Translate

venres, 5 de xuño de 2015

Novos tempos para o feminismo galego

Dicir que "non hai mal que por ben non veña" cando se trata de dereitos, ou mellor dito, cando se trata de recortes nestes ou directamente a súa eliminación, pode soar frívolo. Así que tratarei de explicarme o mellor posible para xustificar a utilización deste dito popular na miña reflexión.
A contrarreforma da Lei do Aborto auspiciada polo entón ministro de Xustiza do PP, Alberto Ruiz Gallardón, provocou unha contundente resposta da sociedade, pero sobre todo, das mulleres de todo o Estado. E Galicia non foi unha excepción. As feministas galegas, ante a ameaza dunha modificación nesta lei (antes mesmo de que Gallardón presentase o anteproxecto) reuníronse en torno á entón denominada Plataforma Galega polo Dereito ao Aborto, que veu traballando activamente ata agora en defensa do dereito das mulleres a decidir sobre o seu propio corpo e sobre algo tan persoal e íntimo como é a maternidade. E foi aí cando comezou un intenso e frutífero traballo en común.
Nacionalistas, independentistas, comunistas, socialistas... nesa plataforma tivemos e temos cabida todas. Porque ás obvias diferenzas políticas, as feministas galegas soubemos antepoñer a defensa dos nosos dereitos, soubemos deixar a un lado esa suposta distancia que nos separa e, facendo gala dunha enorme capacidade de diálogo e xenerosidade, realizamos un enorme -e magnífico, se se me permite- traballo, cuxos froitos á vista están.
E esa unidade é a que debe continuar. Non só porque, a pesar de conseguir tumbar esa reforma e mesmo propiciar a dimisión do ministro Gallardón, a ameaza segue máis viva que nunca con outra reforma pola que o Goberno do PP vai tutelar as mulleres de 16 e 17 anos e condenalas a abortar na clandestinidade ou a ter que informar un pai maltratador dun embarazo -cos riscos que iso supón-, senón porque se unha cousa quedou constatada nestes anos é que a unión fai a forza.
Nuns días, a Plataforma Galega polo Dereito ao Aborto decidirá, nun debate aberto, profundo e sobre o que se xa se leva traballando nos últimos meses, sobre o futuro desta e sobre a posibilidade de abrir ese abano de colaboración do colectivo feminista galego -que inclúe entidades, sindicatos e partidos políticos- a outros temas que nos afectan ás mulleres e que son motivo de desigualdade e discriminación, sobre os que tamén podemos traballar xuntas. A defensa dos dereitos sexuais e reprodutivos -máis alá do dereito ao aborto que figura no propio nome da plataforma- pode ser o inicio dunha colaboración que tamén vimos fluír na loita contra a violencia de xénero.

Facer un esforzo do que xa demos probas que somos capaces de facer para selar un acordo que nos leve a camiñar en común a todas as mulleres feministas de Galicia presúmese un reto apaixonante e, aínda que complicado, creo que é necesario se queremos conseguir avances. Polo menos, esta secretaria de Igualdade do PSdeG porá todo o que está na súa man para acadar que as mulleres galegas ocupemos o lugar que nos corresponde. E, se é posible, xuntas.