Translate

domingo, 19 de febreiro de 2017

Cruceiros


25. Este número de cruceiros que ao 31 de decembro farían escala no porto de Ferrol. Sen dúbida, unha cifra histórica que, ademais, reflicte o crecente interese deste destino en moitas das rutas que estes enormes barcos realizan nas súas viaxes polo vello continente.
Pero aínda que para moitas persoas se trata dunha realidade dificilmente inimaxinable hai só unhas décadas, froito -todo hai que dicilo- do traballo e esforzo realizado pola Autoridade Portuaria, o certo é que desde que en outubro de 2004 atracaba o Black Prince, son máis de cen os cruceiros que elixiron a nosa cidade para pasar unhas horas ou mesmo nalgún caso unha xornada completa. Condicións favorables para as navieras e que tamén valoran os cruceristas foron, e son, fundamentais á hora de consolidar este destino.
Como usuaria -cando podo- deste tipo de turismo, aprezo dunha forma especial as súas vantaxes, tanto para quen decide embarcarse -nunca mellor dito- nunha singradura a bordo destas auténticas cidades flotantes, como para quen os recibe, xa que se trata dunha magnífica forma de facer negocio.
De feito, recentemente comerciantes e hostaleiros locais recoñecían que  empezan a percibir os efectos deste turismo. Pero non é suficiente. As escalas dos cruceiros na cidade han de servir non só para que a Autoridade Portuaria faga caixa e se deixe notar lixeiramente en catro ou cinco establecementos locais, senón que deben ser un auténtico elemento dinamizador nunha cidade que precisa urxentemente de recursos para saír adiante.

Nada teño  en contra de cidades como Santiago -máis ben todo o contrario-, pero as institucións implicadas -e aquí o Concello xoga un papel principal- teñen que ofrecer alternativas para que, fronte ao que ocorre en moitas escalas, a maior parte da pasaxe quede na cidade e non marche de visita a Compostela, Betanzos ou a Coruña.  Ademais de facilitar o transporte ao centro da cidade, como xa se fai coas lanzadeiras, Concello, Porto e mesmo asociacións de comerciantes e hostaleiros deben axuntar esforzos para incrementar a oferta con rutas competitivas onde o patrimonio urbano e rural -que o temos-, gastronomía e produtos de diversa índole déanse a man e configuren un arco de posibilidades que atraian a quen viaxa a bordo destes barcos. E esta oferta debe comezar cunha mellora da nosa fachada marítima, do porto, integrando o Fernández Ladreda na cidade e dotando ás instalacións de todo o necesario para cidadáns e turistas. Fagamos de Ferrol un referente no turismo marítimo.


http://www.lavozdegalicia.es/noticia/ferrol/ferrol/2016/10/25/cruceiros/0003_201610F25C4992.htm

mércores, 15 de febreiro de 2017

Facer camiño

O outro día chamoume a atención atoparme no Obradoiro de Santiago aos alcaldes desa cidade e da Coruña comparecendo ante os medios. Unha sorpresa motivada pola insistente énfase anticlerical dos rexedores de Mareas e porque estaba a celebrarse ante a catedral e co deán.
A miña inicial sorpresa transformouse en indignación cando, horas máis tarde, lin que a visita do alcalde coruñés tiña como obxectivo conseguir a Compostela para quen realizaba o Camiño Inglés desde a cidade herculina. Todo un cúmulo de despropósitos se temos en conta eses principios ideolóxicos que din levar á práctica ao extremo pero, sobre todo, porque se falaba do Camiño Inglés coma se non existise xa e coma se non saíse (ademais) dun municipio, onde, por certo, tamén está a gobernar un alcalde da mesma onda, que non se atopaba entre a comitiva.
Ao gran. O Camiño Inglés está recoñecido desde Ferrol, xa que para que a Igrexa outorgue a Compostela téñense que percorrer máis de 100 quilómetros, unha distancia que se supera neste caso e non o fai na ruta que parte desde A Coruña. Pero, máis aló de cuestións “eclesiásticas” -non  menores cando falamos dunha peregrinaxe que moita xente realiza por razóns relixiosas-, o Camiño converteuse nunha poderosa ferramenta turística e cultural para os municipios polos que se pasa. E o inglés -o preferido outrora por peregrinos dos países Escandinavos, Flandes, Países Baixos, Bálticos, do norte de Francia e, ante todo, polos romeus ingleses e irlandeses para chegar a Galicia -, non é menos, tal e como o constatan os últimos datos. Por iso, o feito de que se “oficialice” a ruta desde A Coruña pode supoñer un verdadeiro problema para a nosa cidade. Porque, digo eu, se quixesen revitalizar o Camiño Inglés no seu conxunto, contarían os dous alcaldes co de Ferrol, non? E se quixesen establecer unha colaboración para mellorar esa ruta e non caer en algo así como unha “competencia desleal”, tamén o chamarían, non? Claro, que os feitos ocorridos hai uns días apuntan ao contrario.

O Camiño Inglés debe ser potenciado e, sobre todo, mellorado. É necesario contar cun albergue en Ferrol -cidade e, a poder ser, en Ferrol Vello-, cunha mellor sinalización -existía un proxecto de Eduardo Hermida moi interesante respecto diso- e con mellores infraestruturas -tanto á saída como ao seu paso por diferentes lugares da comarca, onde a falta de mantemento e atención é máis que notoria-.  Así que fagamos camiño, pero non só ao andar, senón tamén con propostas e reivindicacións. Que outros non perden o tempo.

martes, 14 de febreiro de 2017

Perder o tren

Levamos moitos anos advertindo de que Ferrol perde o tren. E, esta vez, a frase non se debe entender en sentido figurado, senón que realmente Ferrol está en risco de perder o tren dun modo literal. Os últimos datos ofrecidos por Renfe confirmaban que a comarca perdeu nun ano ao redor de 10.000 viaxeiros. Esta cifra, realmente elevada, case resulta pequena se temos en conta a calidade do servizo en Ferrolterra, e constata que, fronte ao que ocorre noutras localidades de España e mesmo de Galicia, o ferrocarril aquí vai de mal a peor.
As razóns? Pois creo que son evidentes: malas frecuencias con horarios imposibles, traxectos cunha duración similar á que se produciría se a viaxe se fixese andando e uns prezos que, atendendo ás  circunstancias anteriores, non son en absoluto competitivos.
Por tanto, que Ferrol e comarca perdan viaxeiros non debe sorprender a ninguén. E o que tampouco debe sorprender é o dobre xogo da Xunta e do Goberno central, que mentres por unha banda nos “entreteñen” con boas intencións, falando de estudos, proxectos e demais contos, cando realmente teñen que definirse, é dicir, nos respectivos orzamentos e votando nos Parlamentos, o non é a palabra comodín. O último exemplo, a votación do PP no Hórreo a unha  iniciativa para implantar un servizo de cercanías entre A Coruña e Ferrol. Un servizo que resulta máis que necesario se queremos promover o tren como medio principal de transporte e que o propio informe Tren 2020 -por certo, incide en que Ferrol, xunto con Lugo, son as cidades máis esquecidas e desconectadas de Galicia- considera como actuación prioritaria.

Por tanto, estamos ante o pez que morde a cola. Os gobernos seguen esquecendo a Ferrolterra -non só por tren, senón que temos outros exemplos, máis ou menos recentes, como a tardía chegada da AP9, a Transcantábrica que decidiron que fose polo interior ou os accesos ao porto exterior que, malias as últimas noticias, aínda aínda esperan polo ferrocarril-, e ese abandono en investimentos e proxectos arroxa datos como os coñecidos estes días atrás. Moito me temo que estas cifras -que seguirán costa abaixo se non se toman as medidas axeitadas- servirán ás administracións para eliminar máis e máis servizos ata que o tren desapareza. Eliminados polo que non son outra cousa que consecuencia das súas propias decisións. Ferrol perderá o tren se non o evitamos. Estamos a tempo.

sábado, 11 de febreiro de 2017

Proxecto de cidade, proxecto de vida

Imaxino que, do mesmo xeito que me ocorre a min, moitas ferrolás e ferroláns atopámonos nunha situación similar á dunha ruela sen saída, asistindo ao desmantelamento laboral, social e demográfico dunha cidade que pasou de ser unha das máis dinámicas e ricas de Galicia, a converterse en sinónimo de paro, ruína e decadencia.
Pero o carácter ferrolán –que o temos- e o  inconformismo ideolóxico propio da nosa orixe, aderezado cunha gran dose de terquedade e de optimismo, leváronnos a coller todas as ferramentas que temos ao noso alcance para comezar a picar nesa dura  parede de pedra da ruela en busca dunha saída. Un saída que temos o convencemento de que existe e que poderemos alcanzar porque temos todo o necesario para logarlo.
Este símil explica a nosa razón de ser. Somos persoas, homes e mulleres, nas que conflúen dúas ideas básicas: amamos Ferrol -incluso o de agora, o triste e apagado- e temos unha concepción progresista da vida e da nosa sociedade.
Así naceu o Foro Ferrol Vivo, un espazo de debate e de ideas, aberto e construtivo, que pretende ir moito máis aló do meramente teórico para deseñar un verdadeiro proxecto de cidade. Un proxecto dunha cidade moderna, habitable, humanizada, con boas comunicacións e, sobre todo, con postos de traballo para esas persoas que levan anos sen saber o que é cobrar unha nómina a fin de mes e para a mocidade, que foxe ante a imposibilidade de empezar unha vida.
Somos realistas. Sabemos que os obxectivos son moi complicados e que en todos estes anos houbo diversos intentos cos seus respectivos fracasos. Pero para comezar esta ardua tarefa de derrubar o muro -que na nosa cidade, por certo, adquire un particular simbolismo- contamos con pico e pa, é dicir, cun equipo de xente ilusionada e cunha tremenda vontade de traballo e ganas de cambio, e cun potencial patrimonial, natural, tecnolóxico e humano que creo que a estas alturas ninguén cuestiona.

Sen censuras e sen tabús, pero sempre desde unha perspectiva positiva. Xa está ben de flaxelarse, de autocastigarse e de utilizar a  crítica constante cara a todo e cara a tod@s.  Miremos a adiante e traballemos sen descanso por un Ferrol vivo, o que estou segura moitas e moitos desexamos, porque iso non é outra cousa que a de loitar da man por un proxecto de cidade, por un proxecto de vida.


mércores, 8 de febreiro de 2017

Dedicacións en exclusiva

A repartición das dedicacións exclusivas/parciais no Concello de Ferrol é, por empregar un termo suave, surrealista. Talvez sexa porque o que está a ocorrer na  propia corporación tamén o provoque, porque o certo é que estamos ante unha situación inaudita, onde goberna un grupo con seis edís de FeC máis dous non adscritas e fronte a esta suma de oito sitúanse, nin máis nin menos, que 17 persoas pertencentes a catro partidos.
E, á xa difícil tarefa de gobernar con oito -quede dito de antemán que non defendo esta opción, como xa non o facía, polas dificultades que entrañaba, co pacto FecC /PSdeG sen incluír a un BNG que garantía o fatídico 13 que outorga a maioría en pleno-, algunhas e algúns decidiron complicar máis, se cabe, as cousas.
Resulta que agora debe dar máis traballo estar na oposición que no goberno, tal e como se deduce das dedicacións exclusivas aprobadas nun polémico pleno grazas a un pacto antinatura entre socialistas e populares. Así as cousas, as dedicacións exclusivas, isto é cobrar un soldo -non excesivamente elevado, certo é, pero polo menos digno- e cotizar, repartíronse de modo que grupos que actualmente teñen tres concelleiros contan con dúas exclusivas/parciais ou que, con once edís, cinco atópense nesta situación. E, mentres, o goberno de oito debe facer o seu traballo con catro, incluida a do alcalde.
Gustaríame entender cómo se pode desenvolver a tarefa de goberno, sobre todo nunha cidade como a nosa, cunhas necesidades moi especiais e urxentes, cando se ha de compatibilizar o traballo de concelleiro co que se teña máis aló da praza de Armas. Gustaríame entender como podemos dignificar a política se priman os intereses de quen fixo da mesma un modo de vida e, por tanto, ten funcionarizada a súa situación laboral nunha ou outra administración. En definitiva, gustaríame saber as razóns, máis aló do estritamente numérico, polas que a oposición cobra máis que o goberno, sexa da cor que sexa.

Porque, digo eu, para “tombar” a un goberno existen fórmulas legais, como a moción de censura, sen necesidade de “asfixiar” a un goberno que xa per se ten escasa maniobra de actuación –situación na que, efectivamente, o alcalde ten moita responsabilidade-. Salvo que esta segunda fórmula teña outro obxectivo que, me da, nada ten que ver con buscar solucións para que esta cidade avance. 

luns, 6 de febreiro de 2017

Peonalización


Supoño que a estas alturas da película a ninguén se lle ocorre pensar que nunha cidade como Santiago poderían circular coches coma se tal cousa polo seu centro histórico. Do mesmo xeito que noutras moitas localidades, a decisión de peonalizar foi polémica e enfrontou a unha parte de veciños, hostalería e comercio co goberno municipal, pero a realidade é moi túzara e demostrouse que, tal e como defendían os responsables locais, a aposta por este modelo era a adecuada.
E era a adecuada porque os dous alcaldes que cambiaron Santiago e convertérono no que é hoxe, os socialistas Xerardo Estévex e Sánchez Bugallo, tiñan na súa cabeza perfectamente definido o modelo de cidade que querían e que precisaba a cidadanía. Unha visión de conxunto, integradora, rehabilitadora e de humanización de espazos.
A peonalización é moito máis que cortar unha rúa ao tráfico rodado. E iso é o que en cidades como Santiago fíxose ben, e noutras, como Ferrol, fíxose polo menos regular. Cando se decide desenvolver un modelo de peonalización dun barrio, como é o caso da Magdalena, é importante contar co visto e prace dunha parte -a poder ser maioritaria- da veciñanza e comercio/hostalería da zona, e ese acordo, a priori difícil, seguro que resulta moito máis sinxelo de alcanzar se se fan os “deberes”.
Para iso, debemos definir obxectivos. Para que queremos peonalizar? Que obxectivos perseguimos? Porque a eliminación do tráfico non é unha  simple decisión para reducir contaminación, senón que persegue a humanización de espazos, por unha banda, e a dinamización demográfica e económica, por outra, combinando así o goce da cidadanía co despegamento económico do barrio e a conservación patrimonial.

Cumpre A Magdalena todos estes requisitos? Existe un plan de dinamización comercial? Está a desenvolverse algún plan de vivenda para asentar poboación nova nun barrio que se está empezando a caer como o de Ferrol Vello? Dispoñemos dun plan de de mobilidade da cidade que defina e potencie o transporte público e concrete aparcadoiros en barrios periféricos? Estudáronse as razóns polas que a peonalización non funcionou nalgunhas das rúas do centro da nosa cidade? Son moitas preguntas, e talvez demasiado complexas. Por iso, tomar decisións drásticas poden acarrear consecuencias terribles para unha cidade que non se pode permitir máis erros. Peonalizar si, pero con cabeza, perspectiva e sentido.


http://www.lavozdegalicia.es/noticia/ferrol/ferrol/2016/10/13/peonalizacion/0003_201610F13C5993.htm