Translate

sábado, 2 de maio de 2015

Auga: Xestión e Taxas

As e os ferroláns  estamos a recibir nestas semanas, ademais da habitual factura de Emafesa, un novo “agasallo”. Trátase dun documento de cor beis no que  figura o importe que desde xa (marzo) debemos abonar en concepto de taxa pola depuración das augas. En total, nesta primeira factura cuadrimestral desembolsaremos ao redor de 24 euros -algo máis de 35 de media en canto sexan semestrais, que é a periodicidade acordada polo grupo de goberno- os 33.000 contribuíntes conectados.
Primeiro problema. Destes 33.000, unicamente 10.000 están conectados de forma efectiva á rede, polo que máis de 20.000 contribuíntes realizarán este pago por un servizo non prestado. E a solución sería sinxela. Dado que a conexión vai por zonas, o Concello é perfectamente coñecedor de que abonados reciben este servizo e, en consecuencia, resultaría perfectamente viable o envío da factura aos fogares onde si xa se está desenvolvendo a depuración das augas.
Segundo problema. Ao abono dunha taxa pola prestación dun servizo que de forma amplamente maioritaria non se está prestando, súmase o importe da devandita taxa. Porque a ninguén se lle escapa que nestes momentos, nos que a cidadanía está a sufrir -e en Ferrol dunha forma especialmente cruel- os efectos dunha crise, incrementar o xa inxente número de recibos que todas e todos abonamos puntualmente cun de nova creación e que superará os 70 euros anuais, non deixa de ser unha auténtica faena. Sen mencionar o que pode supor este custo cando nin sequera recíbese un beneficio a cambio.
Cando, ademais, o 6% da taxa embolsarallo como beneficios Urbaser, a empresa que, xunto co Concello de Ferrol, integra Emafesa -49% a primeira e 51% o segundo-, non deberiamos cuestionarnos o propio sistema de xestión da auga e estudar de forma seria e solvente a posibilidade de municipalizala ao 100%? Non deberiamos esixir un servizo eficaz, eficiente e xusto no pago?

Espérannos numerosas concentracións veciñais, que sen dúbida, reflicten o sentir maioritario dunha cidadanía que está a pagar inxustamente as consecuencias dunha crise da que só se beneficiaron unhas e uns poucos. Os de “arriba”.

sábado, 4 de abril de 2015

Leis

Ser muller, moza e deportista parece ser incompatible coa igualdade. A pesar dos avances producidos nas últimas décadas en todos os ámbitos, o deporte, certo é que con algunhas actuacións e medidas encamiñadas a poñer freo a situacións de desigualdade e a promover a participación das mulleres na actividade deportiva a todos os niveis, segue sendo unha especie de couto pechado para homes e, de forma especialmente notoria, en certas disciplinas.

Porque a realidade constata un feito, que é que a desigualdade no deporte entre homes e mulleres aínda se fai máis patente naquelas modalidades consideradas de "masas", como acontece co fútbol no noso país. Un deporte, o fútbol -campo e sala- copado por homes non só en número de fichas federativas, senón tamén noutros postos, como adestradores, árbitros e responsables das xuntas directivas dos clubs e federacións. Este feito, sumado ao machismo que subxace na nosa sociedade, en xeral, e no deporte, en particular, leva a que ser muller e tomar a decisión de querer xogar ao fútbol aínda se poida considerar, a estas alturas, unha decisión valente.

E máis que valente me pareceu o duro testemuño de Sara, unha moza de 18 anos que, malia a súa xuventude, fixo gala dunha gran madureza ao decidir denunciar ao presidente do club ao que pertencía e no que xogaba, o Leis. Presidente ao que acusa, xunto con outras compañeiras, de acoso e que, a pesar das denuncias presentadas non só ante o xulgado senón tamén ante as institucións deportivas e políticas pertinentes, aínda continúa no seu cargo. Coma se nada. Nin medidas preventivas ata que haxa resolución xudicial definitiva, nin dimisión. O mundo ao revés. Porque mentres el nin sequera foi apartado provisionalmente do seu posto, nin Sara nin o resto das súas compañeiras poden xogar ao que queren e polo que viven, o fútbol, xa que por non facer, nin liberaron as súas fichas federativas para poder ser trasladadas a outro club.

Escoitar a Sara, que participou nunhas xornadas sobre Deporte e Igualdade organizadas polo PSdeG co obxectivo de promover a igualdade entre homes e mulleres no deporte e fomentar e incrementar a actividade física a todos os niveis das mulleres, foi escoitar a cara máis amarga, máis dura e máis inxusta do deporte. Unha cara, a da desigualdade e violencia nas súas diferentes manifestacións contra as mulleres, que vendo o acontecido neste caso ou, por exemplo, no campo de fútbol do Betis non hai moito -onde se fixo unha clara apoloxía á violencia de xénero, ante a pasividade de moitas e moitos-, parece que, lonxe de erradicarse, mesmo se está a incrementar.

A sociedade e, as mulleres de forma moi particular, non pode, non podemos consentir nin unha mostra de desigualdade nin podemos ser cómplices deste tipo de comportamentos. Porque o máis dramático dalgunhas situacións de abuso e acoso que se producen contra as mulleres -e no deporte de forma especialmente destacada pola maioritaria presenza de homes en postos de "superioridade" -, é que están asumidas como “normais” por un bo número de homes e, lamentablemente, tamén de mulleres.


Contra esas actitudes, contra esas vexacións, contra ese machismo debemos alzar a nosa voz. Debemos esixir responsabilidades e debemos reclamar medidas. As administracións e poderes públicos non poden seguir subvencionado a entidades, federacións e clubs que permitan e consintan actitudes violentas e/ou de abuso contra os seus integrantes. As administracións han de velar pola igualdade das mulleres no deporte, en todas as categorías, niveis e disciplinas, esixindo protocolos de obrigado cumprimento e realizando un seguimento periódico destes. As administracións han de velar polo deporte como ferramenta fundamental para a educación en igualdade, promovendo dende o deporte de base estes valores que preveñan futuras actitudes machistas e nos convertan en persoas iguais a todos os niveis. En deportistas. Sen máis… e sen menos.

luns, 9 de marzo de 2015

8 de marzo

Conmemoramos o 8 de marzo como Día Internacional das Mulleres, unha data na que o carácter festivo que caracteriza a esta xornada tínguese polas reivindicacións que facemos ante o deterioro alarmante dos nosos dereitos e liberdades.
Estamos asistindo a un desmantelamento das políticas de igualdade polos Gobernos central e da Xunta coa manida excusa da crise. Estamos asistindo a unha utilización das mulleres e a un “mercadeo” dos nosos dereitos, como é o da maternidade, atacando a un colectivo más vulnerable, o das mulleres máis novas e nunha situación familiar e persoal complexa e difícil. Estamos asistindo a un intento de eliminar ás mulleres do mercado de traballo para levarnos de novo ás nosas casas, aplicando unha Reforma Laboral claramente ideolóxica que, ademais, incrementa as fondas brechas existentes. E, por desgracia, os resultados están aí.
En Galicia, donde os salarios son os segundos máis baixos do Estado, a desigualdade é aínda maior, xa que a estes soldos inferiores hai que engadir que a brecha salarial se ten incrementado por riba da media –case un punto máis de diferencia no último ano-, situándose nun 24,2%.




O ano 2014, ademais, foi pésimo para o emprego feminino en Galicia, inverténdose a tendencia de anos anteriores e rematando cunha taxa de paro femenino superior á masculina. E é que na nosa comunidade se teñen perdido case 51.000 postos de traballo de mulleres no último lustro. Nada máis e nada menos que o 10%...
Non podemos esquecer tampouco a temporalidade e precariedade laboral femininas. Unha de cada catro mulleres ten un contrato temporal obrigado e non escollido, e estas circunstancias teñe unha especial incidencia nas mulleres máis novas, ás que unicamente lles quedan dúas opcións: a de marchar fóra ou a de vivir alternando a temporalidade e precariedade laboral con etapas de desemprego.
Pero, fronte a este escenario case desolador, as mulleres socialistas non nos doblegamos. Un ano máis, acompañamos ás organizacións feministas en defensa dos nosos dereitos e libertades e reiteramos o noso compromiso en defensa da igualdade entre mulleres e homes. Porque apostando pola igualdade apostaremos polo progreso, polo presente e polo futuro.
http://www.lavozdegalicia.es/noticia/opinion/2015/03/08/8-marzo/0003_201503G8P19991.htm




martes, 17 de febreiro de 2015

Educar para ser iguais

As persoas somos froito do que vivimos, do que experimentamos e, por suposto, do que nos ensinaron. Por iso, cando se fan públicos resultados de informes como o "Estudo de percepción da violencia de xénero por parte da adolescencia e xuventude", resulta un pouco absurdo que nos botemos as mans á cabeza escandalizadas e escandalizados ao constatar que 1 de cada 3 novos considera aceptable controlar a súa parella e un 28% afirma ter sufrido un control que considera abusivo.
Que estamos indo marcha atrás a velocidade de vertixe en todo o que se refire á igualdade entre mulleres e homes é un feito. Que as políticas defendidas, promovidas e desenvolvidas polos Gobernos do Partido Popular, tanto a nivel lexislativo como executivo e presupostario, van dirixidas á mingua de dereitos e liberdades das mulleres e, polo tanto, unicamente incrementan o machismo no conxunto da nosa sociedade, tampouco é descoñecido para ninguén. E que estes recortes, xustificados falsamente coa crise, afectaron -e ségueno facendo- a aspectos tales como a prevención, a educación e a posta en marcha de campañas de sensibilización, estanse constatando a diario.
Precisamente nestes últimos aspectos radica unha parte fundamental do obxectivo para o que moitas persoas estamos a traballar e que, en realidade, non deixa de ser o fin último dunha sociedade que pretende ser moderna e desenvolvida: o de conseguir a igualdade, entre a que se encontra, por suposto, a que ten que existir entre mulleres e homes. Polo tanto, esquecer ou directamente prescindir metendo unha tesoirada de todo aquilo que soe a prevención e educación en igualdade -aderezado con decisións do calibre de eliminar a materia Educación para a Cidadanía- produce resultados como os que agora estamos a coñecer.
Por que a Lei contra a Violencia de Xénero de 2004 leva no seu nome a palabra "integral" e considera a educación e prevención como piares determinantes á hora de poñer fin a esta eiva? Por que a Lei de Saúde Sexual e Reprodutiva e da Interrupción Voluntaria do Embarazo leva tal título e incide na necesidade de educar dende a infancia? Pois a resposta é ben sinxela: Porque só cunha educación, formación e información axeitadas poderemos conseguir unha sociedade diferente.
As administracións non poden mirar para outro lado. As administracións, as persoas que nos están a gobernar, non poden nin deben delegar toda a carga e responsabilidade educativa nas nais e pais. Unhas nais e pais que, ademais, en moitos casos son produto dunha sociedade patriarcal e machista, que é a que prevaleceu durante séculos e séculos e, polo tanto, tamén han de ser obxecto destas campañas educativas e preventivas.

Se queremos ir á orixe do machismo e atallalo, se non queremos que os nosos fillos e fillas poidan acabar converténdose en maltratadores e vítimas, fagamos os deberes e recuperemos -e incrementemos- as partidas presupostarias, as políticas e campañas destinadas a previr e educar en igualdade. Desenvolvamos as leis de forma íntegra e levemos aos centros escolares non só estas iniciativas, senón tamén materias como Educación para a Cidadanía. Porque só educando en igualdade poderemos ser iguais algún día.