Translate

martes, 25 de novembro de 2014

Violencia de xénero. Dez anos despois

Dez anos transcorreron dende que un Goberno socialista, cun presidente que cría firmemente na igualdade como José Luis Rodríguez Zapatero, aprobase unha Lei Integral contra a Violencia de Xénero que supuxo un fito na loita contra unha das principais eivas da nosa sociedade actual consecuencia do machismo máis extremo. Dez anos pasaron xa para unha lei que as mulleres clamabamos a berros e que non só tivo un recoñecemento expreso no noso territorio, senón que recentemente foi premiada polas institucións ONU Mulleres, World Future Council e a Unión Interparlamentaria.
Dez anos. Unha década marcada por uns primeiros tempos nos que esta norma, que afronta a violencia contra as mulleres dunha forma integral e, en consecuencia, afonda en aspectos vitais como a educación, prevención, protección e asistencia ás vítimas, recibiu o impulso necesario para botar a andar, e unha segunda etapa, esta última, na que os Gobernos do Partido Popular, empeñados en meter as tesoiras en todo o que soe a igualdade de dereitos e a estado de benestar, paralizaron o desenvolvemento e aplicación desta lei e, no caso de Galicia, fixeron o propio coa que aprobada polo Bipartito en 2007.
Porque, non nos enganemos. Para que unha lei funcione fai falta crer nela e, polo tanto, dotala de fondos económicos para poder desenvolvela. E o Partido Popular veu demostrando ao longo destes anos de goberno que a aplicación da devandita lei non é un asunto do seu máximo interese, deixando en "números vermellos" dende 2011 as partidas presupostarias dedicadas non só ás políticas de igualdade, senón de forma concreta, á loita contra a violencia de xénero nas súas diferentes vertentes.
Por non falar das consecuencias que terá a posta en marcha en cuestión de meses a denominada Reforma Local, que supoñerá un revés sen precedentes aos servizos sociais e, de forma especialmente destacada, aos Centros de Información á Muller, en moitas ocasións os primeiros lugares de atención e asistencia a vítimas.
A realidade está aí. Segundo os últimos datos facilitados polo propio Ministerio, no que vai de ano un total de 45 mulleres foron asasinadas a mans das súas parellas ou ex parellas, e destas, un 70% non presentara denuncia previa. O caso de Galicia é especialmente preocupante, xa que con seis mulleres asasinadas ata o momento, ocupa o terrible terceiro posto no conxunto do Estado en número de vítimas.
É evidente que ningunha lei é perfecta e tamén o é que en dez anos a nosa sociedade ten mudado, en boa medida debido ao retroceso ideolóxico promulgado e defendido a capa e espada por un Partido Popular tremendamente conservador, retrógrado e machista. É evidente que a irrupción de novas tecnoloxías e sobre todo, das redes sociais, influíron de forma notable en novas formas de acoso, ameazas e, en definitiva, de exercer a violencia contra as mulleres, e tamén o é que hai que prestar especial atención a estes casos.

Por todo iso, agora máis que nunca debemos esixir ás administracións tolerancia cero fronte á violencia de xénero. Unha tolerancia cero que debe empezar por dotar de fondos a esta lei para poder desenvolvela como corresponde e como precisan estes novos tempos. Porque, como berramos neste 25 de novembro, dez anos despois, o machismo segue matando.

http://praza.gal/opinion/2168/violencia-de-xenero-dez-anos-despois/

mércores, 5 de novembro de 2014

Aspaneps ou a loita contra a agonía

Que os recortes feriron case de morte o Estado do Benestar é unha obviedade, pero non por repetilo moitas veces deixa de supoñer un drama. E cando ese drama ten como protagonistas aos colectivos e sectores máis desfavorecidos, a magnitude deste sobe varios chanzos e alcanza cotas de verdadeira alarma social.
Aspaneps, un referente en Ferrolterra dende os 80 nos programas de intervención familiar, saúde mental infantil e inserción sociolaboral para persoas con discapacidade, agoniza dende hai varios anos. Os mesmos que outros teñen o poder e, polo tanto, as tesoiras nas mans para cortar polo san todo aquilo que lles molesta coa tan manida e xa pouco crible escusa da crise económica.
Primeiro foi o cambio da Xunta o que se saldou, alá por 2009 e cun flamante Feijóo nomeado presidente, cun importante recorte, e un par de anos despois, o PP coa súa maioría absoluta tamén no Concello e no Goberno de España, deron o machadazo pode que mortal a uns servizos sociais consolidados durante a etapa socialista e, en concreto, a esta entidade. Unha entidade que, non nos esquezamos, está a realizar un encomiable labor que sería propia dunha administración pública que non asume estas tarefas pero decidiu delegalas a través dun convenio asinado dende 1991 pola Área Sanitaria de Ferrol coa devandita asociación para o desenvolvemento de programas como o de saúde mental.
Polo tanto, as administracións deben acatar a súa responsabilidade e financiar como corresponde a unha entidade que realizou 4.504 consultas só no ano 2013. Por certo, intervencións que se seguen levando a cabo con normalidade porque Aspaneps conta cun grupo de profesionais que, conscientes do labor que desenvolven e cunha clara vocación de servizo cara aos colectivos cos que traballan, nun primeiro momento pactaron un ERE que se aplicou durante un ano e agora reducíronse o salario un 25% para que, de momento, a entidade non bote o peche definitivo.

Non consintamos un golpe máis aos servizos sociais e aos sectores máis vulnerables. Non permitamos que o PP campe ás súas anchas e se cargue todo aquilo polo que outras e outras se deixaron a pel. Apoiemos a loita de quen traballa para conseguir unha sociedade máis xusta e igualitaria. Empezando pola infancia.

Publicado en La Voz de Galicia o 5 de novembro de 2014