Translate

sábado, 24 de outubro de 2015

Escravitude no século XXI

Hoxe conmemórase o Día Internacional contra a Explotación Sexual e o Tráfico de Mulleres, Nenas e Nenos, instaurado pola Conferencia Mundial da Coalición Contra o Tráfico de Persoas en coordinación coa Conferencia de Mulleres celebrada en Dhaka, BanglaDesh, en xaneiro de 1999.
Sen lugar a dúbidas, a trata de mulleres con fins de explotación sexual constitúe unha nova forma de escravitude en pleno século XXI e supón unha flagrante violación dos Dereitos Humanos, posto que atenta contra a liberdade, a integridade, a saúde, a vida, a seguridade e a dignidade das persoas, ademais de seren unha das máis duras manifestacións da desigualdade e da violencia de xénero. Ademais, despois da venda de armas e de drogas, a trata con fins se explotación sexual supón o terceiro negocio ilegal máis lucrativo do mundo. Só en España move ao día, segundo a ONU, cinco millóns de euros, ou o que é o mesmo, 1.825 millóns de euros ao ano.
Tampouco son nada alentadores, e si moi alarmantes, as cifras relativas á trata e explotación sexual de nenas e nenos, xa que, segundo a Organización Internacional do Traballo, arredor de 1,8 millóns son vítimas de explotación con fins sexuais. Este dato inclúe a utilización, o recrutamento ou a oferta de nenos e nenas para a prostitución, a produción de pornografía e as actuacións pornográficas. Neste caso, ademais, a explotación sexual leva consigo unha serie de prácticas que danan a vida dos nenos e nenas, a degradan e poñen en perigo a súa supervivencia e desenvolvemento.
As mulleres traficadas son vítimas múltiples: dos traficantes, dos clientes e das súas propias circunstancias. Así mesmo, sofren dunha forma especial a invisibilidade e exclusión ás que as somete a sociedade na que habitan e que, na maior parte dos casos, non é a da súa de procedencia. Polo tanto, estas mulleres sofren ata o extremo as consecuencias das desigualdades e violencia de xénero, así como, en moitas ocasións, da xenofobia e outras manifestacións de discriminación social.
Desta dramática realidade, que a priori podería parecer impensable nunha sociedade moderna e desenvolvida, Galicia tampouco se escapa. De feito, segundo os datos facilitados pola propia Xunta, as once entidades coas que colabora atenderon en 2014 a 7.118 persoas que se atopan nalguna destas situacións, das que 6.868 eran mulleres, 112 homes, 125 transexuais e 13 travestis.  Esta cifra amosa que o número de persoas obxecto de explotación sexual vai en aumento, xa que en 2013 as persoas atendidas foron 5.153, é dicir, 1.965 menos que ao longo do pasado ano.
Polo tanto, debemos ser especialmente contundentes coas medidas a aplicar para rematar co tráfico e explotación de mulleres e de nenas e nenos. Debemos afondar na orixe destas mafias e redes para desmantelalas, debemos traballar de forma pertinaz na educación en igualdade, na asistencia e inserción das vítimas, e non podemos escatimar esforzos nin recursos para rematar con este negocio totalmente degradante para quen o sofre. Nesta loita, é parte fundamental a prevención, que debe pasar polo rexeitamento social a este tipo de escravitude. En consecuencia, as políticas públicas en materia de trata deben contemplala, así como a demanda porque, sen lugar a dúbidas, a trata de seres humanos con fins de explotación sexual e a prostitución van unidos. A trata existe porque hai demanda, polo que se realmente queremos rematar coa explotación sexual temos que rematar coa demanda e coa tolerancia social.

Dende o Partido Socialista esiximos, unha vez máis, unha Lei Integral contra a trata de persoas con fins de explotación sexual, e pedimos ás administracións públicas que incrementen as partidas concretas para a erradicación destas redes de tráfico e explotación sexual e os protocolos de colaboración con outras institucións e organismos implicados e que, a maiores e dende as súas respectivas competencias, desenvolvan medidas e programas de actuación encamiñados a que as vítimas non só superen o trauma e secuelas físicas e psíquicas xeradas pola súa situación, senón que, ademais, se fagan visibles na sociedade na que vivimos. Visibles e, sobre todo, libres.