Translate

sábado, 31 de xaneiro de 2015

Mozas e o dereito ao aborto

Dende que Mariano Rajoy, a finais do pasado mes de setembro, anunciou a retirada da reforma da coñecida como Lei do Aborto (tamén denominada contrarreforma do malogrado Gallardón, que durou o mesmo que este proxecto de modificación da norma de 2010), o movemento feminista se mantén en permanente estado de alarma e alerta posto que foron moitas e constantes as ameazas, tanto por parte do propio presidente do Goberno como dalgúns dos seus ministros, acerca da intención de modificar certos artigos desta Lei de Saúde Sexual e Reprodutiva e da IVE.
A última, a realizada polo novo ministro de Igualdade, Alfonso Alonso, asegurando que o Goberno reformará de "forma inmediata" (fálase mesmo deste mes de febreiro) o artigo referido ás mozas de 16 e 17 anos, alegando como argumento para xustificar esta decisión unha falsa realidade: a de que as rapazas abortan como método anticonceptivo e que non falan coas súas familias.
Os datos están aí. Segundo o informe da Asociación de Clínicas IVE (ACAI), xa coa Lei de 2010 en funcionamento, das mulleres que abortaron nos seus centros, só 1.186 eran menores de  anos e, destas, soamente non puideron informar aos seus titores 151. E isto que significa? Pois que só un 10% das mozas de 16 e 17 anos que interromperon voluntariamente o seu embarazo -ou un 0,41 do total de mulleres que o fixeron- non levaron a cabo ese trámite. E a tendencia e porcentaxes son os mesmos se tomamos como referencia os últimos datos coñecidos, tamén facilitados por ACAI, sobre número de abortos efectuados nestas clínicas entre os meses de xaneiro e setembro de 2014.
Pero, é que ademais, o Goberno, concretamente o Partido Popular, está a manipular a propia Lei; unha lei que respecta o dereito das mulleres mozas a decidir e que tamén obriga a informar as súas familias, agás que se produzan unha serie de situacións perfectamente especificadas na propia norma. Porque, quen se pode opoñer a que unha rapaza de 16 ou 17 anos non informe a súa nai, pai ou titores legais cando facelo lle pode supoñer "un conflito grave, manifestado no perigo certo de violencia intrafamiliar, ameazas, coaccións, malos tratos, ou se produza unha situación de desarraigamento ou desamparo"? Ninguén no seu san xuízo, non lles parece?
Pois isto mesmo, e de forma literal, é o que di o artigo 13 da Lei de Saúde Sexual e Reprodutiva e da IVE de 2010. Un artigo que se está a utilizar de forma torticeira para recuperar un puñado de votos -algúns dese arco ultraconservador que o PP pensa que perdeu ao retirar a súa contrarreforma- a costa de controlar a vida das mulleres, neste caso as máis novas, expoñéndoas a abortos clandestinos
e desprotexéndoas en situacións de extrema gravidade.

Polo tanto, e tendo en conta, ademais, que este debate xa se produciu durante a tramitación parlamentaria da Lei e se pechou cun acordo, este artigo non debe modificar nin unha coma.
E se queremos previr e evitar que novos e maiores se vexan ante a difícil decisión de interromper voluntariamente o seu embarazo, desenvolvan, señoras e señores do PP, a Lei de 2010 e garantan o seu total cumprimento. Porque unha das mellores virtudes que ten esta norma é, precisamente, que garante o dereito á educación e á saúde sexual e só así, cunha educación sexual axeitada e coa mellora no acceso aos métodos anticonceptivos, poderemos previr de forma máis efectiva, especialmente en persoas novas, as infeccións de transmisión sexual, os embarazos non desexados e, en consecuencia, os abortos.

Ningún comentario:

Publicar un comentario