Translate

martes, 17 de febreiro de 2015

Educar para ser iguais

As persoas somos froito do que vivimos, do que experimentamos e, por suposto, do que nos ensinaron. Por iso, cando se fan públicos resultados de informes como o "Estudo de percepción da violencia de xénero por parte da adolescencia e xuventude", resulta un pouco absurdo que nos botemos as mans á cabeza escandalizadas e escandalizados ao constatar que 1 de cada 3 novos considera aceptable controlar a súa parella e un 28% afirma ter sufrido un control que considera abusivo.
Que estamos indo marcha atrás a velocidade de vertixe en todo o que se refire á igualdade entre mulleres e homes é un feito. Que as políticas defendidas, promovidas e desenvolvidas polos Gobernos do Partido Popular, tanto a nivel lexislativo como executivo e presupostario, van dirixidas á mingua de dereitos e liberdades das mulleres e, polo tanto, unicamente incrementan o machismo no conxunto da nosa sociedade, tampouco é descoñecido para ninguén. E que estes recortes, xustificados falsamente coa crise, afectaron -e ségueno facendo- a aspectos tales como a prevención, a educación e a posta en marcha de campañas de sensibilización, estanse constatando a diario.
Precisamente nestes últimos aspectos radica unha parte fundamental do obxectivo para o que moitas persoas estamos a traballar e que, en realidade, non deixa de ser o fin último dunha sociedade que pretende ser moderna e desenvolvida: o de conseguir a igualdade, entre a que se encontra, por suposto, a que ten que existir entre mulleres e homes. Polo tanto, esquecer ou directamente prescindir metendo unha tesoirada de todo aquilo que soe a prevención e educación en igualdade -aderezado con decisións do calibre de eliminar a materia Educación para a Cidadanía- produce resultados como os que agora estamos a coñecer.
Por que a Lei contra a Violencia de Xénero de 2004 leva no seu nome a palabra "integral" e considera a educación e prevención como piares determinantes á hora de poñer fin a esta eiva? Por que a Lei de Saúde Sexual e Reprodutiva e da Interrupción Voluntaria do Embarazo leva tal título e incide na necesidade de educar dende a infancia? Pois a resposta é ben sinxela: Porque só cunha educación, formación e información axeitadas poderemos conseguir unha sociedade diferente.
As administracións non poden mirar para outro lado. As administracións, as persoas que nos están a gobernar, non poden nin deben delegar toda a carga e responsabilidade educativa nas nais e pais. Unhas nais e pais que, ademais, en moitos casos son produto dunha sociedade patriarcal e machista, que é a que prevaleceu durante séculos e séculos e, polo tanto, tamén han de ser obxecto destas campañas educativas e preventivas.

Se queremos ir á orixe do machismo e atallalo, se non queremos que os nosos fillos e fillas poidan acabar converténdose en maltratadores e vítimas, fagamos os deberes e recuperemos -e incrementemos- as partidas presupostarias, as políticas e campañas destinadas a previr e educar en igualdade. Desenvolvamos as leis de forma íntegra e levemos aos centros escolares non só estas iniciativas, senón tamén materias como Educación para a Cidadanía. Porque só educando en igualdade poderemos ser iguais algún día.

Ningún comentario:

Publicar un comentario