioridade. A muller fronte ao home. A desigualdade máxima.
Talvez estas comparacións
resulten un pouco extremas, pero os adxectivos anteriormente mencionados -e outros moitos- son os que nos van
separando desde a infancia e vannos facendo non só diferentes -que o somos-,
senón desiguais. E da desigualdade estrutural proveñen condutas sexistas,
discriminatorias e agresivas. Por iso, a educación resulta fundamental e,
dentro ela, a ruptura deses roles asociados a un ou outro xénero.
E igual que nos últimos tempos
sorprendeume -gratamente- atopar algúns catálogos de xoguetes nos que aparecen
nenos xogando con bebés e nenas facendo construcións, ou ver como cada vez máis
nenos utilizan a cor rosa nos seus equipamentos de fútbol -deporte no que na
actualidade hai maior presenza feminina-, o sentimento é o contrario cando constato
que a publicidade e o deporte, por seguir con estes exemplos, seguen sendo en
termos xerais escandalosamente machistas.
E machista e claramente
discriminatorio é o que sucedeu nun centro escolar de Ribadeo, o CEIP Gregorio
Sanz, onde o profesorado inicialmente pretendía que os nenos acudisen o día da
festa de Entroido disfrazados de xogadores de baloncesto e as nenas de
animadoras. A pesar da rectificación motivada ao parecer pola queixa dalgunhas
nais e pais, o certo é que resulta como mínimo preocupante que un claustro dun
colexio público tome unha decisión destas características sen atisbar nin un
mínimo de desigualdade na mesma. Non perciben un claro tufo machista ao pedir
que os nenos acudan a clase vestidos de deportistas e ás nenas de animadoras, é
dicir, que promovan a superioridade deles fronte á submisión delas? Non se dan conta de que trasladar esa mensaxe
ao alumnado é todo o contrario á formación e educación en igualdade?
É evidente que a resposta a estas
preguntas é non e, por tanto, debemos esixir a quen corresponde, é dicir, ás
administracións públicas e, dunha forma especial, a quen ten as competencias
fundamentais, isto é, a Xunta, que incida na educación, tanto a nivel do
alumnado como do profesorado. É evidente que nos últimos anos déronse
significativos e preocupantes pasos atrás en igualdade. Os estudos realizados
por diferentes institucións e organismos están a constatar un repunte do
machismo desde idades moi temperás, co que leva: abusos e violencia psíquica e
física.
Os recortes económicos e
ideolóxicos do PP, tanto no Goberno de España como en Galicia, foron letais
para a educación, un dos alicerces fundamentais sobre os que se ten que asentar
a igualdade entre homes e mulleres. Por tanto, parece clave a existencia dun
goberno de progreso que teña na igualdade uno dos seus compromisos fundamentais
e que estea disposto a activar todos os recursos e medidas necesarios para
poder alcanzar este obxectivo, comezando pola formación non só de nenos e
nenas, senón tamén de quen se encarga da súa educación.
domingo, 31 de xaneiro de 2016
Conciliación ou espectáculo?
As imaxes de Carolina Bescansa
chegando ao Congreso co seu bebé de apenas seis meses foron, sen dúbida, as
máis polémicas e comentadas dunha semana repletiña de información. Ao longo destes
días, homes e mulleres comentamos en medios de comunicación, redes sociais e
faladoiros varios acerca da idoneidade, ou non, da decisión da deputada de
Podemos de levar ao seu fillo ao seu posto de traballo.
E non serei eu quen a
desautorice, posto que, como escoitei e lin nalgúns foros, ela é moi libre de
facer o que considere, sobre todo porque ten a sorte de poder facelo (non como
moitas outras persoas que non temos esa posibilidade no noso lugar de emprego).
Pero, do mesmo xeito que ela ten esa liberdade e exércea como lle place, eu
utilizo a miña para opinar e facelo, como ela, publicamente.
Comezarei dicindo que, como
norma xeral, non me gusta en absoluto a utilización da imaxe dos e das menores
en actividades e espazos que creo que non lles corresponden. Unha cousa é que
os nenos e nenas participen do activismo político dos seus pais ou nais ou que
mesmo en ocasións as circunstancias obriguen a iso, e outra ben distinta que se
instrumentalice a imaxe dun ou unha menor -neste caso un bebé- para ser o
centro das miradas e focos.
Tampouco considero acertado que
sexa unha muller a que expoña ante as cámaras esa idea tan interiorizada, por
desgraza, de muller-nai-coidadora. Porque creo que é contraproducente e
contraria a esa loita de moitos anos pola conciliación e, sobre todo, pola
corresponsabilidade. E porque, a maiores, o Congreso conta cunha gardería (por
non falar da aia que, ao parecer, ten a propia Bescansa -non entrarei noutro
tipo de crítica de conciencia de clase para non botar máis leña ao lume- e que
agardaba fóra para levar ao bebé despois do espectáculo mediático).
Precisamente esta escola
infantil foi tamén criticada por algúns sectores da poboación, cos que podería
coincidir, a priori, nesa crítica tan manida nos últimos tempos sobre os
privilexios da clase política. Pero, claro, digo eu: se a realidade segue
estando lonxe da corresponsabilidade e se as mulleres temos un teito de cristal
que nos oprime e impídenos, ou polo menos complica, chegar a alcanzar certos
postos de responsabilidade, non é entón unha boa noticia que o Congreso ofreza
un servizo de gardería para poder garantir en condicións de igualdade a
presenza de mulleres no hemiciclo? Non beneficia fundamentalmente ás mulleres?
Non debe servir de exemplo para outras administracións e empresas privadas? A
gardería ou o voto telemático son, sen dúbida, dous logros importantes e, aínda
que insuficientes e limitados polo seu propio ámbito de actuación, van polo bo
camiño desa igualdade que non se pode quedar nunha bonita palabra, senón que
ten que ser un obxectivo real.
Pertenzo a un partido que cre e
traballa pola conciliación e a corresponsabilidade para todas as nais e pais.
E, por iso, nos gobernos socialistas aprobamos o Plan Concilia na
Administración, o Plan 0-3 ou a Lei de Dependencia. E, por iso, na pasada
lexislatura presentamos unha proposición non de lei sobre a repartición dos
coidados e de igualdade salarial entre homes e mulleres que garantan de forma
real e efectiva a igualdade tanto na distribución social dos coidados e
traballos domésticos como na retribución polo desempeño dun traballo de igual
valor. E, por iso, levamos no noso programa electoral un anexo dedicado
especificamente á repartición dos tempos e medidas de conciliación e
corresponsabilidade.
Todo isto fíxose, e seguirase
facendo e defendendo, sen necesidade de postas en escena que si, conseguiron o
protagonismo mediático que buscaban, pero que non comparto como muller, como
nai e como socialista nin nas formas nin no fondo.
domingo, 17 de xaneiro de 2016
Mateina porque era miña
Resulta complicado tratar de
escribir un artigo de balance sobre violencia machista mentres non cesan de
chegar noticias de casos e máis casos de agresións contra mulleres. O machismo,
por desgraza, non dá treguas nin entende de procesos electorais, vacacións de
Nadal e festividades varias e, así, a poucos días de comezar un novo ano, a
estatística do Ministerio de Igualdade correspondente a 2016 empeza a tinguirse
de vermello ante varios brutais asasinatos.
En Galicia a realidade é
dramática. Péchase un ano, 2015, terrible en canto a número de vítimas. Nove.
Sete mulleres asasinadas a mans das súas parellas ou ex parellas e dúas nenas
cuxo pai decidiu quitarlles brutalmente a vida co cruel obxectivo de vingarse
da súa ex muller.
Máis aló do que os datos
revelan, como que Galicia foi a terceira comunidade autónoma -unicamente por
detrás de Andalucía e Comunidade Valenciana- en número de mulleres asasinadas
por violencia machista ou que 2015 pechouse con máis vítimas que 2014 -unha
muller máis que o ano anterior-, debemos afondar nas causas e a orixe deste
repunte de violencia contra as mulleres.
Evidentemente, os recortes do
PP, tanto por parte do Goberno de España como da Xunta de Galicia, teñen moito
que ver neste incremento porque a ninguén se lle escapa que a maiores recursos,
maiores ferramentas para combater o machismo desde todos os ámbitos. Pero estes
recortes non podemos entendelos como
cifras sen máis, senón que as partidas deben ser a consecuencia dunhas
políticas definidas, transversais e contundentes contra o machismo e a
violencia que este xera.
E aí, na orixe, é onde, baixo o
meu punto de vista, o Partido Popular ten cometido os maiores erros; uns erros
que cualifico como tales porque entendo que ningún partido pode compartir,
avalar ou mesmo entender as agresións contra as mulleres, pero que se sustentan
nunha ideoloxía conservadora e en ocasións claramente machista. E esta
ideoloxía é a que levou ao PP nestes anos para recortar en todo aquilo que
soaba a igualdade, o elemento principal sobre o que hai que traballar se
realmente queremos acabar con esta lacra.
Retirar do sistema educativo a
materia de Educación para a Cidadanía e reducir competencias de forma drástica,
a través da Lei de Bases de Réxime Local, aos Concellos, foron demoledores
nesta tarefa integral de loita contra a violencia machista. Unha educación en
igualdade en todos os niveis escolares e unha prevención, protección e
asistencia próximas e personalizadas resultan fundamentais para afrontar o
problema serio de machismo que padecemos.
Nos últimos anos, está a
percibirse un incremento de condutas machistas na poboación adolescente e
xuvenil. Eles, que controlan, someten e, en ocasións, agreden ás súas parellas
física ou psicoloxicamente, e elas que, en niveis preocupantes, non só
consenten estes comportamentos, senón que os entenden e mesmo consideran sinais
de amor. Mateina porque era miña, esa frase levada ao cinema e ao mundo da
música, convértese nunha realidade cada vez máis interiorizada e asumida.
Non será o momento de, unha vez
por todas, afrontar de forma seria o problema? Non debemos apostar por unha
educación afectivo-sexual e en igualdade? Non debemos devolver aos Concellos
esas competencias que, en materia de atención ás mulleres, permitíalles ofrecer
unha atención directa ás vítimas? Non debemos deixar de escatimar recursos e
repoñer todo o que se reduciu en anos anteriores? Non debemos desenvolver na
súa totalidade e revisar a Lei Integral de 2004, adaptándoa aos novos tempos e
realidades, ampliando a súa cobertura a toda a violencia estrutural de xénero,
con independencia do tipo de relación da vítima co agresor? A resposta a todas
estas preguntas é obvia: debemos e temos que facelo de forma urxente se
queremos empezar a poñer freo a esta terrible realidade. Por iso, resulta agora
necesario máis que nunca impulsar un Pacto de Estado contra a violencia
machista. Este era un dos compromisos de Pedro Sánchez e unha das principais
tarefas que debe afrontar o próximo Goberno, agardemos que progresista. O
Goberno de España e, sen dúbida, o da Xunta de Galicia.
mércores, 30 de decembro de 2015
Ningunha muller nace para puta
A valentía é unha cualidade que
engrandece aos partidos políticos. Sacar o debate á rúa daqueles temas que
afectan á sociedade, en maior ou menor medida, e adoptar medidas e posicionamentos
claros, máis aló de populismos ou, dito doutro xeito, máis aló de dirixir o
discurso cara ao que pensamos que a cidadanía pode querer escoitar, dota de
credibilidade a aqueles partidos que se “atreven” a facelo.
E precisamente esta cualidade é
unha das que máis admiro no Partido
Socialista e que me fai sentir orgullosa de militar na devandita formación
política. E, exemplos, témolos en todos os eidos. A igualdade entre homes e
mulleres cunha lei que establece a paridade como obrigatoria e o desenvolvemento
de plans de igualdade nas administracións e empresas; a loita contra a violencia de xénero desde a
perspectiva integral e con medidas de discriminación positiva en materia penal;
ou o dereito para decidir sobre o noso corpo e sobre a nosa maternidade,
eliminando a lei de supostos (tamén socialista e entón un importante primeiro
paso) e implantando unha lei de prazos á altura moi similar á dos países
europeos máis avanzados, reflexan esta valentía, combinada á perfección cun
compromiso firme coas mulleres e a igualdade real e efectiva.
Hai unhas semanas coñeciamos que
o PSOE daba outro paso adiante, afrontando dunha forma seria, solvente e, como
dixen antes, valente, un tema polémico, pero que necesita ser abordado dunha
vez por todas: a prostitución.
Non podemos esquecer que foi o
Goberno socialista o que, en 2008, aprobaba un plan integral de loita contra a
trata con fins de explotación sexual e incorporaba este delito específico no
Código Penal, e foi tamén o Partido Socialista o que se opuxo nesta lexislatura
á reforma da Lei Orgánica do Poder Xudicial, que recorta o principio de xustiza
universal aprobada polo Congreso, porque que afectará gravemente á persecución
da trata de persoas en España. Por tanto, é evidente que a loita contra a explotación
sexual, que constitúe un dos negocios mundiais máis lucrativos -só en España, a
prostitución move ao día cinco millóns de euros ou, o que é o mesmo, 1.825
millóns ao ano- foi, e é, un dos principais obxectivos marcados na axenda
política socialista. Unha loita contra o que se ten convertido na escravitude
do século XXI, que se alimenta da
feminización da pobreza, da desigualdade entre mulleres e homes e do aumento
dos índices de violencia de xénero no mundo.
Estas primeiras medidas e
posicionamentos públicos supuxeron unha aposta clara en contra da oferta dun
negocio, o da prostitución, que o Partido Popular, lonxe de combater de forma
decidida, decidiu incluír no PIB, acatando un regulamento europeo que, por
exemplo, países como Francia non cumpriron alegando que a prostitución supón
unha vulneración dos dereitos humanos.
E agora, despois da aprobación no
38 Congreso dunha Resolución onde se acordou “perseguir a explotación sexual
cunha estratexia clara de tolerancia cero”, subliñando que “os homes e as
mulleres socialistas aspiramos a unha sociedade sen explotación sexual e
comprometémonos a traballar para eliminar a prostitución e cambiar o modelo
social de dominación e desigualdade que a fai posible, incidindo en reducir a
demanda, concienciando á sociedade de que a compra de servizos de prostitución
contribúe ao establecemento, no noso país, de mafias que se lucran de mulleres
ás que secuestraron os seus dereitos”, chega o momento de plasmar este
compromiso no programa electoral. Para iso, o borrador do programa inclúe unha
proposta arriscada, pero tremendamente comprometida coas mulleres, o principio
de igualdade e a defensa dos dereitos humanos: a de aprobar medidas que
desenvolvan políticas encamiñadas á abolición da prostitución, perseguindo e
sancionando a demanda e compra.
Paso firme e compromiso claro. Porque,
como di o lema que as activistas feministas Sonia Sánchez e María Galindo
utilizaron para accións e debates e en 2014 transformaron en libro, ningunha
muller nace para puta.
Subscribirse a:
Publicacións (Atom)