Unha das imaxes que recordo dos
veráns da miña infancia é a de xogar na casa dos meus avós en Covas, alá
por mediados de xullo, cun avión de cortiza que me compraban os meus pais nunha
feira que esperabamos como auga de maio. Para nenos e maiores, a Feira de Mostras constituía
un auténtico evento nunha cidade en auxe e bonanza a todos os niveis. Miles de
persoas acudían a Punta Arnela para comprar obxectos do máis diverso
-recordo dispositivos, como un recolledor de migas, que estivo durante anos na
miña casa- ou, simplemente, para dar un paseo e coñecer algunhas das novidades
do mercado en diversos sectores.

Deixando a un lado aspectos criticables
da actuación dun Concello que tomou cartas no asunto cun FIMO agonizante
e que xa perdera moito tempo e, sobre todo, postos de traballo, o certo é que
agora se abre un momento crucial. Un momento que debe ser aproveitado para
converter a este recinto nun motor socioeconómico de Ferrol e de toda a
bisbarra. Mancomunalo, incluír a Deputación e Xunta en socios dentro do
seu consello de administración e, sobre todo, realizar un plan de usos que
inclúa a celebración dunha gran feira internacional do turismo e outras de
prestixio sobre naval e porto -é dicir, sobre recursos que temos e podemos "vender"-
resultan pezas clave dun crebacabezas que non debe esquecer algo fundamental e
prioritario: aboar as nóminas que se deben a uns traballadores que mantiveron
en pé un dos referentes da nosa cidade.
Ningún comentario:
Publicar un comentario