Translate

domingo, 7 de febreiro de 2016

Azul e rosa

Azul e rosa. Coches e cociniñas. Fútbol e ballet. Estes son só algúns exemplos do que historicamente se considerou de nenos e de nenas, os chamados estereotipos. Uns estereotipos que pouca importancia terían se non fose pola desigualdade que se deriva de cada un destes conceptos.
É dicir, a nena vestida de rosa, xogando ás cocinitas e acudindo a clases de ballet fronte ao neno de azul, tirado polo chan cun coche de carreiras e dando patadas nos seus intres libres a un balón. Ou, o que é o mesmo, a calidez, a fraxilidade e a submisión fronte á dureza, a fortaleza, a independencia e a competitividade. A inferioridade fronte á superioridade. A muller fronte ao home. A desigualdade máxima.
Talvez estas comparacións resulten un pouco extremas, pero os adxectivos anteriormente mencionados  -e outros moitos- son os que nos van separando desde a infancia e vannos facendo non só diferentes -que o somos-, senón desiguais. E da desigualdade estrutural proveñen condutas sexistas, discriminatorias e agresivas. Por iso, a educación resulta fundamental e, dentro ela, a ruptura deses roles asociados a un ou outro xénero.
E igual que nos últimos tempos sorprendeume -gratamente- atopar algúns catálogos de xoguetes nos que aparecen nenos xogando con bebés e nenas facendo construcións, ou ver como cada vez máis nenos utilizan a cor rosa nos seus equipamentos de fútbol -deporte no que na actualidade hai maior presenza feminina-, o sentimento é o contrario cando constato que a publicidade e o deporte, por seguir con estes exemplos, seguen sendo en termos xerais escandalosamente machistas.
E machista e claramente discriminatorio é o que sucedeu nun centro escolar de Ribadeo, o CEIP Gregorio Sanz, onde o profesorado inicialmente pretendía que os nenos acudisen o día da festa de Entroido disfrazados de xogadores de baloncesto e as nenas de animadoras. A pesar da rectificación motivada ao parecer pola queixa dalgunhas nais e pais, o certo é que resulta como mínimo preocupante que un claustro dun colexio público tome unha decisión destas características sen atisbar nin un mínimo de desigualdade na mesma. Non perciben un claro tufo machista ao pedir que os nenos acudan a clase vestidos de deportistas e ás nenas de animadoras, é dicir, que promovan a superioridade deles fronte á submisión delas?  Non se dan conta de que trasladar esa mensaxe ao alumnado é todo o contrario á formación e educación en igualdade?
É evidente que a resposta a estas preguntas é non e, por tanto, debemos esixir a quen corresponde, é dicir, ás administracións públicas e, dunha forma especial, a quen ten as competencias fundamentais, isto é, a Xunta, que incida na educación, tanto a nivel do alumnado como do profesorado. É evidente que nos últimos anos déronse significativos e preocupantes pasos atrás en igualdade. Os estudos realizados por diferentes institucións e organismos están a constatar un repunte do machismo desde idades moi temperás, co que leva: abusos e violencia psíquica e física.

Os recortes económicos e ideolóxicos do PP, tanto no Goberno de España como en Galicia, foron letais para a educación, un dos alicerces fundamentais sobre os que se ten que asentar a igualdade entre homes e mulleres. Por tanto, parece clave a existencia dun goberno de progreso que teña na igualdade uno dos seus compromisos fundamentais e que estea disposto a activar todos os recursos e medidas necesarios para poder alcanzar este obxectivo, comezando pola formación non só de nenos e nenas, senón tamén de quen se encarga da súa educación.

domingo, 31 de xaneiro de 2016

Conciliación ou espectáculo?

As imaxes de Carolina Bescansa chegando ao Congreso co seu bebé de apenas seis meses foron, sen dúbida, as máis polémicas e comentadas dunha semana repletiña de información. Ao longo destes días, homes e mulleres comentamos en medios de comunicación, redes sociais e faladoiros varios acerca da idoneidade, ou non, da decisión da deputada de Podemos de levar ao seu fillo ao seu posto de traballo.
E non serei eu quen a desautorice, posto que, como escoitei e lin nalgúns foros, ela é moi libre de facer o que considere, sobre todo porque ten a sorte de poder facelo (non como moitas outras persoas que non temos esa posibilidade no noso lugar de emprego). Pero, do mesmo xeito que ela ten esa liberdade e exércea como lle place, eu utilizo a miña para opinar e facelo, como ela, publicamente.
Comezarei dicindo que, como norma xeral, non me gusta en absoluto a utilización da imaxe dos e das menores en actividades e espazos que creo que non lles corresponden. Unha cousa é que os nenos e nenas participen do activismo político dos seus pais ou nais ou que mesmo en ocasións as circunstancias obriguen a iso, e outra ben distinta que se instrumentalice a imaxe dun ou unha menor -neste caso un bebé- para ser o centro das miradas e focos. 
Tampouco considero acertado que sexa unha muller a que expoña ante as cámaras esa idea tan interiorizada, por desgraza, de muller-nai-coidadora. Porque creo que é contraproducente e contraria a esa loita de moitos anos pola conciliación e, sobre todo, pola corresponsabilidade. E porque, a maiores, o Congreso conta cunha gardería (por non falar da aia que, ao parecer, ten a propia Bescansa -non entrarei noutro tipo de crítica de conciencia de clase para non botar máis leña ao lume- e que agardaba fóra para levar ao bebé despois do espectáculo mediático).
Precisamente esta escola infantil foi tamén criticada por algúns sectores da poboación, cos que podería coincidir, a priori, nesa crítica tan manida nos últimos tempos sobre os privilexios da clase política. Pero, claro, digo eu: se a realidade segue estando lonxe da corresponsabilidade e se as mulleres temos un teito de cristal que nos oprime e impídenos, ou polo menos complica, chegar a alcanzar certos postos de responsabilidade, non é entón unha boa noticia que o Congreso ofreza un servizo de gardería para poder garantir en condicións de igualdade a presenza de mulleres no hemiciclo? Non beneficia fundamentalmente ás mulleres? Non debe servir de exemplo para outras administracións e empresas privadas? A gardería ou o voto telemático son, sen dúbida, dous logros importantes e, aínda que insuficientes e limitados polo seu propio ámbito de actuación, van polo bo camiño desa igualdade que non se pode quedar nunha bonita palabra, senón que ten que ser un obxectivo real.
Pertenzo a un partido que cre e traballa pola conciliación e a corresponsabilidade para todas as nais e pais. E, por iso, nos gobernos socialistas aprobamos o Plan Concilia na Administración, o Plan 0-3 ou a Lei de Dependencia. E, por iso, na pasada lexislatura presentamos unha proposición non de lei sobre a repartición dos coidados e de igualdade salarial entre homes e mulleres que garantan de forma real e efectiva a igualdade tanto na distribución social dos coidados e traballos domésticos como na retribución polo desempeño dun traballo de igual valor. E, por iso, levamos no noso programa electoral un anexo dedicado especificamente á repartición dos tempos e medidas de conciliación e corresponsabilidade.

Todo isto fíxose, e seguirase facendo e defendendo, sen necesidade de postas en escena que si, conseguiron o protagonismo mediático que buscaban, pero que non comparto como muller, como nai e como socialista nin nas formas nin no fondo.

domingo, 17 de xaneiro de 2016

Mateina porque era miña

Resulta complicado tratar de escribir un artigo de balance sobre violencia machista mentres non cesan de chegar noticias de casos e máis casos de agresións contra mulleres. O machismo, por desgraza, non dá treguas nin entende de procesos electorais, vacacións de Nadal e festividades varias e, así, a poucos días de comezar un novo ano, a estatística do Ministerio de Igualdade correspondente a 2016 empeza a tinguirse de vermello ante varios brutais asasinatos.
En Galicia a realidade é dramática. Péchase un ano, 2015, terrible en canto a número de vítimas. Nove. Sete mulleres asasinadas a mans das súas parellas ou ex parellas e dúas nenas cuxo pai decidiu quitarlles brutalmente a vida co cruel obxectivo de vingarse da súa ex muller.
Máis aló do que os datos revelan, como que Galicia foi a terceira comunidade autónoma -unicamente por detrás de Andalucía e Comunidade Valenciana- en número de mulleres asasinadas por violencia machista ou que 2015 pechouse con máis vítimas que 2014 -unha muller máis que o ano anterior-, debemos afondar nas causas e a orixe deste repunte de violencia contra as mulleres.
Evidentemente, os recortes do PP, tanto por parte do Goberno de España como da Xunta de Galicia, teñen moito que ver neste incremento porque a ninguén se lle escapa que a maiores recursos, maiores ferramentas para combater o machismo desde todos os ámbitos. Pero estes recortes non podemos entendelos  como cifras sen máis, senón que as partidas deben ser a consecuencia dunhas políticas definidas, transversais e contundentes contra o machismo e a violencia que este xera.
E aí, na orixe, é onde, baixo o meu punto de vista, o Partido Popular ten cometido os maiores erros; uns erros que cualifico como tales porque entendo que ningún partido pode compartir, avalar ou mesmo entender as agresións contra as mulleres, pero que se sustentan nunha ideoloxía conservadora e en ocasións claramente machista. E esta ideoloxía é a que levou ao PP nestes anos para recortar en todo aquilo que soaba a igualdade, o elemento principal sobre o que hai que traballar se realmente queremos acabar con esta lacra.
Retirar do sistema educativo a materia de Educación para a Cidadanía e reducir competencias de forma drástica, a través da Lei de Bases de Réxime Local, aos Concellos, foron demoledores nesta tarefa integral de loita contra a violencia machista. Unha educación en igualdade en todos os niveis escolares e unha prevención, protección e asistencia próximas e personalizadas resultan fundamentais para afrontar o problema serio de machismo que padecemos.
Nos últimos anos, está a percibirse un incremento de condutas machistas na poboación adolescente e xuvenil. Eles, que controlan, someten e, en ocasións, agreden ás súas parellas física ou psicoloxicamente, e elas que, en niveis preocupantes, non só consenten estes comportamentos, senón que os entenden e mesmo consideran sinais de amor. Mateina porque era miña, esa frase levada ao cinema e ao mundo da música, convértese nunha realidade cada vez máis interiorizada e asumida.

Non será o momento de, unha vez por todas, afrontar de forma seria o problema? Non debemos apostar por unha educación afectivo-sexual e en igualdade? Non debemos devolver aos Concellos esas competencias que, en materia de atención ás mulleres, permitíalles ofrecer unha atención directa ás vítimas? Non debemos deixar de escatimar recursos e repoñer todo o que se reduciu en anos anteriores? Non debemos desenvolver na súa totalidade e revisar a Lei Integral de 2004, adaptándoa aos novos tempos e realidades, ampliando a súa cobertura a toda a violencia estrutural de xénero, con independencia do tipo de relación da vítima co agresor? A resposta a todas estas preguntas é obvia: debemos e temos que facelo de forma urxente se queremos empezar a poñer freo a esta terrible realidade. Por iso, resulta agora necesario máis que nunca impulsar un Pacto de Estado contra a violencia machista. Este era un dos compromisos de Pedro Sánchez e unha das principais tarefas que debe afrontar o próximo Goberno, agardemos que progresista. O Goberno de España e, sen dúbida, o da Xunta de Galicia.

mércores, 30 de decembro de 2015

Ningunha muller nace para puta

A valentía é unha cualidade que engrandece aos partidos políticos. Sacar o debate á rúa daqueles temas que afectan á sociedade, en maior ou menor medida, e adoptar medidas e posicionamentos claros, máis aló de populismos ou, dito doutro xeito, máis aló de dirixir o discurso cara ao que pensamos que a cidadanía pode querer escoitar, dota de credibilidade a aqueles partidos que se “atreven” a facelo.
E precisamente esta cualidade é unha das que máis  admiro no Partido Socialista e que me fai sentir orgullosa de militar na devandita formación política. E, exemplos, témolos en todos os eidos. A igualdade entre homes e mulleres cunha lei que establece a paridade como obrigatoria e o desenvolvemento de plans de igualdade nas administracións e empresas;  a loita contra a violencia de xénero desde a perspectiva integral e con medidas de discriminación positiva en materia penal; ou o dereito para decidir sobre o noso corpo e sobre a nosa maternidade, eliminando a lei de supostos (tamén socialista e entón un importante primeiro paso) e implantando unha lei de prazos á altura moi similar á dos países europeos máis avanzados, reflexan esta valentía, combinada á perfección cun compromiso firme coas mulleres e a igualdade real e efectiva.
Hai unhas semanas coñeciamos que o PSOE daba outro paso adiante, afrontando dunha forma seria, solvente e, como dixen antes, valente, un tema polémico, pero que necesita ser abordado dunha vez por todas: a prostitución.
Non podemos esquecer que foi o Goberno socialista o que, en 2008, aprobaba un plan integral de loita contra a trata con fins de explotación sexual e incorporaba este delito específico no Código Penal, e foi tamén o Partido Socialista o que se opuxo nesta lexislatura á reforma da Lei Orgánica do Poder Xudicial, que recorta o principio de xustiza universal aprobada polo Congreso, porque que afectará gravemente á persecución da trata de persoas en España. Por tanto, é evidente que a loita contra a explotación sexual, que constitúe un dos negocios mundiais máis lucrativos -só en España, a prostitución move ao día cinco millóns de euros ou, o que é o mesmo, 1.825 millóns ao ano- foi, e é, un dos principais obxectivos marcados na axenda política socialista. Unha loita contra o que se ten convertido na escravitude do século XXI, que  se alimenta da feminización da pobreza, da desigualdade entre mulleres e homes e do aumento dos índices de violencia de xénero no mundo.
Estas primeiras medidas e posicionamentos públicos supuxeron unha aposta clara en contra da oferta dun negocio, o da prostitución, que o Partido Popular, lonxe de combater de forma decidida, decidiu incluír no PIB, acatando un regulamento europeo que, por exemplo, países como Francia non cumpriron alegando que a prostitución supón unha vulneración dos dereitos humanos.
E agora, despois da aprobación no 38 Congreso dunha Resolución onde se acordou “perseguir a explotación sexual cunha estratexia clara de tolerancia cero”, subliñando que “os homes e as mulleres socialistas aspiramos a unha sociedade sen explotación sexual e comprometémonos a traballar para eliminar a prostitución e cambiar o modelo social de dominación e desigualdade que a fai posible, incidindo en reducir a demanda, concienciando á sociedade de que a compra de servizos de prostitución contribúe ao establecemento, no noso país, de mafias que se lucran de mulleres ás que secuestraron os seus dereitos”, chega o momento de plasmar este compromiso no programa electoral. Para iso, o borrador do programa inclúe unha proposta arriscada, pero tremendamente comprometida coas mulleres, o principio de igualdade e a defensa dos dereitos humanos: a de aprobar medidas que desenvolvan políticas encamiñadas á abolición da prostitución, perseguindo e sancionando a demanda e compra.

Paso firme e compromiso claro. Porque, como di o lema que as activistas feministas Sonia Sánchez e María Galindo utilizaron para accións e debates e en 2014 transformaron en libro, ningunha muller nace para puta.

xoves, 12 de novembro de 2015

Violencia de xénero VS Violencia en parellas do mesmo sexo

Que existen profundos lazos entre as mulleres e o colectivo LGTBI, é evidente. É máis, posiblemente esta especie de complicidade e, en ocasións, loita conxunta tivo un papel importante na ampla conciencia social e na aprobación por parte do Goberno de Rodríguez Zapatero, da Lei Integral contra a Violencia de Xénero de decembro de 2004, e de tan só seis meses máis tarde, da Lei do Matrimonio Igualitario.
Pero, dito isto, temos que recoñecer tamén que as mulleres e o colectivo LGTBI temos diferenzas e, polo tanto, non podemos confundir determinadas reivindicacións. E un exemplo claro o constitúe a violencia que se produce no seo das relacións cunha orixe afectivo-sexual. Dende que se aprobou a lei, pero sobre todo dende que se aprobou o matrimonio igualitario (cun momento de especial debate cando en 2009 un home asasinou ao seu ex marido en Adra que, se ben non era o primeiro caso en España, si foi o que abriu dun xeito amplo o debate), diferentes voces se teñen alzado para reivindicar a aplicación da Lei Integral contra a Violencia de Xénero en parellas do mesmo sexo.
Curiosamente, unha parte destacada destas voces procede dos sectores máis conservadores da sociedade. E por que? Pois, segundo o meu punto de vista, por dúas razón principais. A primeira, porque resulta unha forma de electoralismo irresponsable, pero extremadamente sinxelo e eficaz. É dicir, por unha banda, porque é un guiño ao colectivo LGTBI ao que, con argumentos que entendo que poden resultar atractivos, tratan de enganar. Porque que non se nos esqueza que o PP, ademais de votar en contra, levou a Lei de Matrimonio Igualitario ao Tribunal Constitucional. E, por outra, estas manifestacións, como as que fixo o ex presidente de Extremadura José Antonio Monago o ano pasado, no fondo agochan un ansia por mesturar aos colectivos na categoría de “discriminados” e, así, aplicar as mesmas leis sen deseñar e aplicar as medidas específicas para cada caso. É dicir, o que sería afondar na discriminación.
Porque, como dixo Boti García Rodrigo –presidenta ata febreiro de 2015 da Federación Estatal LGTB e defensora da diferenciación das dúas clases de violencia, como tamén Beatriz Gimeno, presidenta desta mesma entidade entre 2003 e 2007 e autora de interesantes publicacións sobre o tema-, “incluir nuestra violencia en la violencia de género desdibuja las dos violencias: descafeína la de género y quita identidad a la nuestra. Si todo es violencia de género, nada es violencia de género”.
Polo tanto, unha das tarefas fundamentais que debemos promover as persoas que defendemos a diferenciación entre a violencia de xénero e a que se produce entre parellas ou ex parellas do mesmo sexo, é un labor didáctico. Explicar as razón polas que ambas, sendo violencia e debendo ser afrontadas dun xeito integral, teñen uns elementos diferenciadores que conlevaron que a Lei de 2004 integrase o uso da discriminación positiva en materia penal. Isto significa que se impuxo o agravamento de penas que xa existían, pero para os casos en exclusiva de que o agresor sexa un varón e a vítima unha muller coa que ten ou tivo unha relación afectivo-sexual, modificando para iso os artigos 153.2, 171.4, 172.2 e 148.4 do Código Penal. Deste xeito, o resto de agresións no eido doméstico, incluidas as de persoas do mesmo sexo, serán castigadas, por suposto, pero coas penas que xa existían no Código Penal para ditos delictos.
E, por que se produce isto? Porque nesta lei partimos dunha situación de desigualdade histórica e de dominación dos homes sobre as mulleres. A violencia de xénero non é outra cousa que un instrumento de control do patriarcado sobre as mulleres  e, recoñecelo por parte das Administracións coa elaboración, aprobación e desenvolvemento e aplicación desta Lei Integral, é unha forma de admitir que a sociedade enteira está estruturada sobre dita organización. A violencia de xénero, pois, é unha violencia estrutural, unha forma de control que empregan os homes sobre as mulleres e, polo tanto, é unha violencia especial e particular, distinta a outros tipos de violencia, que precisa de solucións e medidas específicas.
Iso non significa, por suposto, que se negue que a violencia entre as parellas do mesmo sexo exista ou que consideremos que as vítimas non merecen a mesma consideración ou protección.
De feito, a Policía, as entidades LGTBI e mesmo as asociacións que traballan na loita contra a violencia contra as mulleres, están a recibir máis denuncias e peticións de axudas de gais e lesbianas por agresións e violencia das súas parellas ou ex parellas. Isto ten que levarnos á conclusión de que é necesario afondar neste tema e, sen dúbida, buscar as mellores ferramentas, incluidas as legais, para combatir este tipo de violencia doméstica.
Resulta intolerable, por poñer algún exemplos, que a día de hoxe non haxa un rexistro de persoas asasinadas polas súas parellas ou ex parellas do colectivo LGTBI; resulta inadmisible que non se especifiquen políticas específicas de prevención e protección para gays e lesbianas obxecto de violencia de doméstica. E aquí é onde teño que referirme ao CONVENIO DE ESTAMBUL, asinado ao final do mandato de Zapatero, o 11 de maio de 2011, e en vigor dende o 1 de agosto de 2014, que supón o convenio do Consello de Europa sobre prevención e loita contra a violencia contra a muller e a violencia doméstica.
Este Convenio pode ser unha importante ferramenta non só para seguir avanzando na lei integral española contra a violencia de xénero, senón que marca un punto importante de desenvolvemento de medidas propias, e mesmo lexislativas, para a violencia producida dentro de parellas ou ex parellas do mesmo sexo.
De feito, no anexo España comprométese a “llevar a cabo las modificaciones necesarias en su ordenamiento jurídico interno a los efectos de la aplicación del Convenio en su totalidad”.

Polo tanto, contamos coas ferramentas de traballo para poder traballar na prevención, atención, protección, asistencia e inserción das vítimas de violencia doméstica dentro do colectivo de gays e lesbianas, mantendo o carácter específico e particular da violencia de xénero. E estou segura que nesta loita tamén estaremos as mulleres. Porque a súa loita e tamén a nosa. Igual, pero distinta; distinta, pero igual.
(Ponencia Xornadas LGTBI: “10 anos despois. Situación actual e retos de futuro”)