Translate

luns, 29 de decembro de 2014

Machismo de base

Domingo. Pavillón da zona. Partido de categoría alevín de fútbol sala entre equipo feminino e equipo mixto. Resultado: Empate. Ata aquí, todo normal e típico para moitas familias dunha tarde calquera de fin de semana. O que no meu caso -mamá dun neno do mixto- rompe un pouco esa rutina é un feito xa constatado en anos anteriores, pero que en determinadas tempadas adquire dimensións moito máis evidentes: as compoñentes do equipo feminino superan en preto -ou sen preto- de tres anos aos do noso equipo -entre os que hai unha nena-.
Quede claro de antemán que utilizo este exemplo porque é o que tiven nesta ocasión diante, e quede claro tamén que nada teño en contra dese equipo nin de ningún outro. De feito, considérome unha convencida activista e defensora do deporte feminino.
E precisamente desta premisa parte a miña crítica principal. As cabezas pensantes que decidiron no seu día permitir que os equipos formados exclusivamente por nenas conten con deportistas maiores á súa categoría eran, supoño, homes. E imaxino, porque no caso contrario non tería lóxica, que o fixeron pensando que as mulleres -nenas, neste caso- temos menos destreza co balón ca eles, os homes. Ou sexa, que somos máis burras. Iso si, curiosamente, os equipos mixtos deben cumprir o requisito da categoría. Vamos, que neses casos pensarán que os nenos xa compensan a "inferioridade" das nenas. De chiste.
Ben, pois o que conseguiron é que as nenas -que se nos poñemos a buscar diferenzas, adoitan desenvolver antes que a maior parte dos nenos- teñan que enfrontarse a nenos aos que lles sacan de media unha cabeza e cunha madureza que se percibe na pista. Elas, supoño, aburriranse na maior parte dos casos, e eles -neste caso, cónstame- van "cagadiños" por xogar contra torres.

Se queremos conseguir a participación das nenas en todas as modalidades deportivas e que o fagan en condicións de igualdade, non tomemos decisións como esta, que ten unha orixe profundamente machista. Fagámolo con iniciativas realmente integradoras e fomentemos e potenciemos a súa participación como o que son, deportistas.

xoves, 18 de decembro de 2014

Obras son amores?

Escribo este artigo, entre outras razóns, porque dende sempre escribir me calmou a furia. Unha furia que crece día a día ante o que considero unha verdadeira chapuza e unha tomadura de pelo en toda regra.
Vivo en Ferrol, unha cidade que cada día que pasa perde poboación, industria e emprego, pero que gaña de forma case proporcional valos, máquinas escavadoras e sinais de "rúa cortada por obras".
En principio, a ninguén se lle ocorrería protestar porque un Concello decidise arranxar, urbanizar ou mellorar as rúas. O problema e a indignación prodúcense cando esas ganas de executar obras se concentran no mesmo momento e lévanse á práctica sen planificación ningunha, sen criterio e sen alternativa para peóns e para o tráfico rodado. Resultado? O caos total.
O Concello de Ferrol, historicamente endebedado e líder nestes últimos anos en recortes en políticas activas no ámbito do benestar e dos servizos públicos, decidiu gastar a nada desprezable cantidade de 1,2 millóns de euros -por certo, adxudicados a Tragsa a través dun procedemento, digamos, un tanto escuro-, aos que hai que sumar as partidas doutros proxectos independentes, para realizar estes traballos por toda canta rúa, beirarrúa e praza hai ao longo e ao largo da cidade. As rúas do Sol -ademais da reparación de diversos viais do centro-, Alegre, Igrexa, avenida do Rei, praza de Canido, rúa Río do Tronco, Irmandiños, zona do Cantón e así un longo etcétera, encóntranse a día de hoxe cortadas, semicortadas ou polo menos afectadas por este afán de deixar Ferrol "lustroso" para as eleccións municipais.
Porque creo que xa a ninguén se lle escapa que este desenfreo urbanizador non ten outro obxectivo que o electoralista. Iso si, moi mal pensado e deseñado porque o meu estado furibundo non é illado e dende logo non son a única en pensar que tempo tiveron os nosos responsables políticos locais do PP en máis de tres anos para facer todo o que queren resolver nun ano sen ningún "xeito".

E é que estou convencida de que se cada valo que hai en Ferrol se convertese nun posto de traballo, a cidade tería pleno emprego. Unha pena que non sexa así.

Publicado o 18 de decembro en La Voz de Galicia