Translate

mércores, 1 de xullo de 2015

Edu

Vivo nun barrio que se chama Canido. Un barrio ao que costa chegar dende o centro por esas rúas tan empinadas pero do que, disque, unha vez que estás nel, non queres marchar. E iso é o que parece que lle ocorreu ao artista local Eduardo Hermida e o que semella nos está pasando a moitas e moitos grazas ao gran traballo que persoas coma el están desenvolvendo dende hai uns anos.
Eduardo, ao que chamamos Edu as persoas que o aprezamos, ama Canido con todo ese corazón, que aínda que un pouquiño danado, conserva e irradia unha forza incrible para seguir creando, desenvolvendo proxectos e iniciativas culturais e ensinando o que sabe aos seus alumnos e alumnas dese estudo no que agora traballa na rúa Alegre.
E foi Edu, xunto cunha serie de artistas comprometidos con este barrio e coa cidade, o que está a convertir as rúas e edificios de Canido –moitos deles en estado de auténtica ruina- nun museo pictórico de acceso libre e ao aire libre. Foi Edu o que, dun xeito xeneroso e cunha perspectiva progresista e revindicativa, sacou a arte ás rúas como ferramenta de protesta polo lamentable estado no que se atopaba o barrio, o seu, pero tamén foi o que deu un pulo turístico e económico a esta zona de Ferrol, case que abandonada durante décadas.
As Meninas de Canido nas súas infinitas versións –como poderían ser As gaitas de Canido, os canguros de Canido ou calquer outro protagonista dun cadro, persoa, animal ou cousa do mundo levados ao barrio- se teñen convertido nun referente non so a nivel local, senón que a iniciativa, na que o urbanismo, a cultura, e mesmo o turismo danse a man, traspasou as nosas fronteiras e está sendo recoñecida incluso a nivel internacional.

Canido, grazas en boa medida a Edu -porque un Urban que o goberno local saínte  xestionou tarde, mal e a rastro semella que non está a resolver moitos dos problemas do barrio-, perde esa tristura que a caracterizaba e recupera pouco a pouco  iso que dicía a canción: Es en Canido donde reina la alegría, es en Canido donde reina el buen humor… Por todo o que fixeches e por todo o que sei que tes pensado facer, grazas.

venres, 5 de xuño de 2015

Novos tempos para o feminismo galego

Dicir que "non hai mal que por ben non veña" cando se trata de dereitos, ou mellor dito, cando se trata de recortes nestes ou directamente a súa eliminación, pode soar frívolo. Así que tratarei de explicarme o mellor posible para xustificar a utilización deste dito popular na miña reflexión.
A contrarreforma da Lei do Aborto auspiciada polo entón ministro de Xustiza do PP, Alberto Ruiz Gallardón, provocou unha contundente resposta da sociedade, pero sobre todo, das mulleres de todo o Estado. E Galicia non foi unha excepción. As feministas galegas, ante a ameaza dunha modificación nesta lei (antes mesmo de que Gallardón presentase o anteproxecto) reuníronse en torno á entón denominada Plataforma Galega polo Dereito ao Aborto, que veu traballando activamente ata agora en defensa do dereito das mulleres a decidir sobre o seu propio corpo e sobre algo tan persoal e íntimo como é a maternidade. E foi aí cando comezou un intenso e frutífero traballo en común.
Nacionalistas, independentistas, comunistas, socialistas... nesa plataforma tivemos e temos cabida todas. Porque ás obvias diferenzas políticas, as feministas galegas soubemos antepoñer a defensa dos nosos dereitos, soubemos deixar a un lado esa suposta distancia que nos separa e, facendo gala dunha enorme capacidade de diálogo e xenerosidade, realizamos un enorme -e magnífico, se se me permite- traballo, cuxos froitos á vista están.
E esa unidade é a que debe continuar. Non só porque, a pesar de conseguir tumbar esa reforma e mesmo propiciar a dimisión do ministro Gallardón, a ameaza segue máis viva que nunca con outra reforma pola que o Goberno do PP vai tutelar as mulleres de 16 e 17 anos e condenalas a abortar na clandestinidade ou a ter que informar un pai maltratador dun embarazo -cos riscos que iso supón-, senón porque se unha cousa quedou constatada nestes anos é que a unión fai a forza.
Nuns días, a Plataforma Galega polo Dereito ao Aborto decidirá, nun debate aberto, profundo e sobre o que se xa se leva traballando nos últimos meses, sobre o futuro desta e sobre a posibilidade de abrir ese abano de colaboración do colectivo feminista galego -que inclúe entidades, sindicatos e partidos políticos- a outros temas que nos afectan ás mulleres e que son motivo de desigualdade e discriminación, sobre os que tamén podemos traballar xuntas. A defensa dos dereitos sexuais e reprodutivos -máis alá do dereito ao aborto que figura no propio nome da plataforma- pode ser o inicio dunha colaboración que tamén vimos fluír na loita contra a violencia de xénero.

Facer un esforzo do que xa demos probas que somos capaces de facer para selar un acordo que nos leve a camiñar en común a todas as mulleres feministas de Galicia presúmese un reto apaixonante e, aínda que complicado, creo que é necesario se queremos conseguir avances. Polo menos, esta secretaria de Igualdade do PSdeG porá todo o que está na súa man para acadar que as mulleres galegas ocupemos o lugar que nos corresponde. E, se é posible, xuntas. 

sábado, 2 de maio de 2015

Auga: Xestión e Taxas

As e os ferroláns  estamos a recibir nestas semanas, ademais da habitual factura de Emafesa, un novo “agasallo”. Trátase dun documento de cor beis no que  figura o importe que desde xa (marzo) debemos abonar en concepto de taxa pola depuración das augas. En total, nesta primeira factura cuadrimestral desembolsaremos ao redor de 24 euros -algo máis de 35 de media en canto sexan semestrais, que é a periodicidade acordada polo grupo de goberno- os 33.000 contribuíntes conectados.
Primeiro problema. Destes 33.000, unicamente 10.000 están conectados de forma efectiva á rede, polo que máis de 20.000 contribuíntes realizarán este pago por un servizo non prestado. E a solución sería sinxela. Dado que a conexión vai por zonas, o Concello é perfectamente coñecedor de que abonados reciben este servizo e, en consecuencia, resultaría perfectamente viable o envío da factura aos fogares onde si xa se está desenvolvendo a depuración das augas.
Segundo problema. Ao abono dunha taxa pola prestación dun servizo que de forma amplamente maioritaria non se está prestando, súmase o importe da devandita taxa. Porque a ninguén se lle escapa que nestes momentos, nos que a cidadanía está a sufrir -e en Ferrol dunha forma especialmente cruel- os efectos dunha crise, incrementar o xa inxente número de recibos que todas e todos abonamos puntualmente cun de nova creación e que superará os 70 euros anuais, non deixa de ser unha auténtica faena. Sen mencionar o que pode supor este custo cando nin sequera recíbese un beneficio a cambio.
Cando, ademais, o 6% da taxa embolsarallo como beneficios Urbaser, a empresa que, xunto co Concello de Ferrol, integra Emafesa -49% a primeira e 51% o segundo-, non deberiamos cuestionarnos o propio sistema de xestión da auga e estudar de forma seria e solvente a posibilidade de municipalizala ao 100%? Non deberiamos esixir un servizo eficaz, eficiente e xusto no pago?

Espérannos numerosas concentracións veciñais, que sen dúbida, reflicten o sentir maioritario dunha cidadanía que está a pagar inxustamente as consecuencias dunha crise da que só se beneficiaron unhas e uns poucos. Os de “arriba”.

sábado, 4 de abril de 2015

Leis

Ser muller, moza e deportista parece ser incompatible coa igualdade. A pesar dos avances producidos nas últimas décadas en todos os ámbitos, o deporte, certo é que con algunhas actuacións e medidas encamiñadas a poñer freo a situacións de desigualdade e a promover a participación das mulleres na actividade deportiva a todos os niveis, segue sendo unha especie de couto pechado para homes e, de forma especialmente notoria, en certas disciplinas.

Porque a realidade constata un feito, que é que a desigualdade no deporte entre homes e mulleres aínda se fai máis patente naquelas modalidades consideradas de "masas", como acontece co fútbol no noso país. Un deporte, o fútbol -campo e sala- copado por homes non só en número de fichas federativas, senón tamén noutros postos, como adestradores, árbitros e responsables das xuntas directivas dos clubs e federacións. Este feito, sumado ao machismo que subxace na nosa sociedade, en xeral, e no deporte, en particular, leva a que ser muller e tomar a decisión de querer xogar ao fútbol aínda se poida considerar, a estas alturas, unha decisión valente.

E máis que valente me pareceu o duro testemuño de Sara, unha moza de 18 anos que, malia a súa xuventude, fixo gala dunha gran madureza ao decidir denunciar ao presidente do club ao que pertencía e no que xogaba, o Leis. Presidente ao que acusa, xunto con outras compañeiras, de acoso e que, a pesar das denuncias presentadas non só ante o xulgado senón tamén ante as institucións deportivas e políticas pertinentes, aínda continúa no seu cargo. Coma se nada. Nin medidas preventivas ata que haxa resolución xudicial definitiva, nin dimisión. O mundo ao revés. Porque mentres el nin sequera foi apartado provisionalmente do seu posto, nin Sara nin o resto das súas compañeiras poden xogar ao que queren e polo que viven, o fútbol, xa que por non facer, nin liberaron as súas fichas federativas para poder ser trasladadas a outro club.

Escoitar a Sara, que participou nunhas xornadas sobre Deporte e Igualdade organizadas polo PSdeG co obxectivo de promover a igualdade entre homes e mulleres no deporte e fomentar e incrementar a actividade física a todos os niveis das mulleres, foi escoitar a cara máis amarga, máis dura e máis inxusta do deporte. Unha cara, a da desigualdade e violencia nas súas diferentes manifestacións contra as mulleres, que vendo o acontecido neste caso ou, por exemplo, no campo de fútbol do Betis non hai moito -onde se fixo unha clara apoloxía á violencia de xénero, ante a pasividade de moitas e moitos-, parece que, lonxe de erradicarse, mesmo se está a incrementar.

A sociedade e, as mulleres de forma moi particular, non pode, non podemos consentir nin unha mostra de desigualdade nin podemos ser cómplices deste tipo de comportamentos. Porque o máis dramático dalgunhas situacións de abuso e acoso que se producen contra as mulleres -e no deporte de forma especialmente destacada pola maioritaria presenza de homes en postos de "superioridade" -, é que están asumidas como “normais” por un bo número de homes e, lamentablemente, tamén de mulleres.


Contra esas actitudes, contra esas vexacións, contra ese machismo debemos alzar a nosa voz. Debemos esixir responsabilidades e debemos reclamar medidas. As administracións e poderes públicos non poden seguir subvencionado a entidades, federacións e clubs que permitan e consintan actitudes violentas e/ou de abuso contra os seus integrantes. As administracións han de velar pola igualdade das mulleres no deporte, en todas as categorías, niveis e disciplinas, esixindo protocolos de obrigado cumprimento e realizando un seguimento periódico destes. As administracións han de velar polo deporte como ferramenta fundamental para a educación en igualdade, promovendo dende o deporte de base estes valores que preveñan futuras actitudes machistas e nos convertan en persoas iguais a todos os niveis. En deportistas. Sen máis… e sen menos.

luns, 9 de marzo de 2015

8 de marzo

Conmemoramos o 8 de marzo como Día Internacional das Mulleres, unha data na que o carácter festivo que caracteriza a esta xornada tínguese polas reivindicacións que facemos ante o deterioro alarmante dos nosos dereitos e liberdades.
Estamos asistindo a un desmantelamento das políticas de igualdade polos Gobernos central e da Xunta coa manida excusa da crise. Estamos asistindo a unha utilización das mulleres e a un “mercadeo” dos nosos dereitos, como é o da maternidade, atacando a un colectivo más vulnerable, o das mulleres máis novas e nunha situación familiar e persoal complexa e difícil. Estamos asistindo a un intento de eliminar ás mulleres do mercado de traballo para levarnos de novo ás nosas casas, aplicando unha Reforma Laboral claramente ideolóxica que, ademais, incrementa as fondas brechas existentes. E, por desgracia, os resultados están aí.
En Galicia, donde os salarios son os segundos máis baixos do Estado, a desigualdade é aínda maior, xa que a estes soldos inferiores hai que engadir que a brecha salarial se ten incrementado por riba da media –case un punto máis de diferencia no último ano-, situándose nun 24,2%.




O ano 2014, ademais, foi pésimo para o emprego feminino en Galicia, inverténdose a tendencia de anos anteriores e rematando cunha taxa de paro femenino superior á masculina. E é que na nosa comunidade se teñen perdido case 51.000 postos de traballo de mulleres no último lustro. Nada máis e nada menos que o 10%...
Non podemos esquecer tampouco a temporalidade e precariedade laboral femininas. Unha de cada catro mulleres ten un contrato temporal obrigado e non escollido, e estas circunstancias teñe unha especial incidencia nas mulleres máis novas, ás que unicamente lles quedan dúas opcións: a de marchar fóra ou a de vivir alternando a temporalidade e precariedade laboral con etapas de desemprego.
Pero, fronte a este escenario case desolador, as mulleres socialistas non nos doblegamos. Un ano máis, acompañamos ás organizacións feministas en defensa dos nosos dereitos e libertades e reiteramos o noso compromiso en defensa da igualdade entre mulleres e homes. Porque apostando pola igualdade apostaremos polo progreso, polo presente e polo futuro.
http://www.lavozdegalicia.es/noticia/opinion/2015/03/08/8-marzo/0003_201503G8P19991.htm