Cando unha ten a sorte (na
actualidade, case o privilexio) de poder viaxar moi de cando en vez e coñecer
diferentes lugares, decátase do que aprende no que se poderían definir como
experiencias vitais de primeiro nivel. E tamén, e inevitablemente, xorden as
comparacións sobre os respectivos modos de vida e sobre a forma en que en cada
sitio se aproveitan, ou non, os recursos propios.
Isto vén ao caso porque
recentemente regresaba a Lisboa, unha cidade que me marabilla e me ofrece
experiencias e emocións novas cada vez que teño ocasión de visitala. Esta vez
coñecín os seus mercados. Uns mercados, como o da Ribeira, que supoño que
non partían da mellor das situacións, posto que en Lisboa, como en todas partes,
as grandes superficies tamén inundaron a cidade.
Pois ben, a forma na que souberon
combinar a venda de produtos frescos -cunha nave para froitas e verduras e
outra para carne e peixe- coa de restauración, remodelando para iso as
instalacións e adaptándoas ás necesidades e usos, fíxome pensar no que temos
aquí: uns mercados que caen, cun número de operadores que decae cada ano e, en
definitiva, cunhas perspectivas de futuro escasas ou directamente nulas.
Potenciar os nosos mercados e os
nosos produtos é potenciar a nosa cidade. Por iso, debemos mirar arredor e ver
que o que fixo Lisboa con éxito -e noutras moitas localidades, algunhas non tan
afastadas- pode aplicarse en Ferrol, coas súas peculiaridades e cunhas necesidades
propias que deberían priorizar a rehabilitación integral de todas as
instalacións. A partir de aí, resulta fundamental que se potencie a venda de
produtos frescos a través de iniciativas activas, de espazos dedicados á
degustación gastronómica destes e mesmo de cursos de cociña mediante os cales
se poida formar futuros restauradores especializados na elaboración de pratos
cos devanditos produtos. Pero para que isto se converta nunha realidade,
necesitamos unha administración que crea niso e, por desgracia, o PP, por
moito que agora parchee, leva tres anos deixando morrer aos nosos mercados. Ao
que é noso.
Artigo publicado na edición de Ferrol da Voz de Galicia o 13 de xaneiro de 2015
Ningún comentario:
Publicar un comentario