Translate

domingo, 19 de outubro de 2014

Sobre cremalleiras

Milito nun partido que, se de algo pode presumir, é de ter sido sempre abandeirado na loita polos dereitos e liberdades das persoas. O Partido Socialista, firme defensor da igualdade entre homes e mulleres, promoveu e desenvolveu durante os seus gobernos políticas dirixidas a alcanzar a devandita igualdade efectiva en toda a sociedade e, noutros momentos, impulsou propostas e normas internas para lograr que as mulleres teñamos máis presenza nos órganos de decisión polo menos dentro do propio partido.
Unha destas é a aprobación na última Conferencia Política das chamadas "listas cremalleira", unha fórmula que consiste en alternar home-muller ou muller-home co obxectivo principal de garantir que as mulleres, as grandes prexudicadas mesmo na paridade que marca a lei, teñamos a nosa presenza asegurada nos primeiros postos das candidaturas, mesmo naqueles municipios onde a política adoita ser aínda considerada "cousa de homes".
Porque o caso da agrupación da que formo parte, a de Ferrol, non é, por desgracia, o predominante. As mulleres do Partido Socialista deste municipio podemos sentirnos orgullosas de ter alcanzado cotas de poder reservadas antano para os homes e, de feito, a maior parte de postos orgánicos e institucionais nos diferentes ámbitos territoriais pertencen na actualidade a mulleres, comezando pola propia dirección da agrupación.
A consecución destes niveis de presenza política das mulleres así como o seu mantemento -en moitas ocasións, máis complicado que chegar ao propio posto- son, pois, os nosos obxectivos a curto e medio prazo porque só así poderemos superar o chamado "teito de cristal" e participar en situación de igualdade plena cos homes.

Este mesmo obxectivo é compartido por todos os compañeiros dirixentes das agrupacións, comezando por Ferrolterra, unha bisbarra que ao longo da historia foi referente na defensa e loita polos dereitos dos traballadores e traballadoras, dos homes e mulleres. E nesta nova etapa, aínda coas dificultades que haberá nalgúns municipios pero cunha gran dose de esforzo, non me cabe dúbida de que nas eleccións municipais tamén seremos un exemplo a seguir. Un exemplo para todos os partidos porque somos nós, as persoas que formamos parte das diferentes formacións políticas, as que primeiro debemos levar á práctica estes principios dirixidos a acadar a igualdade efectiva. Ou é que non se di que o camiño se constrúe andando?

Publicado en La Voz de Galicia en octubre de 2014



mércores, 15 de outubro de 2014

Empoderar as mulleres rurais

15 de outubro, Día das Mulleres Rurais

A existencia do machismo e o patriarcado como modo de organización social son, por desgracia, dúas afirmacións obvias en moitos países do mundo e España non é allea a esta realidade. Se nos centramos en Galicia, os datos non difiren moito do resto do Estado, pero si a nosa comunidade presenta unha serie de características propias que lle fan merecedora dunha análise independente.

Hoxe, día 15 de outubro, celebramos o Día das Mulleres Rurais, unha data que en Galicia non nos debe deixar indiferentes precisamente pola súa propia idiosincrasia. Se ben é certo que nas últimas décadas moitas persoas e familias ao completo abandonaron os seus pobos e aldeas de orixe para probar fortuna nas zonas urbanas -entre elas, como é lóxico, tamén un número importante de mulleres-, non é menos certo que o rural segue constituíndo unha parte fundamental da sociedade e mesmo da economía galegas.

E que papel xogan as mulleres rurais en Galicia? Pois, dende sempre, o de muller traballadora na terra e na súa casa, o de nai e coidadora das súas fillas e fillos e persoas maiores e/ou dependentes -cántas mulleres pasaron e pasan meses e meses soas á fronte dos fogares familiares en vilas mariñeiras e viliñas mentres os seus maridos están embarcados ou traballando fóra- e, en ocasións, o de administradora da economía doméstica.
Pero o que podería parecer unha estrutura matriarcal, realmente queda en nada, xa que as mulleres rurais padecen de forma especial o machismo, porque á dominación habitual dos homes, se suma a carga de responsabilidades e a invisibilidade das mulleres que viven nas zonas rurais galegas.

Por iso, o empoderamento destas mulleres e as medidas en favor da igualdade que se promovan dende as diferentes administracións deben ser prioritarias, algo que non está a acontecer na actualidade, cun PP empecinado en recortar en servizos que teñen unha incidencia especialmente negativa no rural galego. E estas políticas en prol da igualdade no eido rural deben ter en conta estes factores diferenciáis. Porque as mulleres rurais galegas, ademais, foron e son un valor específico e determinante no que é a nosa terra, no que é Galicia.

http://praza.gal/opinion/2093/empoderarnas-mulleres-rurais/