Translate

sábado, 26 de abril de 2014

Mulleres en crise

Crise. Unha palabra que empeza a soarnos a pitorreo e da que estamos realmente ata onde vostedes saben. Esta palabra foi utilizada nos últimos anos polo Partido Popular para xustificar infinitos recortes e leis, que lonxe de solucionar as cousas, acentuaron aínda máis as diferenzas existentes entre clases, entre ricos e pobres e, dunha forma especialmente notoria, entre homes e mulleres.
Porque se hai un colectivo que está a pagar as súas políticas neoliberais e profundamente ideolóxicas, este é, sen dúbida ningunha, o das mulleres. Co manido pretexto da crise, o PP cargouse leis socialistas especialmente positivas para a muller, como a de Dependencia, e pretende facelo con outras como a de Saúde Sexual e Reprodutiva e da Interrupción Voluntaria do Embarazo, que ademais de supoñer recortes económicos, levan consigo a eliminación de algo trascendente: algúns dos dereitos máis importantes, e fundamentais, da muller.A Reforma Laboral, que vén de cumprir dous anos, non se aparta nin un ápice desta aplicación do seu manual ideolóxico, posto que ademais de prexudicar ao home -poderiamos dicir que a reforma o "feminiza" laboralmente-, amplía as diferenzas existentes coas mulleres. Esta reforma, coa que o PP pretende expulsar sen máis a muller do mercado laboral e condenala a mera figura decorativa, reprodutiva e "coidadora" do fogar, levou máis mulleres ao paro, que seguen sendo as máis castigadas polo desemprego, ademais de seguir liderando o apartado relativo aos contratos temporais. E iso por non falar da brecha salarial existente entre homes e mulleres, situada en case un 23%. O feito de que cada ano se incremente a diferenza entre o que cobra un home e unha muller por desempeñar o mesmo posto de traballo -un 0,5%, segundo informes sindicais- non vén máis que a confirmar o éxito das políticas do PP. “Éxito” que dende o Partido Socialista imos combater en todas as institucións, esixindo que se derroguen reformas absurdas e leis retrógradas e promovendo normas de calado social como a de Igualdade Salarial entre Home e Mulleres. Porque a súa vitoria é o noso fracaso, o das mulleres.



Publicado en La Voz de Galicia en abril de 2014